El aprendizaje cooperativo en el aula

David W. Johnson, Roger T. Johnson e Edythe J. Holubec. Editorial Paidós Ecuador, 1999

Beatriz López Dorado
belodor@edu.xunta.es
Asesora CFR Lugo

David Johnson é sempre un referente en materia educativa. Con motivo do seu paso polo ciclo de conferencias «(R)evolució educativa» de eduCaixa en Barcelona, acudimos de novo ao libro El aprendizaje cooperativo en el aula que, xunto co seu irmán Roger T. Johnson e Edythe J. Holubec, publicou no ano 1999.

A través destas páxinas poderemos tomar nota de numerosas estratexias concretas (conformación de grupos, disposición da aula, asignación de roles etc.) para levar á práctica a aprendizaxe cooperativa no contexto escolar. Cómpre revisarmos os modelos baseados na gran produción e competitividade que se veñen empregando desde hai moito tempo nos centros educativos. Que nos ofrecen? Cara a onde nos conducen? En definitiva, únennos ou sepárannos?

Así pois, avogar polo cooperativismo permítenos alcanzar metas moi importantes. En primeiro lugar, axuda a elevar o rendemento de todo o alumnado (incluído o alumnado con dificultades de aprendizaxe). En segundo lugar, contribúe a establecer relacións positivas entre iguais, apreciando a diversidade do contorno. En terceiro lugar, proporciónalle ao alumnado experiencias que necesita para lograr un saudable desenvolvemento social, psicolóxico e cognitivo. En consecuencia, a posibilidade que brinda este tipo de aprendizaxe de abordar estas tres frontes simultaneamente dálle especial valor con respecto a outros métodos de ensinanza.

Implantarmos este paradigma educativo na aula require, polo tanto, un enorme esforzo e disciplina por parte do profesorado. Non é fácil. Sabémolo. Mais paga a pena.

Sección: