Escornabotízate!

Biblioteca escolar, abrindo novos camiños
A escola e o papel das bibliotecas dentro dela están inmersos nun proceso de cambio innegable que debe permitirlles adaptarse á nova realidade que vive o noso alumnado. Un deses cambios vén da man das TIC e proxectos coma Escornabots na biblioteca escolar posibilítanlles aos centros (profesores e alumnos) unha aproximación adecuada a novas ferramentas e novas linguaxes que repercuten positivamente no desenvolvemento das competencias básicas.

Ana Pérez Rodríguez
Bibiana Villar Conde
Irene Miñambres Justo
CEIP Serra Vincios (Gondomar-Pontevedra)
librincios@gmail.com

Introdución

A biblioteca escolar está a vivir importantes transformacións nos últimos anos. Unha das máis destacadas é a de acoller todo tipo de actividades nas que alumnado, profesorado e familias poidan desenvolver diferentes habilidades como pensar, deseñar, facer, construír e aprender xuntos, seguindo a liña do makerspace ou laboratorio de ideas.

Na actualidade, as bibliotecas escolares deben abarcar todo tipo de linguaxes (oral, escrita, icónica, audiovisual, artística...) e posibilitarlle ao alumnado múltiples oportunidades de aprendizaxe, de expresión e de creación. Neste contexto de alfabetizacións múltiples encádrase o proxecto piloto Escornabots na biblioteca escolar, do que formamos parte desde hai un ano. Esta iniciativa ten como obxectivo fundamental introducir nas bibliotecas escolares unha nova linguaxe, a da programación, impulsando a utilización de pequenos robots en actividades destinadas tamén a mellorar a comunicación lingüística, a expresión oral, a creatividade, o traballo colaborativo, a investigación, a aprendizaxe manipulativa...

O Proxecto Escornabot é un proxecto libre de robótica educativa aberta para iniciar os máis pequenos no campo da robótica e da programación. É un proxecto desenvolto desde o colectivo Bricolabs, unha asociación de fomento de investigación en tecnoloxías libres. Este pequeno robot, e todo o proxecto que xurdiu arredor del, baséase na filosofía do coñecemento compartido.

Contextualización

Un dos requisitos de participación no citado proxecto, iniciativa da Asesoría de Bibliotecas Escolares de Galicia, era formar parte do Plan de mellora de Bibliotecas Escolares, e nós estamos nesta rede desde o curso 2010/11. A biblioteca escolar Librincios leva xa varios anos sendo o centro neurálxico do colexio e adaptándose aos novos desafíos que presenta a escola do presente e do futuro. A participación neste proxecto foi acollida polo claustro como un máis destes desafíos.

A maioría do profesorado ten destino definitivo no centro, o que fai posible que a súa organización e funcionamento sexan unha tarefa compartida e consensuada, e que o desenvolvemento deste tipo de proxectos conte coa colaboración de todos.

Por outra banda, hai que sinalar que o noso centro, o CEIP Serra Vincios, é un centro rural (este foi tamén un criterio de selección dos candidatos), situado nunha zona moi afectada no ámbito socioeconómico polo desemprego. Contamos cunha única liña e un total de 167 alumnos e 18 docentes.

Obxectivos

Cando fomos seleccionados para participar neste proxecto, propuxémonos dúas metas fundamentais. A primeira, achegarlle ao alumnado e ao profesorado unha nova ferramenta para o traballo na aula coa que favorecer a adquisición das competencias clave; e a segunda, reforzar a inclusión dos contidos de alfabetización informacional e mediática (ALFIN/AMI) nos contidos curriculares, de forma transversal, co apoio da biblioteca.

Pero a medida que fomos afondando no seu desenvolvemento, os obxectivos aumentaron, pois fomos conscientes das múltiples posibilidades de traballo que nos ofrecían os escornabots e dos moitos beneficios que lle proporcionaban ao noso alumnado:

  • Potenciar o traballo en equipo e as actitudes e valores que supón: escoita activa, toma de decisións, posta en común, normas dos intercambios comunicativos...
  • Fomentar a creatividade, a iniciativa persoal e o pensamento crítico.
  • Reforzar os contidos curriculares de todas as áreas.

Fases no desenvolvemento do proxecto

1. A posta en marcha

Para levar a cabo o proxecto no centro, un requisito imprescindible foi a implicación do profesorado. A coordinadora do proxecto recibiu unha primeira formación dentro do marco da convocatoria. Nesa xornada presencial adquiriu as nocións básicas de montaxe e configuración do escornabot e descubriu o seu potencial didáctico na realización de actividades de aula.

No centro, foi ela quen realizou varias sesións de formación co resto do profesorado, coa finalidade de proporcionar pequenas nocións teóricas e pedagóxicas de xeito que todos puidesen empregar este recurso dentro das súas aulas. Ademais, documentou o proceso de montaxe e preparou material didáctico para abordar a tarefa de montaxe co alumnado dos cursos superiores.

Involucrar a todo o alumnado foi doado. Empregamos como punto de partida o tema anual elixido para a biblioteca escolar: as emocións. Para unilo co tema dos robots, e que tivese sentido, chegou a cada aula unha peza dun robot que montamos entre todos na inauguración da biblioteca. Cando estivo rematada a montaxe, Robotín cobrou vida e contounos que tiña moitos coñecementos pero non entendía de emocións. A partir dese momento, todos intentamos axudarlle: algún realizando a montaxe dun amigo, outros ensinándolle que significa cada emoción, buscándolle unha parella… Ese foi o comezo do noso proxecto.

2. A montaxe

Para a montaxe dos escornabots empregamos as horas do primeiro trimestre da área de libre configuración de cuarto e sexto, na que reforzamos contidos de Matemáticas e Lingua a través das TIC. Proporcionámoslle a cada unha das aulas unha caixa con todo o necesario para a montaxe (a caixa con todas as pezas e compoñentes do escornabot, un inventario de pezas e compoñentes, un manual de instrucións de montaxe e as ferramentas necesarias). Os rapaces ían montando os robots seguindo os pasos e anotando as posibles incidencias durante o proceso, de xeito que eles mesmos introduciron cambios na documentación final do proceso.

3. As actividades

Unha vez rematada a fase de montaxe, realizáronse actividades en todos os cursos para coñecer un pouco máis o funcionamento do robot: posición dos botóns, distancia que percorre nun paso, xiros...

Unha que tivo moito éxito foi a elaboración de petos, cos que simulamos ser nós os escornabots. Tiñamos que movernos sobre unha superficie cuadriculada seguindo as ordes recibidas no lombo (pois os petos tiñan os mesmos botóns ca os robots). Os rapaces distribuíanse por parellas: un deles configuraba o robot e outro debía moverse seguindo as indicacións dadas. Esta actividade podíase complicar máis ou menos segundo o nivel, pero a relación que se creaba entre os compañeiros foi moi boa, fomentando a empatía e o compañeirismo.

Ao longo do curso foron numerosas as tarefas que se levaron a cabo na biblioteca e nas aulas empregando os escornabots. Algunhas delas xurdiron para conmemorar datas importantes do calendario escolar. Gustaríanos destacar os taboleiros creados para as seguintes datas:

  • O Día da Paz descubrimos un pouco máis a obra de Picasso e o simbolismo dalgunha das súas pinturas.
  • O Día de Rosalía de Castro, co obxectivo de investigar sobre a autora, axudamos os rapaces a buscar información empregando os escornabots e os códigos QR.
  • A Semana da Prensa traballamos as partes dunha noticia.
  • O Día do Libro elaboramos contos colectivos, empregando un taboleiro con diferentes categorías e fomentando a creatividade e os traballo en equipo.
  • O Día da Poesía, con motivo do aniversario de Gloria Fuertes, o escornabot tiña que buscar palabras que rimasen nos ocos dos seus poemas.
  • Nas Letras Galegas coñecemos obras do autor homenaxeado e a súa situación nos andeis da biblioteca.

Outras actividades xurdiron, tanto en infantil como en primaria, a partir das ideas de mestres e alumnos, que elaboraron numerosos taboleiros.

En educación infantil as posibilidades do escornabot son múltiples e por ese motivo foi moi sinxelo introducilo en cada recanto das aulas. Pódese empregar dentro dun recanto de lóxica-matemática (asociar a grafía á cantidade, realizar series e clasificacións, resolver retos manipulativos...); pode ter un espazo no recanto das letras (reforzar a conciencia fonolóxica, iniciarse na lectoescritura, secuenciar accións, relacionar contos e personaxes…); pódese introducir no recanto da arte (mesturas de cores, pintores e as súas obras, creación grupal dunha obra…); e, por suposto, pódese utilizar no recuncho do xogo libre, sendo infinitas as posibilidades que eles mesmos formulan. Son moi interesantes as numerosas habilidades que xorden nos rapaces cando teñen que elaborar os seus propios taboleiros interactivos, empregando diferentes ferramentas: aplicacións móbiles, cámaras, gravadoras…

En educación primaria o escornabot tivo un uso máis esporádico. Adáptase moi ben a calquera tipo de metodoloxía e por iso tivo unha maior repercusión para afondar en contidos das diversas áreas. Empregouse moito en Matemáticas para traballar desde as táboas de multiplicar ata conceptos abstractos como a descomposición de números, pasando polos polígonos, a lectura de gráficos, as unidades de medida, capacidade, masa e tempo etc. Tamén se utilizou para a consolidación de contidos nas áreas de ciencias: clasificacións dos seres vivos, formas de relevo, etapas da historia, corpo humano… E deu moito xogo para traballar a creatividade na linguaxe oral e escrita, con taboleiros nos que había que inventar historias en grupo. Por suposto, os rapaces puxeron en práctica as súas habilidades artísticas para crear taboleiros que lles axudasen a consolidar eses contidos que menos lles gustan por resultarlles complicados ou, ás veces, inservibles.

4. O makerspace

Unha vez os escornabots estiveron incluídos nas dinámicas de aula, realizamos unha reflexión sobre como introducilos na biblioteca, no horario de uso libre. Propuxemos a creación dun recuncho máis onde o alumnado puidese acudir de maneira autónoma a experimentar e investigar.

Esta última perspectiva parecíanos moi vantaxosa, posto que a biblioteca non debería ser só un lugar de préstamo de libros ou de busca de información, senón un lugar onde crear e transmitir coñecementos, espertar curiosidades, axudar os nosos alumnos a adaptarse á sociedade, paliar desigualdades…

Finalmente, acordamos crear ese recuncho (chamámolo Escornabotízate!) e xestionalo coa axuda dos axudantes da biblioteca, encargados de controlar o bo uso do material nel disposto: tabletas, libros de consulta, materiais de refugallo, taboleiros, escornabots, xogos de construción…

Así, pasiño a pasiño, imos construíndo o noso pequeno makerspace, co fin de facer da nosa biblioteca escolar un lugar interesante no que os rapaces gocen e onde esperten as súas inquedanzas, froito da busca de novos camiños.

Avaliación

Non fixo falta que estivese moito tempo entre nós para que nos désemos de conta de que o escornabot introduce cambios positivos nas dinámicas de ensino aprendizaxe. É indubidable que ten un compoñente motivacional moi alto e que axuda á hora de traballar contidos complexos. Actividades que os rapaces rexeitan nun primeiro momento pola súa dificultade foron realizadas de maneira satisfactoria coa incorporación dos escornabots. Un exemplo son algunhas tarefas relacionadas coa competencia lingüística: os alumnos gozaron creando distintos tipos de textos como parte da documentación do proxecto (instrucións de montaxe, inventarios de pezas, normas de uso, anuncios publicitarios…).

O profesorado valorou moito podelo incluír en calquera área, pois todos os contidos curriculares son susceptibles de formar parte dun taboleiro e todas as competencias básicas son abordables usando este pequeno robot. Pero ao que máis valor deron foi ao feito de que os nenos aprenden a pensar de maneira lóxica, creando supostos e relacións que lles axudan a afrontar diversas situacións dunha maneira positiva, intentando superarse en cada momento. Cando eles ven a aplicación directa dos seus coñecementos, anímanse a seguir aprendendo autónomamente, reforzando así a súa autoestima.

Por outra banda, a versatilidade deste recurso é innegable. O escornabot non só permite aprender con base no seu uso como ferramenta, senón con base no seu funcionamento como robot programable. Ademais, fomenta que profesorado e alumnado comprendan o que significa traballar de xeito colaborativo nun proxecto aberto.

Conclusión

Introducir os escornabots no noso centro foi unha decisión consensuada, froito da reflexión sobre a realidade na que vivimos. A súa posta en marcha precisou moitas horas de reunións e debates entre o profesorado, ademais de moito tempo de formación. Pero temos claro que este é o camiño que hai que seguir (por iso, como a orde de convocatoria este ano permitía solicitar a continuidade no proxecto, nós decidimos formar parte del un curso máis).

O escornabot é un recurso máis dentro da nosa aula e da nosa biblioteca, que se adapta aos intereses, necesidades e ritmos do alumnado. Grazas a el creamos un ambiente lúdico e positivo que fomenta a participación de todos e cada un deles. Este pequeno robot ensina os rapaces a compartir o traballo que fan (erros e logros), a aprender dos compañeiros e a non quedarse coa primeira solución posible (pensamento crítico). O escornabot permítenos, se lle brindamos a oportunidade, realizar un traballo interdisciplinar desenvolvendo as competencias básicas imprescindibles para vivir no século XXI.

 

 

Bibliografía: 

 

VARIOS (2011): Alfabetización mediática e informacional: currículum para profesores. París, UNESCO.

BLASCO OLIVARES, A. e DURBAN ROCA, G. (2012): “La competencia informacional en la enseñanza obligatoria a partir de la articulación de un modelo específico”. Revista Española de Documentación Científica, núm. monográfico, 100-135.

Bennett, S., MATON, K. & KERVIN, L. (2008): “The 'digital natives' debate: a critical review of the evidence”. British Journal of Educational Technology, 39(5), 775-786.

VARIOS (2013): 7 Things You Should Know About Makerspaces. EDUCAUSE Learning Initiative (ELI).

Sección: