O proxecto documental integrado na biblioteca como motor de cambio metodolóxico na escola

O traballo por proxectos supón un alumnado motivado, con curiosidade, con ganas de aprender. Tamén traballo cooperativo, expresión oral e escrita, comprensión lectora, competencias clave, ter claro o “para que”, pensar, apaixonarse, argumentarse, respectarse… Son ámbitos que, desde o noso punto de vista, son demasiado saborosos como para non aproveitar a oportunidade que nos brindan.

Magoia Bodega Pérez
Coordinadora do equipo de biblioteca
CEIP Plurilingüe de Meaño As Covas (Meaño-Pontevedra)
magoia@edu.xunta.es

Nenos de quinto buscando información para un proxecto

 

Punto de partida

O CEIP As Covas é un centro de 10 unidades, cunha media de 18 alumnos por aula, situado en Meaño. O claustro nestes momentos está formado por profesorado comprometido, unido, autocrítico e respectuoso, algo que valoramos no día a día e que nos anima a aventurarnos en proxectos comúns con moitísima ilusión. A orientación do centro e o equipo directivo camiñan xuntos con pasos firmes cara á innovación educativa, cara ao sentido común e cara ao cambio necesario. O equipo de biblioteca acompaña e comparte.

Desde que a biblioteca forma parte do PLAMBE (ano 2006), a escola comeza a dinamizarse. Comezan a andar iniciativas como a das mochilas viaxeiras, voluntariado, mascota da biblioteca, Olimpíada do Saber, apadriñamentos lectores, trípticos de recomendacións de lecturas, visitas de autores, Hora de Ler, clubs de lectura… e os proxectos documentais integrados (PDI) ao redor dun tema común, ata o de agora con temas como as olimpíadas, a alimentación, as viaxes, o amor, a pintura e, neste curso, Tele-Coviña.

Autocrítica e novos pasos

Todo o curso xiraba arredor do proxecto proposto pola biblioteca. Temas preciosos, interesantes. Era máis doado decidir o que podiamos facer no Entroido, o Día da Paz ou incluso no concurso de beléns do concello. Os cursos quedaban bonitos e redondos porque había un tema común para todo, incluso para as excursións e os festivais.

Pero o que estabamos a levar a cabo era realmente un proxecto? Máis ben poderiamos dicir que estabamos a facer unha unidade didáctica por parte de todo o colexio con pequenas actividades sobre un tema común que sempre guiaba e dirixía o profesorado. Cumpríanse entón os obxectivos? Non se lle podería sacar máis proveito ao potencial dos PDI?

Esta observación e autocrítica, xunto con máis formación do profesorado (algo que consideramos esencial para poder avanzar), levou o equipo ao cambio. Un PDI debería de ter a forza suficiente como para impulsar o claustro a executar  e investigar nas metodoloxías activas (traballo por proxectos, traballo cooperativo, tarefas funcionais...). Tamén necesitabamos afondar no proceso do proxecto en xeral e involucrar nas decisións e organización o alumnado, profesorado e familias. Ademais, tiña que ser un traballo funcional, con plena significatividade e para iso era moi necesario ter un produto final.

Había que escoller un tema doado para arrincar cos proxectos, un tema que non botase atrás o profesorado máis reticente ao cambio. Ese curso do cambio, o curso 2015/16, escollemos como PDI A pintura.

PDI Aquí todos pintamos moito

Que queriamos conseguir co PDI?

  • Fomentar o traballo por proxectos e metodoloxías activas en todas as aulas.
  • Estimular a adquisición de competencias clave por parte do alumnado, moi especialmente a competencia en comunicación lingüística, aprender a aprender e conciencia e expresión cultural.
  • Fomentar o uso da biblioteca escolar como fonte de recursos e información.
  • Facer partícipe do PDI a toda a comunidade educativa. Mostrarlles ás familias as novas metodoloxías ofrecendo resultados.
  • Ter un proxecto común de cole. Queriamos ilusionarnos e emocionarnos xuntos.

Como nos organizamos?

Primeiro trimestre: curiosidade e motivación

A bruxa Coviña, a nosa mascota da biblioteca, foi a encargada de presentar o tema do curso. Coincidindo coa apertura da biblioteca, deixou unha caixa sorpresa na porta de cada clase cunha carta e un libro relacionado co tema, neste caso coa pintura. Neste trimestre tamén se mercou bibliografía sobre o tema e puxemos en marcha a actividade do Cadro do mes, onde cadros como O berro, Dormitorio en Arlés... foron readaptados con fotomontaxes polas familias. Nas aulas tamén se promoveron diferentes tarefas curriculares relacionadas coa pintura: expresión oral e escrita, educación emocional, expresión plástica... a través da arte.

Segundo trimestre: elaboración dos proxectos de investigación

Ademais da realización do calendario en colaboración co ENDL sobre pintura, da representación no Día da Paz do cadro O Guernica con parellas mesturadas de diferentes cursos, dun Entroido totalmente artístico..., fixemos o que tantos cursos levabamos ansiando: traballamos por proxectos nas aulas.

Con todas as fases que debe ter o traballo por proxectos (Que sabemos? Que queremos saber/facer? Onde investigaremos? Como nos organizamos? Que aprendemos?), destacamos a importancia da aprendizaxe durante o seu proceso: as ideas previas, a organización e o tratamento da información para convertela en coñecemento. Para complementar esta fase, realizamos visitas a diferentes museos e tamén levamos a cabo a Olimpíada do Saber sobre pintura (concurso de preguntas semanais de corte competencial onde os nenos forman grupos e participan voluntariamente).

Espiral do Museo Nacional de Arte das Covas Meaño

 

Terceiro trimestre: produto final: Museo Nacional de Arte das Covas Meaño

A idea foi atractiva desde o primeiro momento. O colexio ía ser un museo por un día. O alumnado escolleu o nome por votación e tiñamos a difícil tarefa de “camuflar” a escola para convertela nun museo.

O Día do Libro construímos unha espiral de manchas de cores na entrada do colexio, cada mancha levaba escrita unha cita dun pintor famoso, o nome dun cadro ou un sentimento sobre a pintura.

Cada clase tiña a misión de converter a súa aula nunha sala de museo que tiña que coincidir co proxecto traballado. Tiñamos a sala Miró, a da Prehistoria, Dalí, a sala das emocións, Van Gogh, Frida, Martha Gómez de Urueña, Guernica e a de artesanía de instrumentos.

Era tal o grao de implicación do alumnado que non puidemos resistirnos a seguir tirando do proxecto. Desde o equipo de biblioteca propuxemos unha serie de tarefas para que o alumnado se sentise máis partícipe. Deste xeito, o alumnado encargouse da elaboración de carteis publicitarios da visita, anuncios radiofónicos que se emitían pola megafonía da escola nas entradas e saídas, anuncios de vídeo, as invitacións ás familias, entradas numeradas, carteis e marcos para as salas, posto de información, trípticos, planos, follas de reclamación, habilitar unha cafetería, invitar a prensa... Os nenos e nenas deseñaban e levaban todo o peso en cada tarefa. Tiñan moi claro o “para que” servía o seu traballo e sentíanse realmente orgullosos del.

Para o día da visita ao museo, cada clase tiña que preparar unha exposición oral de 5 minutos de duración. O alumnado de sexto de primaria facíase cargo da repartición de roles: guías turísticos, director, xornalistas, encargado do posto de información...Todas as familias foron guiadas polos nenos a través de diferentes rutas polo Museo Nacional de Arte das Covas Meaño. Había intención, había contido, había expresión oral, había traballo, había competencias, había organización, había aprendizaxe, había emoción... Que máis podiamos pedir?

Vídeo museo

PDI Tele-Coviña: a nosa televisión

Este curso seguimos o mesmo esquema co novo PDI sobre televisión. Quixemos escoller este tema como punto de partida para crear esta canle na escola e que quede funcionando nos vindeiros cursos. Temos claro que hai máis aprendizaxe canto máis peso leven os nenos nas tarefas que se van realizar. Durante este curso temos obradoiros internivel de prensa, radio e televisión, no cales é o alumnado quen elabora o guión, grava, interpreta e realiza a edición. Ademais do evidente traballo da competencia en comunicación lingüística, colle un forte peso neste proxecto a competencia no sentido da iniciativa e espírito emprendedor e a competencia dixital. Tamén se fomenta dun xeito especial o espírito crítico ante a telelixo, os estereotipos, a falsa publicidade etc.

Este mes de xuño, as familias visitarán os estudios de Tele-Coviña. Temos estudios de debuxos animados, de publicidade, eurovisión, master chef, youtubers, reporteiros e xornalistas, musicais... todos como produto final do traballo por proxectos nas aulas. Novamente a clase de sexto terá asignados os roles (os oficios da televisión) e guiarán as familias polos diferentes estudios. A maiores, nos corredores proxectaranse todas as producións da televisión que se foron realizando durante o curso.

Entrevista a Marcos Fernández Pantoja realizada no obradoiro de televisión

 

Cambios metodolóxicos no colexio

O traballo por proxectos, as tarefas funcionais e as metodoloxías activas en xeral fan que sexa o alumnado o que se apropie e responsabilice da súa propia aprendizaxe. Os mestres e mestras observamos a enorme motivación que mostran, como se volven cada vez máis autónomos, como melloran no traballo cooperativo, na busca de información, na expresión oral etc. Son moitas aprendizaxes á vez, totalmente interdisciplinares que fan que valoremos enormemente o seu potencial didáctico.

Nestes momentos estamos nunha situación metodolóxica na que como colexio se fomenta:

  • Traballo diario da expresión oral nas aulas
  • Traballo por proxectos
  • Traballo cooperativo
  • Tarefas funcionais (onde é evidente o para que)
  • Filosofía para nenos e educación emocional
  • Traballo por recunchos en infantil e primaria
  • Clubs de lectura
  • Recreos organizados con ofertas múltiples de xogos populares
  • Titorizacións entre iguais
  • Matemáticas manipulativas (OAOA e ABN)
  • Obradoiros internivel de xadrez, radio, prensa e televisión
  • Supresión dos libros de texto en infantil e primaria

Alumnado de primeiro durante unha exposición oral

 

Foi o traballo por proxectos? A formación do profesorado? As boas prácticas co alumnado? O papel da orientación? O apoio do equipo directivo? A boa relación e o grao de implicación do profesorado? Sinceramente penso que foi todo e todos, porque todo e todos sumamos neste grande equipo. Entre todos construímos un modelo de centro noso: os diferentes equipos, os rapaces, as familias. Xuntos decidimos, pensamos, creamos, avaliamos e, por iso, xuntos avanzamos.

Novos pasos

Para o curso que vén daremos algún paso máis no ámbito da escola: traballo por ambientes e contextos educativos, crearemos un consello escolar infantil, máis sesións internivel, escornabots etc.

No ámbito dos PDI queremos apostar en maior medida por metodoloxías activas en todo o proceso. O alumnado podería ser perfectamente quen planifique que podemos facer, como, que necesitamos, como nos organizamos...

As familias están participando en todo o que lles propoñemos e iso está sendo clave, pero para nós tamén é un reto futuro que teñan unha implicación máis activa nas propostas.

Podemos dicir que o colexio As Covas Meaño está nunha situación de tránsito cara ao cambio, en camiño á innovación educativa. Aínda temos moito que andar: asentar un equipo de traballo sólido, seguir apostando pola nosa formación no ámbito interno e compartindo boas prácticas no externo, crear redes colaborativas con centros homólogos, implicarnos, coordinarnos, avaliarnos... e, como non, equivocarnos. Esa mirada autocrítica e de aprendizaxe á través dos erros é a que intentamos fomentar no alumnado, porque é a que nos fai mellorar como profesionais e tamén como persoas.

Exposición oral dun proxecto sobre alimentación

 

Conclusión

A través do traballo por proxectos e metodoloxías activas, os mestres e mestras observamos que os nenos son os protagonistas na construción das súas aprendizaxes, que pensan moito máis e “cobren” moito menos, que buscan información e solucións de forma autónoma en vez de copiar ou memorizar o que lles contamos os adultos, que están motivados porque son coñecedores do “para que” serve todo o que fan, que os nenos e nenas están felices na escola (e nós tamén), que mellora a súa creatividade e autoestima e, en definitiva, que aprenden máis.

Os proxectos documentais integrados desde a biblioteca escolar son un motor para levar a cabo o traballo por proxectos nas aulas. Ademais imprimen de personalidade cada curso escolar e a propia escola. No curso pasado, o noso colexio era un museo, este curso é unha cadea de televisión, para o curso que vén... propoñémonos seguir emocionándonos.

 

Sección: