Educación inclusiva: un modelo de futuro

María Antonia Casanova, Edit Wolters Kluwer, 2016

Carmen Vaz Dapia

cvaz@edu.xunta.es

Asesora do CFR de Vigo

 

En palabras da autora, a única vía que ten a sociedade para lograr persoas íntegras, responsables, críticas, participativas, respectuosas, creativas e capaces de vivir en sociedades democráticas é ser quen de atender o conxunto do alumnado, con todas as súas peculiaridades, en calquera circunstancia e en centros docentes nos que convivan os diferentes, xa que logo terán que vivir xuntos en sociedade eses mesmos diferentes.

Con este punto de partida, María Antonia Casanova, nesta obra, ofrece razóns éticas, sociolóxicas e psicopedagóxicas para a inclusión, e analiza diversas opcións para a atención á diversidade en educación desde este punto de vista: a atención á diversidade desde o sistema educativo, as políticas educativas para a atención á diversidade e a identificación dos alumnos diferentes; o enfoque e as características do currículo para a escola inclusiva; as achegas dos elementos do deseño curricular á educación inclusiva e, particularmente, as competencias como meta social e eixe cohesionador do deseño curricular; os cambios imprescindibles na avaliación e na organización para mellorar a atención á diversidade e as propostas para avaliar a educación inclusiva.

Destacamos os capítulos dedicados ás estratexias metodolóxicas e á avaliación tanto pola súa relevancia como polas propostas prácticas que nos ofrecen.

A autora considera que o camiño para acadar aprendizaxes significativas e pertinentes debe centrarse no desenvolvemento de estratexias de aprendizaxe e no dominio das competencias. Polo tanto, as estratexias metodolóxicas (cos recursos e actividades correspondentes) que o profesor decida e aplique van ter unha enorme influencia no modo de aprender do alumnado. Por iso, despois de analizar as súas funcións, características e tipoloxía ofrece unha proposta de actividades, integradas no deseño curricular, con diferentes niveis de desempeño.

En relación coa avaliación, a partir da revisión das propostas existentes sobre avaliación en educación inclusiva, fai propostas de avaliación para un centro inclusivo en distintos ámbitos: proposta curricular, unidades didácticas inclusivas e participación e colaboración das familias.

En definitiva, nesta obra a autora ofrécenos pautas, reflexións e ideas para traballar cun modelo de educación inclusiva na escola ordinaria.

 

Sección: