Todos somos Ulises. Por unha educación democrática e humanista

Xavier Seoane - Editorial Xerais, ensaio, Vigo, 2016

Javier Pintor Elizalde
jjpinel@edu.xunta.es
CFR A Coruña
 


Xavier Seoane está a analizar e defender na súa obra ensaística temas de gran relevancia na nosa cultura, como son a importancia do libro e a lectura (Atravesar o espello, 2000), a función da poesía no mundo contemporáneo (O sol de Homero, 2002) e a relación das humanidades coa ciencia e a tecnoloxía (Saúdar a vida, 2007). Este ambicioso proxecto medra con este libro dedicado á educación humanística e democrática.

Nesta sociedade actual determinada polas políticas economicistas neoliberais a educación corre o risco de caer en mans de tecnócratas irresponsables para os que o ensino é un mero trámite académico, unha cuestión económica onde o que menos importa son as persoas. O autor deste ensaio alerta sobre estes perigos e afirma que “a calidade da vida depende directamente da calidade da educación”,  e chega a afirmar que pola educación pasa o progreso dun país xa que esta é a que ten a chave do coñecemento, e sen coñecemento non hai posibilidade de prosperidade social nin de realización persoal dos individuos.

Xavier Seoane insiste ao longo deste ensaio na importancia da educación pública xa que “constitúe o espazo posible para crear formas de equidade e democracia nunha sociedade con altas cotas de inxustiza e desigualdade”. No libro tamén se analizan conceptos moi controvertidos na actualidade, como o da vocación, o esforzo, a educación emocional, a excelencia, a crise da familia e acuña termos tan significativos como o de “telecasa”; tamén  subliña a importancia da lectura como elemento imprescindible para avanzar na sociedade do coñecemento.

O autor, así mesmo, amosa a súa preocupación por como a supervivencia material na que estamos atrapados anula o tempo de lecer das nosas vidas, o que implica a dificultade para que os individuos accedan a bens básicos e necesarios como a cultura e a educación. Esta situación que atravesamos xunto coa perda de valores e a falta de interese polos asuntos cívicos está a abocar a nosa sociedade a unha deriva cara á incomunicación e o fracaso.

Xavier Seoane avoga por unha viaxe educativa, estética e moral que forme os individuos como persoas solidarias capaces de desenvolvérense nun mundo de gran complexidade. Porque parafraseando a Cavafis, importa menos o destino ca a viaxe: “Ao emprender a viaxe para Ítaca desexa que o camiño sexa longo, pleno de peripecias, pleno de saberes".

Sección: