Cambiarías o conto do lobo?

Practicar a lectura e a escritura creativa en clave de ciencia
Preséntase unha proposta didáctica para analizar as representacións sociais e espaciais sobre o lobo na literatura, practicando a lectura crítica e a escritura creativa en clave de ciencia. A actividade está dirixida a alumnado de sexto de primaria e utiliza un enfoque interdisciplinar que permite promover as competencias lingüísticas, sociais e científicas de maneira integrada, así como o desenvolvemento de pensamento crítico.

M. J. Caamaño
mariajose.caamano@usc.es
B. Puig
blanca.puig@ usc.es
C. Macía
carlos.macia@usc.es
Departamento de Didácticas Aplicadas, Universidade de Santiago de Compostela

 

Introdución

A literatura e a ciencia son construcións humanas que posibilitan a xeración de coñecementos e que adoitan traballarse de maneira separada nas aulas, malia confluír en aspectos como a creatividade, a imaxinación ou a interpretación da realidade, entre outros. Ambas logran aproximar o alumnado á natureza e ás ameazas que hai sobre esta; no caso da literatura infantil, sobre todo mediante fábulas protagonizadas por animais. Tanto a dimensión ideolóxica da literatura infantil (Etxaniz, 2004) como a utilidade da escritura creativa na aula (Rodari, 1999; Delmiro Coto, 2002) foron investigadas en profundidade; porén, existen escasos exemplos de como abordar ambas as dimensións en articulación coa aplicación de coñecementos científicos e sociais.

A reconstrución de contos en clave de ciencia, proposta que facemos neste artigo, implica analizar estereotipos e transformar ficcións en coñecementos reais fundamentados en probas científicas practicando a escritura creativa. Alén disto, favorece a aprendizaxe integrada de coñecementos de lingua e literatura, ciencias e sociais, así como o desenvolvemento de pensamento crítico.

O currículo de educación primaria (EP) (Xunta de Galicia, 2014) fai fincapé na necesidade de potenciar a aprendizaxe integrada baseada en competencias, o que require un enfoque de ensinanza que involucre o alumnado en procesos de construción de coñecemento e toma de decisións. Integrar este enfoque constitúe un desafío para o profesorado xa que implica o dominio de coñecementos de distintas áreas e, en ocasións, coma no caso do lobo, atender a dimensións éticas, sociais e culturais que inflúen na aprendizaxe do papel desta especie no ecosistema. A investigación en didácticas aplicadas pretende dar resposta a este e outros desafíos, co fin de mellorar a aprendizaxe por competencias en distintos niveis. A proposta que presentamos neste artigo nace do traballo de investigación compartido en didáctica de ciencias, lingua e sociais dentro do ámbito da formación inicial de profesorado de primaria.

Antecedentes. Representacións sociais e espaciais sobre o lobo

A simboloxía negativa asociada ao lobo remóntase á antigüidade grecolatina, como reflicte a coñecida expresión de Plauto homo homini lupus, e continúa arraigada nos contos infantís e no imaxinario colectivo actual. Esta visión negativa transmítese mediante a lingua en ditos, frases feitas e refráns (“meterse na boca do lobo”), e mesmo a través dos medios. Titulares de prensa recollen expresións como “Coidado que vén o lobo!”, logrando deste xeito enquistar na sociedade unha imaxe do lobo afastada da realidade.

Algúns dos esterotipos sociais sobre o lobo comprobáronse na análise dun cuestionario realizado a profesorado de primaria en formación inicial da USC este curso 2016/07. Entre as cuestións formuladas, preguntábaselles pola situación actual do lobo en Galicia, en que paisaxes poderiamos atopalo e polos seus hábitos alimenticios. A maioría (45 de 54 estudantes) opinaba que poderiamos atopar lobos en alta montaña e/ou zonas do interior de Galicia (Ourense e Lugo), mentres que só tres sinalaban que poderiamos atopalo próximo a núcleos urbanos. Todos os participantes coincidían en sinalar que o lobo é unha especie carnívora que se alimentaba de presas fáciles (ovellas e vacas) e fundamentaban as súas respostas nos medios de comunicación, como mostra o exemplo deste alumno: “Os lobos son carnívoros, a razón de dar esta resposta é porque moitas veces vexo noticias na prensa de mortes de animais por culpa dos lobos”. Os medios de comunicación semellan ter unha grande influencia na aprendizaxe de temas coma este, tal e como amosan as respostas do alumnado.

Estudos previos sobre a percepción social do lobo nos Estados Unidos (Kellert, 1985) mostran diferenzas entre a poboación rural e a urbana: os estudantes universitarios que viven en urbes son os que amosan unha visión positiva cara ao lobo fronte a persoas maiores do rural. En España, o río Douro serve de límite xeográfico para diferenciar esta especie en dúas categorías, cinexética e protexida, e son os lobos que viven ao norte do río os susceptibles de ser cazados.

As explicacións xeográficas para delimitar territorialmente a presenza de lobo en España son complexas de introducir en educación primaria. O alumnado ten dificultades para diferenciar entre espazos urbanos e rurais ou mesmo para diferenciar conceptos xeográficos como espazo, rexión, relevo ou paisaxe (Macía, Lestegás e Armas, 2015). As ensinanzas xeográficas superaron desde hai tempo a división tradicional entre espazos urbanos, rurais ou de alta montaña para introducir outras realidades que anuncian novas formas de entender e ocupar o espazo na sociedade actual. Un estudo na formación inicial de mestres de primaria e infantil do noso ámbito universitario (Puig, Blanco Anaya y García Rodeja-Gayoso, 2016) pon de relevo dificultades por parte do alumnado para desenvolver un discurso diferente aos presentados polos medios de comunicación, en concreto para ter unha opinión independente e reformular de maneira crítica titulares que ofrecen unha imaxe afastada da realidade do lobo. Así mesmo, a atemporalidade dos contos tradicionais, como textos clásicos nos que o lobo adquire un protagonismo importante, convérteos en hipotextos óptimos para practicar a lectura crítica e a reescritura (Caamaño, 2016). A novidade desta proposta radica en que o proceso de reescritura creativa se faga en clave de ciencia, integrando deste xeito dúas dimensións do coñecemento tradicionalmente afastadas.

Cambiarías o conto do lobo? Unha actividade interdisciplinar para EP

A actividade Cambiarías o conto do lobo? está dirixida a alumnado de sexto de educación primaria e permite abordar de maneira integrada contidos das áreas de lingua, ciencias naturais e sociais, tal e como mostra a táboa 1.

 

Táboa 1. Contidos do currículo que se abordan na tarefa Cambiarías o conto do lobo?

 

Os obxectivos xerais de aprendizaxe relaciónanse co desenvolvemento de competencias científicas, lingüísticas e sociais e de pensamento crítico polo alumnado:

  • 1. Desenvolver capacidade crítica para analizar textos e argumentar sobre  a imaxe do lobo.
  • 2. Usar probas para reconstruír unha historia da literatura infantil sobre o lobo nun relato en clave de ciencia.
  • 3.Desenvolver criterios para analizar elementos das paisaxes con base en coñecementos científicos e sociais.
  • 4. Reescribir textos a partir de determinadas consignas mantendo a coherencia e a cohesión discursivas.

Descrición da actividade Cambiarías o conto do lobo?

A actividade estrutúrase nas seis partes que se describen a continuación. Suxírense tamén pautas para a súa efectiva posta en práctica na aula polo profesorado de primaria.

PARTE 1. LECTURA CRÍTICA

Esta primeira parte require a lectura dun dos contos tradicionais máis coñecidos: Carrapuchiña Vermella, a través das versións de Charles Perrault (1697) e dos irmáns Grimm (1812). Propoñemos a lectura do conto a través da adaptación de Victoria Simó en 50 cuentos que hay que leer antes de dormir (2012) para castelán e Contos completos de Charles Perrault (2002) para galego. O obxectivo é que o alumnado seleccione nestes textos a información que ofrecen sobre o lobo e, a partir desta, que reconstrúa a súa imaxe elaborando un debuxo do lobo nunha paisaxe concreta.

A modo de exemplo, un fragmento ilustrativo pode ser o seguinte: “No la advirtió contra el lobo. No hacía falta. Una y otra vez le habían repetido que se guardara de aquella bestia salvaje. Que con sus dientes amarillos se la tragaría de un bocado, entera y sin masticar.”

PARTE 2. COMPARACIÓN ICÓNICA

O alumnado ten que contrastar os debuxos realizados a partir dos textos con ilustracións e imaxes reais desta especie. Poden ser axeitadas as ilustracións de Carmen Segovia para a editorial Xerais na colección Sopa de Contos ou as de Květa Pacovská para Kókinos, pois empregan técnicas pictóricas ben diferentes con resultados igualmente significativos. O propósito é que reflexionen e argumenten sobre as distintas representacións sociais sobre o lobo nos contos proporcionados. Tamén que analicen as diferenzas con respecto á imaxe real do lobo.

PARTE 3. REPRESENTACIÓNS ESPACIAIS E ANÁLISE XEOGRÁFICA

Esta parte require que o alumnado identifique, das seis paisaxes do rural galego máis ou menos humanizadas, que figuran a continuación, en cal(es) sería posible atopar lobos. Antes da análise das paisaxes, co  fin de aproximármonos ás posibles representacións espaciais entre o alumnado, formulariamos estas tres preguntas:

  • Onde cres que vive o lobo en Galicia?
  • En que provincias e/ou comarcas galegas cres que están máis presentes os lobos?
  • Pensas que podemos atopar lobos preto das vilas e/ou cidades ou só nas serras máis elevadas?

Figura 1. Imaxes de paisaxes rurais galegas: 1. Monte Invernadoiro; 2. Serra da Enciña da Lastra; 3. Muxía; 4. Ézaro (Dumbría); 5. Vilameá (Lobios); 6. Fragas do Eume.

 

PARTE 4. BUSCA DE INFORMACIÓN CIENTÍFICA

Na aula de informática o alumnado ten que buscar información científica sobre o lobo. As preguntas que o docente podería formular para guiar a busca son:

  • Cal é a distribución do lobo ibérico en España? E en Galicia?
  • De que se alimentan os lobos?
  • Que significa que o lobo sexa unha especie “xeneralista”?
  • Que función ecolóxica ten o lobo nun ecositesma? Como se relaciona co resto de organismos?

PARTE 5. REESCRITURA CREATIVA EN CLAVE DE CIENCIA

Coa información científica recollida, a análise paisaxística e a contrastación de imaxes do lobo, solicítaselle ao alumnado reescribir o conto tradicional de Carrapuchiña Vermella. O seu conto deberá recrear unha imaxe do lobo máis próxima á realidade científica analizada, que integre, ademais, elementos da paisaxe.

PARTE 6. NOVA LECTURA CRÍTICA

A actividade remata coa lectura do álbum ilustrado O lobo, da colección Contos para Crecer de Sotelo blanco, que ofrece desde unha perspectiva literaria e icónica moi coidada unha visión desta especie moito máis acorde coa realidade.

Algunhas suxestións para o profesorado de EP

A mesma proposta podería partir doutros contos tradicionais nos que o lobo asume un papel semellante ao da Carrapuchiña, coma Os tres porquiños ou O lobo e os sete cabritiños, todos eles ben coñecidos polo alumnado de sexto de primaria. No caso da Carrapuchiña, poden axudar o profesorado a contextualizar a proposta realizacións pictóricas coma a do seguinte mural de arte urbana, pertencente ao proxecto Derrubando muros con pintura (https://www.facebook.com/MurosDerrubando/photos/a.374564746017305.1073741833.352655678208212/860337974106644/?type=3&theater), ou a versión irreverente do conto elaborada por Paula Carballeira.

Co obxectivo de guiar a lectura crítica do conto, o docente pode solicitarlle ao alumnado que subliñe no texto a información que considere máis e menos afastada da realidade do lobo hoxe en día usando distintas cores. A argumentación crítica da comparación icónica pode facerse oralmente para traballar así a competencia lingüística do alumnado na vertente oral. Tamén pode guiar a busca de información en Internet achegando páxinas webs ou blogs como o de Fernando Palacios (https://censoloboiberico.org/tag/fernando-palacios/), científico do CSIC que coordina o proxecto de censo voluntario do lobo. A parte da análise de paisaxes podería completarse con mapas nos que o alumnado teña que localizar as paisaxes proporcionadas e reflexionar, deste xeito, sobre a distribución do lobo en Galicia.

 

Agradecementos

Ao alumnado participante e ao proxecto do Mineco EDU2015-6643-C2-2-P, no que se sitúa parte da investigación presentada.

 

 

Bibliografía: 

 

 

CAAMAÑO ROJO, M. J. (2016): “La reescritura contemporánea de El retablo de las maravillas de Cervantes y sus posibilidades didácticas”. Atalanta. Revista de las letras Barrocas, 4 (2), 61-85

DELMIRO COTO, B. (2002). La escritura creativa en las aulas: en torno a los talleres literarios. Barcelona, Graó.

ETXANIZ ERLE, X. (2004). “La ideología en la literatura infantil y juvenil”. Cauce: Revista de Filología y su didáctica (27) 83-96.

GRIMM, J.; GRIMM, W. e SEGOVIA, C. (il.) (2003). A Carrapuchiña Vermella. Vigo, Xerais.

GRIMM, J.; GRIMM, W. e PACOVSKÁ, K. (il.) (2008). Caperucita Roja. Madrid, Kókinos.

KELLERT, S. R. (1985). “Public perception of predators, particularly the wolf and coyote”. Biological Conservation (31:2) 167-189.

MACÍA ARCE, X. C.; RODRÍGUEZ LESTEGÁS, F. e ARMAS QUINTÁ, F. X. (2015). “Inovar e investigar na formaçao dos professores de educaçao secundária: a propósito de uma proposta didática sobre a paisagem e desenvolvimento sustentável em espaços protegidos”, en: MACÍA ARCE, X. C.; RODRÍGUEZ LESTEGÁS, F. e ARMAS QUINTÁ, F. X. (eds.). Ensinar Geografia. Realidades e propostas no Brasil e Galiza. Santiago de Compostela, Andavira.

PERRAULT, C. (2002): Contos completos de Charles Perrault. Vigo, Xerais.

PUIG, B.; BLANCO ANAYA, P. e GARCÍA-RODEJA, I. (2016). “Un estudio de aula en torno a la controversia del lobo en Galicia”. Revista Lusófona de Educação, (32:32) 59-73

RODARI, G. (1999). Gramática da fantasía: introdución á arte de contar historias. Pontevedra, Kalandraka.

RODIÑO GARCÍA, X. e LIRES, M. (il.) (2002). O lobo. Santiago de Compostela, Sotelo Blanco.

SIMÓ PERALES, V. e PALACIOS GONZÁLEZ, M. (il.) (2012). 50 cuentos que hay que leer antes de dormir. Barcelona, Círculo de Lectores / Zaragoza, Imaginarium.

Xunta de Galicia (2014). Decreto 105/2014, do 4 de setembro, polo que se establece o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia, Diario Oficial de Galicia, 171, 37406-38087.

Sección: