A evolución de Calpurnia Tate

A evolución de Calpurnia Tate. Jacqueline Kelly. Ed. Faktoría K de Libros, 2013

 

Francisco César Díaz Rey
francisco.cesardiaz@edu.xunta.es
Asesor do CFR de Pontevedra


A evolución de Calpurnia Tate é un fermoso libro en todos os aspectos nos que un libro pode ser fermoso. Comezando polo seu deseño externo, esta obra resulta singular e atractiva. Unha vez máis, a editorial Kalandraka realiza un traballo salientable, orixinal e cativador. Este fermoso envoltorio agocha no interior unha obra deliciosa, de saboroso contido, interesante e ben contado. A propia Calpurnia conta en primeira persoa o que sucede nos calorosos días e as abafantes noites do verán de 1899 en Texas: “Aquel verán eu tiña once anos e era a única rapaza de sete irmáns. Cabe imaxinar unha situación peor? Chámome Calpurnia Virxinia Tate, pero daquela todos me chamaban Callie Vee”.

Esta é unha historia —como di o seu título— de cambio, de evolución. Trátase da transformación da protagonista, Callie Vee, da súa evolución e do seu crecemento; trata tamén das dificultades que ten que enfrontar e da relación especial que establece co seu misterioso avó. Mais esta é tamén unha historia de ciencia. É a historia da evolución da ciencia nos anos finais do século XIX, os tempos nos que Charles Darwin revoluciona os fundamentos da historia natural; tempos nos que Calpurnia, o seu avó, e quen queira acompañalos mediante a lectura deste fermoso texto, descobren na natureza que os rodea os fundamentos do pensamento científico.

"E que era exactamente un naturalista? Eu non o tiña claro, pero decidín facer de naturalista o resto do verán."

Sección: