Francisco Añón, un poeta para levar ás aulas

Ramón Blanco
Profesor de Lingua Galega e Literatura

 

Introdución

A sona de poeta romántico, aventureiro e bohemio coa que foi revestido Francisco Añón (1812-1878) contribuíu a ocultar un gran talento para a versificación, un amplo dominio lingüístico e unha fonda cultura. Quen nacera labrego acabaría por converterse, tras o seu paso polo seminario e pola universidade, nun dos primeiros escritores galegos no século XIX. Cando morreu, a maior parte da súa obra estaba dispersa en xornais ou inédita. Porén, moitos dos seus contemporáneos sentiran por el auténtica admiración. Facendo xustiza poética, é recoñecido hogano como un dos precursores do noso Rexurdimento.

A súa vida e obra son un bo exemplo deses escritores que deben ser abordados transversalmente, percorrendo as diferentes disciplinas e etapas escolares. Aproximarnos á literatura máis familiar (recoñecer as persoas ilustres que temos preto), e a esa educación dispersa que constitúe a cultura, pode ser un bo pretexto para levar a Añón ás aulas.

 

Retrato, gravado por R. Balaca

 

Biografía de Francisco Añón

Francisco Añón Paz naceu o 9 de outubro de 1812 na aldea de Boel, na freguesía de San Pedro de Outes, da que toma o nome este concello coruñés. Era o fillo mediano dos tres que tiveron Vicenta Paz Rodríguez e Fernando Añón Taboada, labregos que gozaban dun bo status social. Os irmáns do poeta tamén se dedicaron á labranza. A maior, Nicolasa, había ditarlle de memoria en 1885 algúns poemas propios ao mestre Jacobo Lema Fernández, quen os transcribiu, mais, dadas as condicións socioculturais, non puido acadar nin a sona nin os resultados de Francisco.

A infancia do poeta transcorreu, pois, nun ambiente rural, a carón das brañas de Boel, regadas polo río Tins no seu curso cara á ría de Muros e Noia, paisaxes que moitas veces describirá na súa obra. Como era afillado do cura de San Pedro de Outes, Francisco Ossorio León, non sería estraño que fose este quen lle ensinase as primeiras letras e quen o encamiñase máis tarde a estudar no seminario, que naquel tempo era a canle natural para o ascenso social. Deste xeito, ingresa, xa con dezasete anos, como "pretendiente pobre para beca" no Seminario Conciliar de Santiago en 1829 (o mesmo ano no que foi fundado, situado daquela no antigo Colexio Maior de San Clemente) e alí estuda tres cursos de Filosofía e cinco de Teoloxía. Ao concluír os cursos de Filosofía, examínase na universidade para obter o grao de bacharel. Cando remata os estudos de Teoloxía (en quinto obtén a cualificación de sobresaliente), vai comezar, en 1837, a carreira de Xurisprudencia na universidade compostelá, grazas á íntima relación que existía daquela entre esta institución e o seminario. Tiña que completar oito cursos, mais o primeiro e o segundo ano conseguiu simultanear dous, polo que xa obtivo o título de bacharel en leis en 1843.

En 1840 escribira “El médico enamorado”, que son os primeiros versos que se lle coñecen; trátase dun poema satírico, temática á que volverá frecuentemente nos seus corrosivos epigramas e epitafios. Nese mesmo ano incorpórase con outros mozos –José María Posada, Antonio Neira Mosquera, Antolín Faraldo, Romero Ortiz, Alberto Camino…–, os cales acabarán por ser destacados escritores e intelectuais, á Academia Artística y Literaria de Santiago de Compostela, que tiña por local os salóns do desamortizado mosteiro de San Martiño Pinario. Máis tarde, cando non se permitiron alí, as reunións tiveron lugar nas propias vivendas dos socios. Quizais isto favorecese a aparición da súa primeira poesía en galego da que temos noticia: “Un-a carta anónima”, datada en 1842, escrita como vinganza por ser expulsado, canda outros estudantes, dun faladoiro que tiña lugar nunha casa compostelá.

A Academia Artística e Literaria de Santiago acada o esplendor precisamente no período dos devanditos dous anos: 1840-1842, baixo a presidencia de Domingo Díaz de Robles e Vicente Manuel Cociña. Aos seus socios, influídos polo filantropismo de Ramón de la Sagra, e de tendencia progresista (só unha cuarta parte dos membros responden á ideoloxía liberal moderada), non lles son alleos temas tan modernos como a pena de morte, a emancipación da muller e o incipiente socialismo utópico. Añón é o único que ten orixe campesiña.

O voceiro máis representativo desta "academia" era El Idólatra de Galicia. Periódico sabatino de literatura, ciencias y artes general, historia, moral y costumbres (Santiago, 1841-1842). Neste periódico publicará Añón os primeiros poemas, que tamén irán aparecendo en El Recreo Compostelano. Periódico Literario (Santiago, 1842-1843), no claramente provincialista El Porvenir. Revista de la Juventud Gallega (Santiago, 1845), nos moderados El Centinela de Galicia. Periódico político, literario e industrial (A Coruña, 1843-1844) e no xa mencionado La Aurora de Galicia. Periódico de Literatura, Ciencias y Artes (Santiago, 1845). Neste último, no número 8, aparecido o nove de agosto, imprímese a primeira versión da égloga "Recordos da infancia", datada en Compostela no mesmo mes. Este texto seu constitúe unha das primeiras e máis dignas mostras do Rexurdimento literario.

Ao ano seguinte, coincidindo co Levantamento de 1846 contra o goberno de Narváez, cuxa triste fin foi o fusilamento dos Mártires de Carral, e talvez por estar implicado politicamente na revolta, marcha a Portugal, onde permanecerá ata 1850. Pouco antes desta partida escribira o tamén soado poema “A Pantasma”, que inicialmente el titulara “Alma en pena” (o troco debeu vir da man do ourensán Valentín Lamas Carvajal, cando o publicou en El Heraldo Gallego), e estaba baseado, ao parecer, en feitos reais.
Na cidade de Lisboa vai convivir co seu curmán Diego Campos Añón, propietario dunha librería na Rúa Nova do Carmo, que estaba casado coa portuguesa Joaquina Rosa, a quen o poeta dedicará algún dos seus textos en portugués. Suponse que estes primos o poñerían en contacto cos círculos culturais da cidade e tense dito que o poeta foi redactor, con Luis Rivera, na Revista Peninsular, publicación bilingüe portugués-castelán editada en Lisboa, na que tiveron acollida as ideas do federalismo ibérico, sempre vinculado á ideoloxía republicana e progresista (o que si nos consta nesta revista é a publicación dun poema seu, mais anos despois, durante unha segunda estadía na cidade). Reafirmando a súa aura de poeta revolucionario, está a lenda que lle outorga a autoría dun “Hino dos povos” que lle custaría a expulsión ou fuxida de Portugal, e que descoñecemos, pero que quizais se confunda con algún dos outros himnos que el creou e si conservamos.

Debeu ser na propia Lisboa onde coñeceu a Lord Shawford, un enigmático personaxe ao que acompañará, en calidade de secretario, nunha longa viaxe por Europa, da que se refiren estancias en Francia e Italia, posiblemente durante tres anos (de 1850 a 1853), nos que viviu novas experiencias e unha suposta época de despreocupacións económicas que coincidirían cunha fase de esterilidade literaria. Practicamente só podemos ilustrar esta viaxe con pequenas alusións nalgúns versos.

Por estes anos, nalgunha moderna cidade, mesmo xa cando estaba en Lisboa, debeu posar para a única fotografía que del coñecemos. Aínda que o seu aspecto fose xovial, Añón debía estar nesta imaxe máis próximo á madurez e debeu ser retratado entre 1846 e 1851. O que está claro é que se trata dun dos primeiros escritores galegos fotografado.

 

Fotografía de Francisco Añón

 

En 1853 e 1854, polo menos, documéntase a súa estadía en Sevilla a través de anuncios e avisos no xornal El Porvenir. Diario político de Sevilla, nos que se ofrece como profesor de francés e italiano. Así, por exemplo, temos un no que se oferta: "un nuevo curso de francés por el sistema Ollendorff, dirigido por el señor Añón, ex profesor del liceo parisiense de Lisboa". O método gramatical Ollendorff fora introducido en España a partir de 1851 por Eduardo Benot Rodríguez, o cal nos amosa que Francisco Añón estaba atento ás renovacións pedagóxicas do momento.

En febreiro de 1854 morre o pai do poeta. Tempo despois, o curmán Pepe Tuñas Paz recrimínalle cunha epístola en verso que non fixese un epitafio para a tumba do proxenitor, el que tan dado era a compoñer epitafios. O aludido replícalle molesto con outra epístola satírica. No entanto, na Semana Santa de 1856 este Pepe Tuñas recibiu un poema moi cariñoso, no que consta que Añón se dispón para viaxar á Corte.
En 1857 xa está con certeza en Madrid, onde, segundo algún testemuño, continúa a ensinar francés, dedícase ao xornalismo político e vive humildemente mentres escribe máis ca nunca, pois é a partir de entón cando comeza a súa etapa literaria máis prolífica e de maior recoñecemento polos seus contemporáneos. Nesta cidade coñece a Manuel Murguía, frecuente colaborador dos xornais progresistas, en cuxas redaccións era fácil atoparse cos seus impulsores: Práxedes Mateo Sagasta, Manuel Ruiz Zorrilla, Emilio Castelar, Gaspar Núñez de Arce… e outros persoeiros da elite política e xornalística daquela, moi familiarizados coa masonería.

Estando en Madrid, en 1858, ve a luz unha das súas poesías de maior logro cómico e cuxa fama mesmo cruzou o océano Atlántico: "El borracho y el eco".

En 1861 celébranse na Coruña os primeiros Xogos Florais de Galicia, certame literario puntal do Rexurdimento, promovido por Juana de Vega, condesa de Espoz y Mina, e Benito Vicetto. Da organización ocupouse Antonio María de la Iglesia e patrocinouno José Pascual López Cortón. Añón presenta ao concurso, en lingua galega, “A Galicia” –tema e condición que esixían as bases para acceder ao primeiro premio– e “Juegos Florales”. Aínda que este premio vai quedar deserto, o poeta obterá o primeiro accésit. Os outros poemas galardoados estaban escritos en castelán. En 1862 publícase na Coruña o Álbum de la Caridad. Juegos Florales de la Coruña de 1861, seguido de un mosaico poético de nuestros vates gallegos contemporáneos, edición sufragada por López Cortón e organizada por Antonio de la Iglesia. Esta obra (cuxo importe das vendas sería destinado ao asilo de mendicidade da Coruña) recolle os textos premiados no certame, así como unha antoloxía poética en galego e castelán. Do de Boel publícanse: “Juegos florales”, “A Galicia”, “Recordos da infancia”, “O magosto” (un fragmento) e, en castelán, “El borracho y el eco”; seguramente os cinco únicos poemas que viu editados en formato libro –“Recordos da infancia” reaparece na Colección de poesías gallegas de diferentes autores, por José Casal y Lois (Pontevedra, 1865)–.

O 30 de novembro de 1861 escribiu o poema titulado "A mi querida hija Eufrosina". Tamén escribiu un "Cantar", do que non sabemos a data, onde se alude a unha "idolatrada hija". Alén dalgunha fonte oral, son os únicos datos que temos relativos á (pouco posible) descendencia directa de Añón.

Volve a Portugal en 1866, nunha nova estadía en Lisboa que tamén ten sido explicada atendendo a motivos políticos. De ser certo, buscaría refuxio no país veciño a raíz dos violentos sucesos de 1866, cando, tras varias revoltas e tentativas republicanas, a raíña Isabel II recorreu novamente a Narváez para gobernar con dureza. Na capital lusa, ademais de colaborar no Diário de Notícias, publicará, na Revista Peninsular, o poema en castelán "A Lisboa", que fora escrito en Madrid o 19 de febreiro de 1857, bastante despois da primeira estadía. Tamén en 1867 escribe en castelán "En la inauguración de la estatua Á Camóens" (ou "Á Camóens"). Outro exemplo claro do aprecio que o poeta lle ten á historia e literatura do país de acollida témolo en "A fonte dos amores", composto en portugués e baseado na lenda de Inés de Castro, a nobre galega que sería raíña despois de morta.

Deixa Lisboa en 1868, talvez pase primeiro por Madrid, pero un poema datado en Santiago de Compostela no 4 de maio próbanos que volveu a Galicia. Sería obrigada algunha visita á casa familiar despois de tanto tempo ausente.

No verán daquel ano, o 7 de agosto, escríbelle ao curmán Diego Campos desde a Ponte Nafonso (onde o río Tambre une os concellos de Outes e Noia) e na carta inclúelle un fragmento do poema “¡Boél!”; e nesta consta que botou un tempo na aldea natal e mais que fixo varias viaxes de compromiso para visitar familiares e amizades.

Coincide este regreso coa Revolución de Setembro de 1868, tamén coñecida como a Gloriosa, que supuxo o exilio de Isabel II e a fin da súa monarquía. Apenas un mes despois de triunfar a revolución, publica o 24 de outubro, en La Revolución. Periódico liberal de Santiago, o poema “La Revolución. Himno patriótico, dedicado al pueblo, al ejército y a la armada”. O mesmo día 24 asina unha nova carta en Compostela dirixida a Murguía, que estaba en Madrid. O de Boel envíalle un himno por ver se pode darllo á luz pública na capital e mesmo presentarllo a un premio (como proba de valía argúe que se publica tamén na Coruña e en Santiago –co cal imaxinamos que é o mesmo aparecido en La Revolución– e que vai ser musicado). Podería ser o tantas veces mencionado e nunca atopado "Hino dos povos", tal como intuíu Gonzalo Navaza. A misiva remata cunha posdata pola que sabemos que Añón visitou a Rosalía de Castro e mais a filla desta.

En xaneiro de 1869 seguía por Santiago, desde onde lle escribe a Eduardo Campos, o primo segundo afincado en Vigo, fillo de Diego (e libreiro igual ca seu pai), para felicitalo pola recente voda con Josefa Ramos. Envíalles o poema "A meus primos E. y P.". Ten intención de viaxar a Madrid a finais de mes e aproveitará para deterse dous ou tres días en Vigo. Mais en febreiro estivo (como mínimo nove días) na cidade da Coruña, onde escribe "A una gallega renegada" e o famoso soneto "Amor apresurado".

E xa pouco antes de partir definitivamente para Madrid vai estar en Santiago. Tense dito que rexentou unha librería de vello, pero que lle foi mal o negocio. Non hai probas de que tivese tal empresa, aínda que si lle era ben familiar o sector do libro. Couceiro Freijomil deixou escrito que o poeta aparecera por Compostela "tratando de desfigurarse para pasar inadvertido". Se cadra refírese a que fixo cambios no seu aspecto habitual: por exemplo, deixar barba, como, por certo, aparece caracterizado na ilustración da portada da primeira edición de O Divino Sainete (onde Curros Enríquez o inmortalizou), de onde nunca diriamos que a imaxe garda parecido co Añón que "coñecemos" fisicamente. Analizando correspondencia remitida aos primos de Vigo, chegamos á conclusión de que quizais fose Diego Campos quen regresase a esta cidade para montar alí unha nova librería e que igual Añón traballou con el por aquel breve espazo de tempo.

A finais do verán atopámolo en Madrid, deixando atrás Galicia para sempre, formando parte da sociedade republicana federal La Fraternidad Republicana Galaico-Asturiana, cuxa alusión á fraternidade nos trae ecos de filántropos e masóns. Esta era unha agrupación que xurdira a raíz do Pacto Federal Galaico-Asturiano (asinado nese mesmo ano, 1869) coa pretensión de reforzar e intentar levar a cabo os postulados federalistas e de mutua axuda entre as dúas "provincias" (Galicia e Asturias), tal como fora acordado no pacto, así como mellorar e implantar infraestruturas e vías de comunicación.

E aínda é posible que nese mesmo ano fose recomendado, por Joaquín Compañel, ao político galego Eugenio Montero Ríos para traballar no “Ministerio de Gracia y Justicia”. Si está documentado o seu nomeamento como “auxiliar de archivo” en xullo de 1872, por mediación de Montero Ríos, e foi ascendido a “oficial 3.º del archivo” en xaneiro de 1873, ano no que é cesado do seu posto, coincidindo cun longo afastamento de Montero Ríos da vida política e, curiosamente, cadrando tamén co breve período da I República.

Varios intelectuais galegos emigrados en Madrid crean en setembro de 1875 o faladoiro Galicia Literaria, que comeza a ter lugar no domicilio da poeta Emilia Calé Torres de Quintero, onde tamén vivía o seu primo Teodosio Vesteiro Torres, quen será promotor e secretario desta asociación. Todos os membros aceptan a Francisco Añón como o seu presidente indiscutible. O faladoiro era os días 10, 20 e 30 de cada mes, baixo o lema "Liberdade, igualdade e fraternidade". Tras algúns problemas internos, este faladoiro disólvese catro meses despois, e en xuño de 1876 tamén Vesteiro Torres lle pon fin á súa vida, motivando unha fermosa e sentida elexía composta polo noso poeta: "Á indeleble memoria do malogrado poeta e literato gallego don Teodosio Vesteiro Torres".

En xuño de 1877 Francisco Añón aparece como autor da tradución (incompleta) da novela rusa Los dos amigos, de M. J. Tourguenef (supoñemos que se trata do novelista ruso Iván Tourgueniev), aparecida no periódico madrileño Crónica de la guerra. No mesmo ano escribe o soneto anticlerical “Al papa” (contra Pío IX) e o poema “Á Galicia” que empeza co verso: “De teus recordos vivo ¡Galicia encantadora!”. Algunhas noites visita o café Imperial da Porta do Sol e recita as súas poesías para os estudantes galegos que alí se reúnen.

Cara ao final da súa vida, probablemente en xaneiro de 1878, deixou coidadosamente escrito un caderno con vinte e cinco poemas seus, quizais os que prefería ou os que tivo tempo a copiar. O primeiro posuidor deste manuscrito debeu ser o primo segundo Eduardo Campos Almeida.

Na tarde do 14 de abril de 1878 ingresa, “padecendo afecto hepático”, no Hospital de la Princesa, de caridade e beneficencia. Aínda ten na adversidade a ocorrencia de rirse de si mesmo na composición “A miña enfermedá”, publicada ese mesmo ano a partir da autógrafa que conservaba Juan Bautista Neira, quen aseguraba que fora composta polo autor poucos días antes do seu falecemento. Morreu nese hospital o día 20 de abril. Ao día seguinte foi enterrado nunha sepultura común no madrileño Cementerio General del Norte. Entres os asistentes ao enterro estaban Montero Ríos, Mugártegui, Murguía, Compañel e Federico Romaña (este e a súa familia acolleran durante moito tempo o poeta, xa enfermo).

O 15 de xuño de 1878, no primeiro número de La Ilustración de Galicia y Asturias, revista que dirixe en Madrid Manuel Murguía, vai publicar este a "Necrología D. Francisco Añón". Antes desta nota, e como ilustración desta, figura (cremos que por primeira vez) o xa famoso, e tantas veces reproducido, gravado realizado por Ricardo Balaca y Canseco.

Pasou o tempo e os seus restos foron trasladados ao Cementerio General del Sur e hoxe en día están perdidos.

Obra poética: en galego, castelán e portugués

A obra deste poeta ficou dispersa en publicacións periódicas e incluso nalgúns casos inédita. Non esquezamos que non publicou ningún libro (individual) en vida. Porén, o seu labor poético –en galego, portugués e castelán– consolídao como un dos mellores escritores de Galicia no século XIX. Home de fonda cultura, familiarizouse coas linguas clásicas e mesmo dominou as romances que maior tradición literaria tiñan: castelán, francés, italiano e portugués. O contacto con esta última influirá na súa valoración positiva do galego. Deste xeito, podemos concluír que Añón é un dos nosos escritores mellor formados lingüisticamente. Non é, pois, casual que fose considerado autoridade lingüística nos albores da normativización do noso idioma, como certifican os numerosos versos seus empregados como cita nos primeiros dicionarios de galego.

Ademais era un gran versificador, con moita facilidade para a improvisación. A súa sona de poeta próximo ao popular eclipsou un pouco a calidade da súa produción. A pouco que lle profundemos na obra, veremos que tiña unha gran destreza literaria, que obviamente non lle interesaba reflectir nos epigramas, nin tampouco é esta a finalidade dos himnos que compuxo.

Bastará para xustificar as valoracións precedentes unha rápida ollada ao corpus fixado polo profesor Fernando Bel Ortega, tal como o presentou na súa tese de doutoramento sobre a vida e obra de Francisco Añón.

O galego literario do poeta, dada a súa intuición lingüística, é do máis coidado de todo o século XIX. Ademais, levou a cabo un acto revolucionario ao empregar, en cerca de corenta textos, un idioma practicamente ágrafo («sin gramática nin reglas de ningunha clas», en palabras de Rosalía de Castro) e exclusivo das clases populares desde a Idade Media. Os xuízos de valor e a propia condición social da lingua tamén son condicionantes da súa literatura. Lembremos que “Recordos da Infancia”, primeiro poema significativo en galego na produción de Añón, está encabezado por unha breve introdución en castelán, que crea un efecto de distanciamento sobre o resto do texto, posto en boca dun pastor que se dirixe en galego a outros pastores.

Aínda así, é ben clarificador o feito de que os poemas de gabanza a Galicia estean case todos escritos na súa lingua. Meritoria e honrosa é a aposta que fai por cultivar o idioma propio a pesar dos tempos nos que vive, tendo en conta a escaseza da creación en galego, e tamén da súa traxectoria persoal: aínda transcorrendo afastada da terra, mantén a fidelidade ao idioma. Por iso é un dos máis firmes pioneiros do proceso normalizador da nosa cultura, erixindo o galego en lingua literaria desde o intre en que o cultiva con plena vontade de estilo.

O feito de que Añón sexa ante todo poeta en castelán (uns cento cinco textos) é perfectamente entendible polo contexto sociolingüístico: era daquela a lingua de prestixio e de cultura. Nótase claramente que boa parte da súa poesía máis “seria” e “grave” adoita estar nesta lingua (que tamén é a preferida cando se ocupa de temas patrióticos españois, onde se aprecian ben os ideais democráticos e progresistas), se cadra inconscientemente, como é normal en todos os poetas galegos bilingües desta época; aínda así, isto non impide que escriba en castelán algún dos seus textos máis desenfadados e xocosos.

Non esquezamos tamén que só emprega o galego na poesía, pois nas renacentes literaturas de linguas minorizadas é o primeiro xénero en desenvolverse. A correspondencia que conservamos está redactada en castelán e o raro sería que non fose así.

Cando o poeta Añón se instale en Lisboa e teña lugar a súa inmersión lingüística en portugués, poderá ir vencendo algúns prexuízos que non deron superado os seus coetáneos. En portugués deixaranos sete testemuños poéticos (catro deles dedicados a fastos familiares do matrimonio composto polos primos Diego Campos e Joaquina Rosa) que o singularizan como escritor trilingüe.

Importancia histórica deste autor

No século XIX só algúns poetas ousados cultivaron, puntualmente, unha lingua que perdera había tempo o adxectivo “literaria”. Francisco Añón, viaxeiro políglota, escribía poemas en galego cando case ninguén o facía. Foi para diversos escritores, a finais do século XIX e principios do XX, case un símbolo, o verdadeiro patriarca das letras galegas.

Un dos admiradores da súa personalidade era Curros Enríquez. Por este motivo, non debe sorprendernos que o escolla, cando xa Añón levaba algúns anos morto, como personaxe literario na soada obra O divino sainete. Este feito contribuíu enormemente a achegar o outense ao gran público, mais desprovisto da súa obra poética, cuxa difusión tivo pouca fortuna a pesar do entusiasmo de Andrés Martínez Salazar e outros intrépidos editores.

Xa aos poucos días da morte, os mesmos amigos que pagaran o enterro formaron unha comisión para publicar as súas obras, que nunca foran compiladas, mais todo quedou nas intencións. Aínda así, a primeira edición individual dos seus poemas data do mesmo ano de 1878, xa póstuma, e publícase en Vigo como folletón na Biblioteca de la Concordia, do periódico La Concordia, co seguinte título: “Poesías varias. Colección debida á la inspirada pluma del eminente gallego D. Francisco Añón Paz. Precedidas de un artículo necrológico”. En folletín, edítase en Noia entre finais de 1879 e mediados de 1880, en El Tambre. Periódico de intereses generales, noticias y anuncios, a segunda edición póstuma cos poemas de Añón. En 1889 sae unha compilación das súas poesías na Biblioteca Gallega, dirixida na Coruña por Andrés Martínez Salazar, baixo o título Francisco Añón. Poesías, que foi posible grazas á doazón de textos por parte de varias persoas e corporacións. Desta edición, que será a máis importante ao longo dunha centuria, faríase unha copia-reimpresión en Buenos Aires en 1922, por instancia da Comisión Directiva de la Sociedad Unión Residentes de Outes en Sud-América. Comezaba así a repararse unha inxustiza: que o Poeta Añón non tivese un libro.

 

Portada Poesías, 1889, Biblioteca da RAG

 

En 1928, coincidindo co seu 50.º cabodano, publícase na Coruña Poesías galegas, de Francisco Añón, na Biblioteca Lírica Lar.

Algúns poemas de Añón fixéronse moi populares na segunda metade do século XX, grazas ao conxunto musical noiés Los Tamara; é o caso do himno “A Galicia”, premiado nos Xogos Florais da Coruña de 1861. Onde nunca deixaron de recitarse (sobre todo os epigramas e epitafios) foi na terra natal outense, memorizados moitas veces por campesiños de poucos estudos, quizais a xente que mellor os entendía. Divertimentos como “El borracho y el eco” voan libres desde as tabernas de Noia ata as sociedades de emigrantes na Arxentina.

O gran recoñecemento oficial chegará en 1966, ao dedicárselle o Día das Letras Galegas. Foi o cuarto homenaxeado, despois de Rosalía de Castro, Castelao e Pondal, o cal nos dá idea da importancia capital do vate de Boel para a cultura galega. Aquel 17 de maio, a Real Academia Galega presentou unha nova edición das poesías galegas do vate e inaugurouse o monumento que hoxe podemos contemplar a carón da casa do concello de Outes.

 

Monumento a Francisco Añón, por Juan Silva e Óscar Sendón

 

O recoñecemento final do poeta virá a través da difusión que Bel Ortega fixo coa súa tese de doutoramento Vida e obra de Francisco Añón, publicada en 1991 pola Fundación Barrié de la Maza, biografía que viña sumarse á que elaborara Xosefina López de Serantes en 1986.

Desde 1997, o Concello de Outes convoca anualmente o Certame Francisco Añón de Poesía e declarou, canda a Xunta de Galicia, o 2012 como Ano de Añón, para conmemorar o bicentenario do nacemento. Para honrar a efeméride, ademais doutras actuacións, publicáronse dous libros e mais o disco Outes canta a Añón e o vídeo documental Francisco Añón. O Poeta na memoria das xentes de Outes.

Poesía, política e xornalismo van da man en Añón, malia a súa contribución literaria (e lingüística) ser o que máis valoramos, porque tamén é o que máis coñecemos. Aínda habería que incluír as facetas de profesor e libreiro. Cun corpus poético considerable, pero maiormente inédito en vida, tivo certa fama xa na súa época, e esa consideración medrou co tempo. Tense citado moito como un dos precursores do Rexurdimento, mais a celebración do seu bicentenario veu demostrar ata que punto se puxera pouca atención nesta figura, moi esquecida mesmo polos filólogos. Quizais sufra o lastre de non ter libro unitario, como si tivo Xoán Manuel Pintos e máis tarde Rosalía de Castro. Pero por algo será que foi o único autor premiado en galego nos Xogos Florais da Coruña de 1861, o guieiro que reivindica Curros Enríquez. A súa influencia tamén se pode rastrexar en Rosalía e en Pondal.

Aplicacións didácticas sobre a súa obra

No 2005 publicamos, con Pilar Sampedro e Santiago Nieto, unha aproximación didáctica a Añón. Xurdía esta da necesidade de achegármonos aos nosos escritores –a aqueles que están máis próximos no espazo, no tempo ou na memoria do pobo– case a modo de transversal que percorre os contidos educativos. Nacía desa inquietude polo coñecemento dos que son a esencia dos lugares, aqueles que lle poñen nome ás nosas rúas ou dos que imos recoñecendo rastros e restos.

Esa preocupación levounos á organización do curso “Os nosos escritores: Francisco Añón”, arredor do cal foron nacendo unha serie de recursos que pretendían achegalo ao mundo da escola e da cultura. Así foron nacendo a exposición Añón, precursor do Rexurdimento (pode solicitarse ao Concello de Outes para a súa exhibición), a ruta literaria Polas terras de Añón e a peza Teatro con Añón.

Levar a Añón ás aulas aproxímanos a esa literatura máis familiar, contribúe ao recoñecemento das personalidades ilustres que temos preto; mais tamén incide no enriquecemento cultural da nosa rapazada. Debemos aproveitar a educación dispersa que constitúe a cultura, facer fincapé no paso entre o mundo do coñecemento regrado e aqueloutro non pautado. Retomando este (ou calquera) autor prezado popularmente podemos situalo, de novo, no lado iluminado da realidade, para que os seus versos volvan soar e a xente fale del outra volta. Entendemos que os nosos maiores teñan memorizados os poemas de Añón porque pensamos que a cultura non é algo alleo nin elitista senón aquilo que nos transcende a todos.

O Poeta Añón –como lle chaman en Outes– é un bo exemplo deses escritores que deben ser abordados transversalmente, percorrendo as diferentes idades e, incluso, disciplinas. Dicir Poeta Añón é recoñecelo, recuperalo e traelo ao lugar ao que pertence, a aquel ao que cantou como paraíso perdido e telo aquí presente nunha rúa, nun centro de ensino, nun certame literario, nunha estatua, nunha ruta...

No caso de Añón, en Outes, estamos ante un autor noso, pero tamén, en Galicia, ante un creador que supuxo un avance fundamental na historia da literatura galega; un deses creadores nos que nos detemos cando falamos de normalización lingüística e literaria.

Os nosos escritores non poden quedar fóra das aulas baixo ningún pretexto: nin a idade do alumnado nin a programación curricular. Pode ser de grande interese pedagóxico unha aproximación ao autor e á súa obra, ao tempo, á realidade cultural e ás circunstancias históricas de cada época. A través da lectura literaria e do afondamento biográfico desenvolveremos a sensibilidade estética, literaria, histórica... que tanto cómpre.

Cunha metodoloxía de traballo activa e colaborativa, o alumnado pode considerarse protagonista e artífice da súa propia aprendizaxe. Debe buscarse que a tarefa sexa o máis lúdica posible, pois máis ca un temario pechado haberá que priorizar unha proposta de lectura e descubrimento dun autor próximo á vida do alumnado.

O tratamento do autor non ten que limitarse á aula ou á disciplina de Lingua Galega e Literatura, ao traballo do equipo de dinamización lingüística ou ás actividades complementarias e extraescolares, senón que, pola contra, mellora se abrangue todas e cada unha das actividades: cando pasa da aula á biblioteca, do centro de ensino á ruta, do traballo cos libros ao espectáculo teatral, ao recital de poemas ou á visita á exposición, do caderno ao emprego de Internet...

Non abonda coa mera reflexión sobre a lingua e co labor academicista en exceso arredor da teoría literaria; o que conta é espertar o desexo de ler, o interese e o gozo coas obras que se escribiron noutrora. Espertar o entusiasmo e crear os propios textos con base nas claves que o alumnado recibe dos autores consagrados. Nunha palabra, ler e escribir como as dúas caras dunha mesma moeda, abrindo as canles da creatividade e do sentimento, de pertenza a unha cultura.



 

Bibliografía: 

 

 

AÑÓN PAZ, F. (1889): Poesías. A Coruña: Biblioteca Gallega.

AÑÓN PAZ, F. (1966): Poesías Galegas. A Coruña: Real Academia Galega (hai edición facsimilar do Concello de Outes, 2012).

BEL ORTEGA, F. (1991): Vida e obra de Francisco Añón. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza.

BLANCO, R. (2012): Vida e obra de Francisco Añón. Antoloxía poética. Vigo: Editorial Galaxia.

LÓPEZ DE SERANTES, X. (1986): Vida e morte dun poeta: Biografía de Francisco Añón Paz. A Coruña: Venus Artes Gráficas.

SAMPEDRO, P.; NIETO, S.; BLANCO, R. (2005): Francisco Añón: aproximación didáctica. Noia: Editorial Toxosoutos.

 

 

Sección: