Aprenseñar. Evidencias e implicaciones educativas de aprender enseñando

David Durán Gisbert. Editorial Narcea

Carmen Vaz Dapía
cvaz@edu.xunta.es
CFR Vigo

David Durán defende, neste texto, partindo de numerosas investigacións, experiencias e propostas explicadas con claridade, que aprendemos ensinando cando convertemos a actividade de aprender e ensinar nun diálogo cos outros e con nós mesmos, cando non nos limitamos a dicir o que sabemos senón que o transformamos para comunicárllelo aos demais.

A análise de numerosos estudos indica que dispoñemos de evidencias científicas e de coñecemento suficiente para comprender que aprendemos para ensinar, aprendemos explicando e sobre todo interactuando cos aprendices –a través do cuestionamento, a colaboración e a observación-.

Despois de revisar as evidencias que a investigación ten aportado sobre o concepto de aprender ensinando, o autor da razóns fundamentadas que apoian a necesidade de lles ofrecer oportunidades aos estudantes para que cooperen (ou traballen en equipo) toda vez que a aprendizaxe formal non só debe ter en consideración o que os estudantes aprenden “fóra” (aprendizaxe informal) senón que ademais deberían “informalizar” as súas prácticas para achegalas a estas formas máis efectivas de aprender.

Analiza, tamén, investigacións que constatan que está mellor visto quen ofrece axuda que quen a solicita. Sen embargo, nun contexto escolar tradicional axudar os outros está desvalorizado. Algunhas familias lamentan que os seus fillos “perdan tanto tempo” axudando aos demais e incluso que os fillos doutros non aprendan porque lle axudan ao seu.

Crear a conciencia no alumno que ensina de que esa mesma actividade pode ser unha boa oportunidade para a súa propia aprendizaxe é a mellor forma de dar sentido e prestixiar a axuda entre iguais. Pero para facer isto, é preciso converter a axuda entre iguais en aprendizaxe entre iguais. Este proceso de coconstrución de coñecementos non se da de xeito espontáneo, senón que require dunha coidadosa planificación e estruturación da axuda coa intención expresa de que o que axuda tamén aprenda.

Neste texto atoparemos, tamén, exemplos de situacións nas que o profesorado compartiú co seu alumnado a capacidade de ensinar, alentándoo a que aprendan ensinando aos seus compañeiros. Non se trata de un método pedagóxico, senón de prácticas ricas, e complementarias con outras empregadas polos profesores, que inclúen o principio de aprender ensinando.

No capítulo final, argumenta a necesidade de que os profesores e profesoras coñeza que condicións poden favorecer que les mesmo tamén poida aprender ensinando o estudantado. Para apoiar esta idea, o autor revisa as evidencias achegadas polas investigacións e destaca algúns principios que se derivan delas e que poden axudar a que os profesores e profesoras aprendan ensinando.

En definitiva, este texto apórtanos razóns numerosas e evidencias sobre a necesidade de converter as aulas en comunidades de aprendices, onde os alumnos e as alumnas aprendan ensinándose mutuamente. 

Sección: