Presenza de estereotipos de xénero nunha mostra de estudantes de formación profesional da rama sanitaria

Os estereotipos de xénero, crenzas estereotipadas sobre as diferentes características asociadas a homes e mulleres na sociedade, teñen unha gran influencia na conduta. Este traballo, de carácter descritivo e inferencial, ten como obxectivo coñecer se os adolescentes que cursan ciclos formativos da rama sanitaria interiorizaron certos estereotipos de xénero relacionados co traballo e as actividades laborais e comprobar a existencia de diferenzas por sexo. Os resultados obtidos mostran que, a pesar de que o alumnado presenta unha certa sensibilización cara á igualdade, segue asociando determinadas profesións con un ou outro sexo.

María Josefa Mosteiro García
Universidade de Santiago de Compostela (A Coruña, España)
pepa.mosteiro@usc.es
Ana María Porto Castro
Universidade de Santiago de Compostela (A Coruña, España)
anamaria.porto@usc.es
Jesús Miguel Muñoz Canteiro
Universidade da Coruña (A Coruña, España)
munoz@udc.es

 

Introdución

O xénero é un organizador básico en todas as culturas e sociedades. En función das características sexuais externas e das diferentes funcións dentro do proceso reprodutivo, homes e mulleres ocupan roles diferenciados no facer social. Esta diferenciación foi interpretada de forma xerárquica na nosa sociedade, entendendo que o home está nunha situación de superioridade respecto da muller e orixinando, deste xeito, situacións de desigualdade entre un e outro sexo.
Como indican Colás e Villaciervos (2007, p. 38), “As persoas convértense en homes e mulleres en función da aprendizaxe de representacións culturais de xénero que rexen non só a súa constitución xenérica, senón tamén o carácter das relacións que, uns e outras, manteñen en diferentes esferas sociais”.

Estas crenzas estereotipadas transmítense a través dun complexo sistema de interaccións no que interveñen diversos axentes e institucións. A familia, o grupo de iguais, os medios de comunicación e as institucións educativas son os espazos de socialización nos que se aprenden e interiorizan os roles masculinos e femininos socialmente aceptados (Perry & Pauletti, 2011).

Os estereotipos de xénero inflúen na imaxe que cada sexo forma de si mesmo, é dicir, na construción do autoconcepto de xénero, identificándose con aqueles trazos, valores e actitudes que son propios da categoría sexual á que se pertence. Esta identificación tradúcese en diferenzas nas condutas e no tipo de eleccións, tanto académicas como profesionais, que se realizan na vida adulta.

Debido á importancia que os estereotipos de xénero teñen no comportamento dun e doutro sexo, neste traballo tratamos de coñecer a interiorización que os adolescentes que cursan ciclos formativos de grao medio e superior da rama sanitaria fixeron de certos estereotipos de xénero relacionados co traballo e as actividades laborais.

Estereotipos de xénero

Cando nos aproximamos a unha conceptualización dos estereotipos de xénero, é necesario delimitar claramente o que entendemos por estereotipo. Seguindo a Barberá (1991, p. 85) o “estereotipo fai referencia a un sistema de crenzas sobre as características que se pensa que son compartidas por un determinado grupo”.

Os estereotipos de xénero refírense, pola súa banda, ás crenzas sobre as características que posúen mulleres e homes na sociedade (Morais, Moya, Gaviria & Cuadrado, 2007). Segundo Lòpez Zafra e García-Retamero (2009, p. 91), “as persoas buscan a súa propia identidade dentro dos seus grupos de pertenza, o que implica que, dentro do grupo, un se percibe con características diferenciais respecto dos demais”. Este conxunto de crenzas leva implícita a existencia dunha dicotomía de trazos de personalidade, roles, características físicas e ocupacións que se asocian tradicionalmente a homes e mulleres e que teñen unha grande influencia no individuo, na súa percepción do mundo e de si mesmo e na súa conduta.

É importante apuntar que os estereotipos son a base dos prexuízos que afectan tanto a homes como a mulleres, polo carácter que teñen, non só descritivo senón prescritivo. Cada vez que unha persoa aprende que é “neno”, ou que é “nena”, vai aprendendo tamén cal é a conduta apropiada para esa autocategorización; cando a súa conduta non se axusta ao socialmente esperable, adoita ser criticada e rexeitada, por iso o máis habitual é que cada individuo se intente axustar aos canons establecidos para o seu sexo (Elejabeitia & López-Sáez, 2003).

Os estereotipos de xénero inflúen, como sinalamos anteriormente, na percepción que a persoa ten de si mesma, na interpretación que fai da súa conduta e nas eleccións que realiza, a través das expectativas de éxito e tamén da valoración subxectiva cara a determinadas profesións. O feito de que aínda hoxe en día certas profesións se consideren máis axeitadas para o sexo masculino ca o feminino pode ser explicado, se tomamos como referencia as palabras de Subirats (2016, p. 35), porque “o mundo profesional non é aínda plenamente o mundo das mulleres e case sempre hai algún elemento inharmónico na nosa presenza nel, sobre todo nas profesións nas que as mulleres entraron desde hai pouco tempo”.

Neste sentido, estudos levados a cabo nos últimos anos (Cañón, Cristiano & García, 2014; Miller, Eagly & Linn, 2015; Sánchez et al., 2011) corroboran a existencia de crenzas estereotipadas sobre  as profesións. Así, Sánchez et al. (2011), nunha mostra de estudantes que estaban a finalizar educación secundaria obrigatoria, formación profesional e programas de garantía social e educación superior, comprobaron como as alumnas afirman que ambos os sexos están capacitados igualmente para desempeñar profesións estereotipicamente masculinas e femininas, mentres os alumnos opinan que as mulleres están máis capacitadas para desempeñar profesións estereotipadamente femininas e os homes para as masculinas.

O estudo levado a cabo por Cañón et al. (2014) demostra a existencia dunha forte relación entre a categoría home cos oficios masculinizados e entre a categoría muller cos oficios feminizados.

Miller et al. (2015) constatan que mozos e mozas seguen tendo unha imaxe estereotipada das profesións e continúan crendo que os homes teñen calidades máis apropiadas ca as mulleres para desempeñar profesións no ámbito da ciencia. Esta estereotipia é máis acusada no caso dos mozos.

Outros traballos (Alvariñas, Fernández & López 2009; Colás & Villaciervos, 2007; Díaz-Aguado, Martínez & Martínez 2014; García et al., 2010, Pastor & Marrucci, 2015, Rodríguez & Megías, 2015; Ruiz., Ballester, Gil, Giménez & Salmerón, 2010; Sánchez et al., 2011) centráronse en estudar a prevalencia dos estereotipos de xénero entre o alumnado de distintas etapas educativas. Por exemplo, Colás e Villaciervos (2007) verifican en alumnado de secundaria unha elevada interiorización de condutas estereotipadas cara ao outro sexo. Así mesmo, Alvariñas et al. (2009) observan a existencia de estereotipos no deporte, aínda que tamén constatan certa progresión nos e nas adolescentes, o que leva a crer que o seu pensamento está a cambiar e están a desaparecer certas ideas estereotipadas.

García et al. (2010), nunha mostra de estudantes de educación primaria e educación secundaria de centros públicos e privados da provincia de Sevilla, comprobaron que as alumnas están máis sensibilizadas en materia de igualdade ca os alumnos. Tamén constataron que o alumnado mostra condutas estereotipadas cara a cuestións relacionadas co ámbito persoal, sobre todo no que se refire á reprodución e ás tarefas de coidado, actividades tradicionalmente asociadas ao rol feminino.

Sánchez et al. (2011) sinalan que, a maior idade e nivel educativo, menor presenza de estereotipos de xénero, e viceversa, a menor idade e nivel educativo, maior presenza de estereotipia de xénero. A flexibilidade dos estereotipos de xénero coa idade tamén se pon de manifesto no estudo realizado por Ruiz et al. (2010), ao comprobar que os e as adolescentes manifestan actitudes discriminatorias en función do xénero, crenzas que van cambiando a medida que estes se van facendo maiores.

Nun traballo recente realizado con estudantes de educación secundaria de Italia e España, Pastor e Marrucci (2015) constataron que, en xeral, o alumnado español está máis sensibilizado en materia de igualdade ca o italiano. Por outra banda, observaron que as alumnas españolas están máis sensibilizadas en materia de igualdade ca os alumnos españois, especialmente nas condutas que teñen que ver co social e persoal, ámbitos nos que existe unha maior desigualdade entre un e outro sexo.

O aumento do rexeitamento ao sexismo é constatado por Díaz-Aguado et al. (2014) nun estudo realizado con estudantes de educación secundaria obrigatoria, bacharelato e ciclos formativos de centros de distintas comunidades autónomas españolas. Nesta mesma liña, Rodríguez e Megías (2015) sinalan que segue existindo unha clara diferenciación nas atribucións que mozos e mozas conceden a un e outro sexo. Así, constatan no seu traballo como a sensibilidade, a comprensión, a intelixencia, a responsabilidade e a prudencia se asocian ao sexo feminino, mentres o masculino se relaciona co dinamismo e a funcionalidade, a actuación e o protagonismo.

Método

Obxectivos

En liña cos resultados expostos ata aquí, no noso traballo tratamos de explorar a persistencia de certos estereotipos de xénero en estudantes de formación profesional da rama sanitaria. Máis concretamente, os principais obxectivos do estudo son:

  • Coñecer se os e as adolescentes que cursan ciclos formativos de grao medio e superior da rama sanitaria interiorizaron certos estereotipos de xénero relacionados co traballo e as actividades laborais.
  • Comprobar a existencia de diferenzas segundo o sexo en estudantes de ciclos formativos de grao medio e superior da rama sanitaria en relación cos estereotipos de xénero.

Poboación e mostra

A poboación está constituída polos centros educativos públicos, concertados e privados de formación profesional de grao medio e superior e o alumnado que os integra na Comunidade Autónoma Galega. Para a selección da mostra empregouse unha mostraxe non aleatoria, de carácter incidental, e os criterios de selección que se seguiron foron: que fose alumnado de primeiro e segundo curso de formación profesional da rama sanitaria, tanto de ciclo medio como superior.

Tendo en consideración o total de centros e o tipo de mostraxe indicada, a mostra quedou configurada por un total de 96 estudantes (87,5 % alumnas e 12,5 % alumnos) que estudan primeiro e segundo curso dos ciclos formativos de grao medio de Farmacia e Parafarmacia (6,0 %), Coidados Auxiliares de Enfermería (18,8 %), Atención Sociosanitaria (20,8 %) e dos ciclos formativos de grao superior de Documentación Sanitaria (15,6 %), Próteses Dentais (17,7 %) e Anatomía Patolóxica e Citoloxía (20,8 %). As idades da mostra están comprendidas entre os 18 e 20 anos.

Instrumento

Para a recollida de información elaborouse un cuestionario ad hoc para esta investigación denominado “Cuestionario sobre motivacións e expectativas académicas e laborais”, composto por un total de 18 preguntas agrupadas en tres bloques de contido: datos persoais, motivacións e expectativas académicas e laborais e estereotipos de xénero.

O instrumento someteuse a un estudo de validez a través de expertos do ámbito universitario especialistas en cuestións de xénero e de metodoloxía de investigación educativa. Como resultado das contribucións realizadas reformulouse a redacción de varios dos ítems para facelos máis comprensibles.

Procedeuse ao cálculo da fiabilidade do instrumento na súa totalidade mediante o coeficiente Alpha de Cronbach que deu un valor de 0,830 (nivel de confianza 95,5 %), o que indica que este posúe unha elevada consistencia interna.

Para a elaboración deste traballo seleccionáronse as preguntas do cuestionario referidas aos estereotipos de xénero. Na primeira delas solicitábaselles aos alumnos que indicasen quen (home/muller) está máis capacitado para desempeñar diferentes ocupacións. Na segunda cuestión pedíase que indicasen, nunha escala de 1 (moi en desacordo) a 5 (moi de acordo), o seu grao de acordo-desacordo ante un total de 13 afirmacións estereotipadas relacionadas co traballo e as actividades laborais.

Procedemento de recollida de datos

O instrumento foi aplicado polo equipo de investigación e, nalgúns casos, por profesorado dos centros participantes, ao que se lle explicou de maneira detallada o procedemento que había que seguir no momento da súa administración, co fin de que as condicións de aplicación fosen o máis homoxéneas posibles. Deste xeito tratábase de asegurar a validez do procedemento.

O cuestionario foi aplicado na aula e no horario académico habitual. Os suxeitos que voluntariamente decidiron participar no estudo foron informados brevemente sobre a finalidade da investigación, ao mesmo tempo que se lles deron as instrucións específicas necesarias para responder as preguntas expostas.

Análise de datos

Mediante o paquete estatístico SPSS (versión 22.0) realizouse unha análise descritiva (cálculo de porcentaxes, frecuencias, medias e desviación típica) para coñecer os trazos descritivos da mostra; tamén se levou a cabo unha análise inferencial (cálculo da proba Chi-Cadrado e t de Student ), co fin de comprobar a existencia de diferenzas significativas nos estereotipos de xénero en función do sexo.

RESULTADOS

Presentamos, a continuación, os resultados obtidos, facendo referencia, en primeiro lugar, á percepción estereotipada sobre as profesións para, posteriormente, comprobar o grao de acordo dos suxeitos da mostra ante unha serie de afirmacións estereotipadas.

Percepción estereotipada das profesións

Tal e como se pode observar na táboa 1, os resultados obtidos indican que a maioría do alumnado  da mostra considera que ambos os sexos están igualmente capacitados para exercer calquera das profesións presentadas, alcanzando as maiores porcentaxes profesións como médico/a (80,2 %), mestre/a (79,2 %), xuíz/a (78,1 %), arquitecto/a (76,0 %), enfermeiro/a (76,0 %), enxeñeiro/a (75,0 %), informático/a (71,9 %) e caixeiro/a (70,8 %).

Con todo, nas respostas dadas percíbese que ambos os sexos interiorizaron que para certas profesións están máis capacitados os homes, por exemplo, as de albanel (46,9 %), electricista (43,8 %), bombeiro (39,6 %), mecánico (38,5 %), e que para outras parecen estar máis capacitadas as mulleres, como é o caso de asistenta (39,6 %), coidadora (34,4 %), dependenta (25,0 %), peiteadora (24,0 %) e caixeira (22,9 %).

Táboa 1. Profesións para as que están máis capacitados/as homes e mulleres (mostra total)

 

Nesta cuestión, a análise por sexo (véxase a táboa 2) revela que as mulleres tenden a atribuír un mellor desempeño a ambos os sexos en todas as profesións indicadas. Con todo, comprobamos como nas profesións estereotipadas cara ao sexo masculino (albanel e bombeiro/a ) as mulleres atribúen un mellor desempeño, ademais de a ambos os sexos, aos homes. O mesmo ocorre, pero en sentido contrario, no caso das profesións de coidador/a, enfermeiro/a , peiteador/a e asistente/a nas que ambos os sexos, ou ben as mulleres, poden ter éxito.

Os homes atribúen un mellor desempeño ás persoas do seu sexo nas profesións de albanel (54,45 %), bombeiro (54,5 %), mecánico (54,5 %) e electricista (54,5 %); no resto de profesións presentadas consideran que homes e mulleres están igualmente capacitados, aínda que chama a atención o caso das profesións de coidador/a (54,5 %/45,5 %) e asistente/a (45,5 %/45,4 %) nas que as diferenzas porcentuais entre quen considera que son traballos de mulleres ou tanto de homes como de mulleres é mínima.

Profesións estereotipadas cara ao sexo feminino tales como caixeiro/a, coidador/a, enfermeiro/a, asistente/a e dependente/a son consideradas polos alumnos participantes no estudo apropiadas para ambos os sexos ou para as mulleres.

A proba Chi Cadrado realizada para cada un dos ítems revela que non existen diferenzas estatisticamente significativas por sexo na consideración do desempeño nas diferentes profesións.

Táboa 2. Profesións para as que están máis capacitados/as homes e mulleres (diferenzas por sexo)

 

Valoración dos estereotipos de xénero

Respecto dos estereotipos de xénero, a análise das respostas dadas polos suxeitos da mostra revela claramente, como recolle a táboa 3, que se mostran de acordo ante as afirmacións “As mulleres deben ter as mesmas posibilidades de traballo ca os homes” e “As mulleres teñen máis dificultades para atopar un traballo que tradicionalmente se identifica como un traballo de homes”.

Por outro lado, o alumnado enquisado non se sitúa a favor nin en contra de afirmacións como as seguintes: “Os homes teñen máis dificultades para atopar un traballo que tradicionalmente se identifica como un traballo de mulleres”, “As ocupacións nas que traballan sobre todo homes teñen maior recoñecemento social ca as ocupacións nas que a presenza feminina é maioritaria”, “As ocupacións nas que traballan sobre todo mulleres posúen peores condicións laborais ca as ocupacións nas que traballan sobre todo homes”, “As profesións nas que traballan sobre todo mulleres están peor remuneradas ca as profesións nas que traballan sobre todo homes” e “Na nosa sociedade as mulleres non sofren discriminación á hora de incorporarse ao mercado laboral”.

Por outra banda, móstranse en desacordo coas afirmacións “Hai traballos que son máis apropiados para as mulleres ca para os homes”, “Hai traballos que son máis apropiados para os homes ca para as mulleres”, “Hai traballos nos que se necesita forza e outras calidades/habilidades que as mulleres non teñen” e “Hai algúns tipos de traballos máis apropiados para as mulleres e outros máis apropiados para os homes”.

As respostas do alumnado ás afirmacións “Contratar as mulleres só lles trae problemas ás empresas” e “Hai traballos nos que os homes deberían ter preferencia sobre as mulleres á hora dos ascensos e da promoción” alcanzan as medias máis baixas; os participantes do estudo manifestan que están moi en desacordo con elas.

Táboa 3. Estereotipos de xénero (mostra total)

 

A análise por sexo dos datos (véxase táboa 4) revela que tanto os alumnos como as alumnas coinciden ao mostrar o seu máximo acordo coa afirmación “As mulleres deben ter as mesmas posibilidades de traballo ca os homes”.

Da mesma opinión son os alumnos e alumnas que manifestan que están de acordo con que “As mulleres teñen máis dificultades para atopar un traballo que tradicionalmente se identifica como un traballo de homes”, e o grao de acordo é algo maior no caso das mulleres. Pola contra, ambos están totalmente en desacordo coas afirmacións “Contratar as mulleres só lles trae problemas ás empresas” e “Hai traballos nos que os homes deberían ter preferencia sobre as mulleres á hora dos ascensos e da promoción”.

As alumnas sitúanse con puntuacións medias superiores ás dos seus compañeiros ante as seguintes afirmacións: “Os homes teñen máis dificultades para atopar un traballo que tradicionalmente se identifica como un traballo de mulleres”, “As ocupacións nas que traballan sobre todo homes teñen maior recoñecemento social ca as ocupacións nas que a presenza feminina é maioritaria” e “As profesións nas que traballan sobre todo mulleres están peor remuneradas ca as profesións nas que traballan sobre todo homes”.

Ante as frases seguintes: “Hai traballos que son máis apropiados para as mulleres ca para os homes”, e viceversa, “Hai traballos que son máis apropiados para os homes ca para as mulleres”, “Hai traballos nos que se necesita forza e outras calidades/habilidades que as mulleres non teñen”, a postura dos alumnos non parece tan clara, en comparación coas alumnas, posto que as súas respostas se aproximan ao momento medio da escala.

Sitúanse na mesma liña as respostas do alumnado ante as afirmacións “Hai traballos nos que se necesita forza e outras calidades/habilidades que as mulleres non teñen”, “Hai algúns tipos de traballos máis apropiados para as mulleres e outros máis apropiados para os homes e “Na nosa sociedade as mulleres non sofren discriminación á hora de incorporarse ao mercado laboral”. Neste caso as alumnas móstranse en desacordo con estas afirmacións, mentres que as respostas dos alumnos están máis próximas ao acordo.

Finalmente, ao analizar os datos comparando ambos os sexos, os resultados derivados da proba t de Student mostran a non existencia de diferenzas estatisticamente significativas entre os alumnos e as alumnas en todos os estereotipos de xénero presentados.

Táboa 4. Estereotipos de xénero (diferenzas por sexo)

 

Conclusións

Os resultados obtidos permítennos concluír que aínda hoxe en día persisten certas crenzas estereotipadas entre o alumnado da rama sanitaria de formación profesional sobre as profesións apropiadas para homes e mulleres.

En canto á representación das profesións segundo o xénero no noso estudo constátase que os homes consideran que están máis capacitados para desempeñar profesións estereotipadamente masculinas, tales como albanel, bombeiro/a, mecánico/a e electricista mentres que as mulleres afirman que ambos os sexos están igualmente capacitados para desempeñar profesións estereotipadamente masculinas e femininas. Póñense de manifesto similares resultados no traballo de Sánchez et al. (2011) no que se constata que os homes mostran crenzas de xénero máis estereotipadas mentres as mulleres manteñen posturas máis neutras e igualitarias, e tamén, no estudo de Cañón et al. (2014) que sinala a existencia dunha forte relación entre a categoría home con profesións masculinas e entre a categoría muller con profesións femininas.

Respecto da visión sobre as crenzas estereotipadas cara a aspectos relacionados co traballo e as actividades laborais, podemos afirmar que o alumnado da nosa mostra presenta unha elevada sensibilización cara á igualdade. Estes resultados corroboran os obtidos no estudo de García et al. (2010) que poñen ao descuberto una certa sensibilización cara á igualdade do alumnado de educación primaria e secundaria, o que evidencia un incremento do rexeitamento ao sexismo e os estereotipos de xénero, tal e como afirman Díaz-Aguado et al. (2014) e Alvariñas et al. (2009).

Debemos sinalar tamén que na nosa investigación non atopamos diferenzas significativas na interiorización dos estereotipos por sexo, a diferenza do traballo de Pastor & Marrucci (2015) que si as atopa entre estudantes españois e italianos.

Os resultados do noso estudo son atribuídos, na nosa opinión, aos cambios que nos últimos anos se produciron en materia de igualdade e á presenza cada vez maior de mulleres e homes en espazos que antes estaban reservados exclusivamente para un só dos sexos, o masculino.

Outra das posibles explicacións pode ser as propias características dos ciclos de formación profesional estudados, os da rama sanitaria, títulos estereotipadamente femininos, nos que a presenza das mulleres foi e é maioritaria.

En síntese, consideramos que a escola é un espazo onde se poden e deben adoptar medidas dirixidas a modificar as percepcións estereotipadas atopadas e transformar os contextos escolares como espazos de coeducación libres de estereotipos e discriminacións de xénero.

Do mesmo xeito, é necesario, como sinalan Colás & Villaciervos (2007) incorporar a dimensión de xénero na orientación escolar e profesional para eliminar os prexuízos que aínda hoxe en día asocian un determinado tipo de estudos e profesións a un e outro sexo, así como traballar desde a perspectiva de xénero na formación da identidade dos estudantes, tanto no ámbito curricular como extracurricular.

Dado que o traballo se realizou nunha mostra pequena, o cal pode supoñer unha limitación dos resultados obtidos, sería conveniente cara ao futuro ampliar o tamaño mostral e estender o estudo a outras ramas da formación profesional de ciclo medio e superior e mesmo a outras etapas educativas.

Con todo, cremos que o traballo serve de base a novas liñas de investigación futuras. Neste sentido, sería de interese afondar nas crenzas estereotipadas do alumnado a través da utilización de instrumentos de natureza cualitativa como os grupos de discusión ou realizar análises comparadas con estudantes doutras ramas profesionais e pertencentes a outros países.

 

 

Bibliografía: 

 

 

ALVARIÑAS, M.; FERNÁNDEZ, M.ª A. & LÓPEZ, C. (2009): “Actividad física y percepciones sobre deporte y género”, Revista de Investigación en Educación, 6, 113-122.

BARBERÁ, E. (1991): “Análisis de los estereotipos de género”, Investigaciones Psicológicas, 9, 145-165.

CAÑÓN, J. K.; CRISTIANO, A. L. & GARCÍA, Y. (2014): “Procedimiento de evaluación relacional implícita para evaluar profesiones estereotipadas según el género”, Horizontes Pedagógicos, 16 (1), 55-65.

COLAS, P. & VILLACIERVOS, P. (2007): “La interiorización de los estereotipos de género en jóvenes y adolescentes”, Revista de Investigación Educativa, 1 (25), 35-58.

DÍAZ AGUADO, M. J.; MARTÍNEZ, R. & MARTÍNEZ, J. (2014): La evolución de la adolescencia española sobre la igualdad y la prevención de la Violencia de género. Madrid: Ministerio de Sanidade, Política Social e Igualdade. Centro de Publicacións.

ELEJABEITIA, C. & LÓPEZ SÁEZ, M. (2003): Trayectorias personales y profesionales de mujeres con estudios tradicionalmente masculinos. Madrid: Instituto da Muller e CIDE.

GARCÍA, R.; REBOLLO, M. A.; BUZÓN, O.; GONZÁLEZ-PIÑAL, R.;  Barragán, R., & Ruíz, E. (2010): “Actitudes del alumnado hacia la igualdad de género”, Revista de Investigación Educativa, 28 (1), 217-232.

LÓPEZ ZAFRA, E. & GARCÍA-RETAMERO, R. (2009): “Mujeres y liderazgo: ¿Discapacitadas para ejercer el liderazgo en el ámbito público?, Feminismo/s, 13, 85-104.

MILLER, D. I.; EAGLY, A. H. & LINN, M. C. (2015):  “Women’s representation in science predicts national gender-science stereotypes: Evidence from 66 nations”, Journal of Educational Pychology, 107 (3), 631-644.

MORALES, J. F.; MOYA, M.;  GAVIRIA, E. & CUADRADO, I. (2007): Psicología Social. Madrid: MacGraw-Hill.

PASTOR GIL, L., & MARRUCCI, C. (2015): “Valores y estereotipos de género presentes en adolescentes italianos y españoles”, en AIDIPE (Ed.), Investigar con y para la sociedad.  Madrid: AIDIPE, 443-454.

PERRY, D. & PAULETTI, R. (2011): “Gender and adolescent development”. Journal of Research on Adolescence, 21 (1), 61-74.

RODRÍGUEZ, E. & MEGÍAS, I. (2015): ¿Fuerte como papá? ¿Sensible como mamá? Identidad de género en la adolescencia. Madrid: Centro Reina Sofía sobre Adolescencia y Juventud.

RUIZ, E.; BALLESTER, R.; GIL, M. D.; GIMÉNEZ, C. & SALMERÓN, P. (2010): “¿Cambian los estereotipos de género a lo largo de la adolescencia?” International Journal of Developmental and Educational Psychology, 1(2), 321-329.

SÁNCHEZ, M.; SUÁREZ, M.; MANZO, N.; OLIVEROS, L.; LOZANO, S.; FERNÁNDEZ, B. & MALIK, B. (2011): “Estereotipos de género y valores sobre el trabajo entre los estudiantes españoles”, Revista de Educación, 355, 331-354.

SUBIRATS, M. (2016): “De los dispositivos selectivos en la educación: el caso del sexismo”, Revista de la Asociación de Sociología de la Educación, 9 (1), 22-36.

Sección: