Políticas educativas y construcción de personalidades neoliberales y neocolonialistas

Jurjo Torres Santomé, Editorial Morata (2017)

Eduardo Rodríguez Machado
upa@edu.xunta.es
Asesor CFR Coruña

No último libro de Jurjo Torres Santomé "Políticas educativas y construcción de personalidades neoliberales e neocolonialistas" plásmanse ideas que o autor foi madurando ao longo da súa traxectoria educativa, a través dun longo e intenso proceso de reflexión, análise e elaboración de coñecemento.

O presente libro está composto por catro capítulos nos que se visibilizan as funcións que en cada momento histórico desempeña o sistema educativo. O autor realiza unha análise dos diferentes labores asignados ás políticas educativas que lexislan e as reformas que levan a cabo os gobernos para ir reconfigurando a sociedade dun determinando momento.

No primeiro capítulo, o máis extenso da obra, intenta explicar como a educación é unha tarefa complexa, que vai máis aló de transmitir unha determinada bagaxe cultural e de potenciar unhas determinadas capacidades na cidadanía. Fai fincapé na reconfiguración do sistema educativo en cada momento histórico e analiza os labores que se lles asignan ás políticas educativas que lexislan e ás reformas que os gobernos levan a cabo. Céntrase en aspectos desas desigualdades e inxustizas e desas brechas entre os que máis teñen e os que menos.

No segundo capítulo, móstranos como unha determinada reforma prima un determinado tipo de contidos culturais, competencias e valores, unhas determinadas áreas de coñecemento e materias e relega e desvirtúa outras que poderían ameazar a viabilidade de educar personalidades neoliberais, conservadoras católicas e neocolonialistas. Todo isto xunto con esa selección cultural que expón o autor.

No terceiro capítulo, continúa na liña do exposto anteriormente e explícanos que un determinado proxecto político, económico e laboral neoliberal, conservador católico e neocolonialista esixe tamén acabar con aquelas institucións que non son coherentes con ese modelo ideolóxico. Céntrase na dobre rede de institucións escolares, por unha banda, a rede pública, e, pola outra, a rede privada e privada-concertada. Debulla como as diferenzas e as súas consecuencias se sitúan moito máis alá da simple titularidade e que os cambios e tendencias observadas sobre a súa función, composición e características están a afectar á igualdade de oportunidades e á integración social.

No cuarto e último capítulo, arguméntanse as urxencias pedagóxicas de atender á formación e actualización do profesorado, dado que o colectivo docente simboliza unha cidadanía activa; un colectivo de intelectuais públicos e profesionais críticos e responsables. A formación continua para mellorar as competencias e habilidades permite unha mellor cualificación dos profesionais, esta fai alusión a toda actividade de aprendizaxe que se realiza ao longo da vida co obxectivo de incrementar os coñecementos, capacidades e aptitudes, ademais de enriquecer o nivel cultural e persoal.

En definitiva, nesta obra o autor ofrécenos pautas, reflexións e ideas de enorme interese para quen desexe profundar nas políticas educativas e a súa posta en práctica nas institucións escolares desde as perspectivas da xustiza e da democracia. Estamos ante unha mirada política desde a política do común.

Como nos comenta o autor ao finalizar a súa obra “ ¡Otro mundo es posible! ¡Sí, sí se puede!”

 

Sección: