El universo en tu mano

Un viaje extraordinario a los límites del tiempo y el espacio

El universo en tu mano. Un viaje extraordinario a los límites del tiempo y el espacio. Christophe Galfard. Blackie Books, SLU, 2016

 

Ángel Sebastián Junquera
asebastian@edu.xunta.es
CAFI

Pode acaso haber un reto máis atractivo ca o coñecemento? Despois de ler este libro, a resposta non pode por menos que ser afirmativa: si, a imaxinación. O autor, discípulo de Stephen Hawking, tómanos da man e lévanos a unha viaxe ata o límite do coñecemento e logo invoca a nosa imaxinación para que continuemos esa viaxe máis aló. Hai ao longo das páxinas unha sutil combinación de coñecemento e sinxela emoción que toma forma nas palabras.

Este libro é unha invitación ao coñecemento, pero non só iso. Dá por sentado que o lector que abre as páxinas deste libro é intelixente e iso quere dicir que practica asiduamente a ousadía de pensar. Pero Christophe Galfard proponnos un reto maior: atrévete a imaxinar!, só a imaxinación transcende os límites do coñecemento. E nese empeño non nos deixa sós, lévanos da man. Nada máis insondable ca o universo. A ciencia é territorial, amplía a súa xeografía en ardua batalla coa realidade e cada vez que logra avanzar establece a liña imprecisa da nova fronteira do coñecemento. Hai persoas que saben moverse nese territorio de forma natural, é a súa paisaxe habitual. Christophe Galfard non é un estraño e, como nos deixa claro desde o prefacio, non vai deixar a ninguén atrás.

Realmente, este é un libro de viaxes e debería colocarse nas librerías e bibliotecas nos estantes de ciencias físicas e no de viaxes. Necesitan unha guía do universo? Aquí ten probablemente a mellor, a máis amena e, á  vez, a máis rigorosa. Cumpre plenamente con ese desexo de todo divulgador científico: facer intelixible o complexo para  persoas correntes coma a maioría de nós. Como case todos sabemos, moitas das cousas máis importantes que aprendemos na vida foron aquelas que outros nos ensinaron sen pretendelo. Sigamos aprendendo.

Enlace a un artigo sobre o autor aparecido o 5 de setembro de 2016 no periódico El País.

Enlace a unha entrevista con Christophe Galfard o 8 de outubro de 2016 no programa A vivir da cadea SER.

Sección: