Aspanaes

Asociación de pais de persoas con trastorno de espectro autista

 

Aspanaes é unha entidade non lucrativa de acción social, traballa para apoiar as persoas con autismo e as súas familias, creando oportunidades para mellorar a súa calidade de vida. Levan trinta e sete anos comprometidos coa actividade, sensibilizan e mobilizan a sociedade para achegala á pluralidade e dedican esforzos e competencias para poñer en valor a transparencia e o bo goberno. É a primeira entidade galega acreditada pola Fundación Lealtad. As contas anuais están auditadas por unha auditoría externa e todos os seus servizos contan coa certificación por Aenor, Norma UNE-EN-ISO 9001:2008. O valor diferencial é o de proporcionar programas e servizos adecuados a cada etapa vital da persoa con autismo e facilitarlles aos seus familiares unha rede de apoio especializada.

Aspanaes créase a finais do ano 1979 na provincia da Coruña e xorde ante a necesidade dun grupo de familias de lles dar aos seus fillos unha atención educativa especializada xa que non recibían a atención adecuada en centros educativos regulares.A súa misión é a de promover oportunidades e facilitar apoios específicos e especializados para que cada persoa con trastorno do espectro do autismo e a súa familia poidan desenvolver os seus proxectos de vida.

Valores

  • Igualdade e equidade: as persoas con TEA son cidadáns de pleno dereito, debemos asegurarlles oportunidades individualizadas e axustadas segundo as súas necesidades.
  • Confianza: cremos nas persoas que forman parte da organización. Apóstase polas capacidades, desenvolvemento persoal e talento das persoas con TEA.
  • Coherencia: conexión coa misión, os valores e a visión.
  • Especialización e compromiso ético: compromiso coa formación dos nosos profesionais, diferenciámonos pola calidade profesional e humana do noso persoal, o traballo en equipo coas familias e o compromiso ético no noso modelo de intervención.
  • Responsabilidade social: comprometidos coa sociedade, sensibilizamos e transferimos coñecemento real sobre as persoas con TEA e actuamos como axente de cambio especializado.
  • Transparencia e eficiencia na xestión: esíxese e temos o deber de xestionar con bo goberno e de maneira eficiente, de maneira transparente e boas prácticas.

 

Universo Aspanaes

Na actualidade a base social ascende a 2200 persoas, ofrécense servizos especializados baixo o modelo de calidade de vida a 405 persoas con autismo, atendidas na rede de centros e servizos. Cóntase con 180 traballadores especializados no trastorno do espectro autista, comprometidos coa mellora continua na difusión do coñecemento do trastorno na sociedade e que contribúen a cumprir coa misión da entidade.

 

Rede de centros e servizos

  • Servizo de Valoración e Orientación, referente no sector, especializado en diagnósticos de TEA, dedicado a realizar valoracións e diagnósticos dos casos que se presentan mediante probas estandarizadas e criterios internacionalmente recoñecidos. Anualmente realiza 70 valoracións diagnósticas.
  • 8 unidades de Atención Temperá: na Coruña e Santiago de Compostela, nas que se atenden nenos con autismo de idades comprendidas 0-6 anos.
  • 3 unidades de Habilidades Psicoeducativas na Coruña e Santiago, nas que se desenvolven habilidades sociais e educativas para nenos con TEA en idade escolar maiores de 6 anos e ata os 16 anos e apoio ás súas familias. Programa coordinación educativa: coordinación con centros ordinarios da rede educativa onde estean  escolarizados alumnos con TEA.
  • 4 colexios de educación especial concertados coa Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia, na Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela e As Pontes. O alumnado con TEA pode ter escolarización total nos nosos centros ou combinada con colexios ordinarios.
  • 2 centros de día, en réxime de contrato coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, en Culleredo e en Santiago de Compostela. Préstase atención ás necesidades básicas, terapéuticas e sociais das persoas adultas con TEA.
  • 2 residencias con centro de día, en réxime de contrato coa Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia, en Ferrol e As Pontes. Proporciónaselles aos nosos usuarios acollemento e convivencia temporal ou permanente, outorgándolles ás persoas adultas con TEA o acceso a un fogar onde poden levar a cabo unha vida independente fóra do núcleo familiar.
  • Servizo de Apoio Psicosocial: adquisición de destrezas e habilidades para que as persoas con TEA, maiores de 16 anos, melloren as súas relacións sociais, habilidades para a solución de problemas e as habilidades para a comunicación verbal e non verbal.
  • Servizo de Lecer e Tempo Libre: ofrece oportunidades de lecer inclusivo, desenvolvendo distintos programas: Imos de Finde, Escapada Semana Santa, Imos de Campamentos, Tempo de Lecer...
  • Servizo de Formación: encargado de impartir e compartir coñecemento sobre o trastorno do espectro do autismo.
  • Servizo de Voluntariado: cada ano pasan pola Rede de centros e servizos preto de vinte voluntarios, apoiando a organización en actuacións de visibilidade e sensibilización e realizando tarefas de apoio ao persoal de atención directa en centros e servizos.

Aspanaes é a resposta eficiente e sustentable á demanda de hoxe e a do futuro das persoas con TEA e a das súas familias.

 

Experiencia educativa

Que son os trastornos do espectro do autismo?

O autismo é unha alteración do neurodesenvolvemento e funcionamento cerebral, que dá lugar a dificultades na comunicación, interacción social e na flexibilidade do pensamento e da conduta. Acompaña a persoa ao longo de toda a súa vida. Preséntase de maneira distinta en cada caso, por iso as necesidades individuais son moi heteroxéneas (Manual diagnóstico dos trastornos mentais, DSM 5). Afecta fundamentalmente á esencia social do individuo e á súa capacidade para responder ás esixencias da vida cotiá. Impacta non só na persoa senón tamén na súa familia e na calidade de vida de todos os seus membros.

Prevalencia

Actualmente unha de cada cen persoas nacidas en Europa presenta autismo (Autism-Europe aisbl 2015). En Europa hai 3,3 millóns de persoas con TEA;  segundo a Estratexia española do TEA, aprobada no Consello de Ministros do 6 de novembro, 450.000 persoas en España presentan TEA e dáse en catro homes por cada muller.

Programa de sensibilización dos TEA - Colexio Educación Especial Aspanaes - As Pontes

O xerme deste programa xurdiu durante o curso 2010/11. Nese momento tiñamos dous alumnos en modalidade de escolarización combinada co CEIP Monte Caxado. En diferentes reunións de coordinación cos docentes deste centro educativo coméntannos que o alumnado mostra moita curiosidade sobre como é o outro colexio ao que van os seus compañeiros e así decidimos realizar unha xornada conxunta que facemos coincidir coa celebración do Día Internacional de Concienciación do Autismo (2 de abril). Esa primeira xornada levouse a cabo con alumnado de terceiro de educación infantil e con alumnos do primeiro ciclo de educación primaria e realizamos as seguintes actividades:

  • Proxección do vídeo Mi hermanito de la luna
  • Lectura do conto Mi amigo Lucas, un relato no que un neno describe como é o seu amigo con TEA. Ao final da xornada cada neno leva un exemplar do conto.
  • Debate: os nenos expoñen as súas dúbidas e inquietudes sobre os TEA, que intentamos responder de xeito que sexa comprensible para eles.
  • Xincana na que os nosos alumnos forman parte dos diferentes equipos.

A seguinte xornada lévase a cabo no noso centro e os nenos e nenas poden ver como se desenvolve un día calquera no CEE Aspanaes, que actividades realizamos, que apoios empregamos, incluso poden colaborar e participar nalgunhas desas actividades. Ao final da xornada todos compartimos xogos e unha merenda. Esta experiencia resultou moi enriquecedora tanto para o noso alumnado como para a comunidade educativa do centro ordinario, polo que decidimos aumentar o alcance desta iniciativa e así é como elaboramos o Programa de sensibilización dos TEA.

Os principais obxectivos deste programa son:

  • Achegar a comunidade educativa, e a sociedade en xeral, á realidade das persoas con TEA, ás súas necesidades de apoio para participar na sociedade, así como ás súas fortalezas.
  • Ofrecerlle ao noso alumnado oportunidades para participar en actividades con iguais, dotándoos dos apoios e habilidades necesarias para que estas resulten satisfactorias.

O programa vai dirixido aos nosos alumnos con TEA, así como ao alumnado de educación infantil e primaria dos centros educativos das Pontes e a súa zona de influencia e, por extensión, a toda á comunidade educativa (docentes, familias…).

As actividades organízanse en dúas sesións:

Sesións no centro ordinario:

  • Proxección de diferentes vídeos relacionados con TEA
  • Charla coloquio/Debate sobre os TEA
  • Actividade proposta polo centro ordinario

Sesións en CEE Aspanaes - As Pontes

  • Visita ás instalación do noso centro
  • Explicación da organización da xornada, metodoloxía, apoios utilizados para as aprendizaxes etc.
  • Actividades conxuntas

Desde o curso escolar 2011/12 levamos a cabo este programa, e durante estes anos contamos coa participación de todos os centros de educación infantil e primaria da nosa contorna, levando a cabo diferentes tipos de actividades entre as que destacan:

  • Proxección de diferentes materiais audiovisuais relacionados cos TEA:

- Mi hermanito de la luna
- María y yo
- Academia de especialistas

  • Presentación de materiais de elaboración propia para explicar as características das persoas con TEA:

- Panel explicativo
- Folleto “¿Quieres ayudarme?”

  • Gravación do vídeo Todos iguais-Todos diferentes (coa colaboración da RTV Eume), no que os nenos e nenas explican os seus gustos e intereses utilizando diferentes formas de comunicación (verbal, con apoio de pictogramas, tableta…).
  • Participación en diferentes eventos celebrados no centro, como festivais de Nadal e Letras Galegas, Entroido, Día da Paz...
  • Actividades colaboradoras (elaboración de murais, plantacións de sementes e plantas, actividades deportivas, xogos populares…).

Desde o CEE Aspanaes-As Pontes queremos darlles as grazas a todos os que dun xeito ou doutro fixeron posible levar a cabo este programa e, deste xeito, facer visible a realidade das persoas con TEA, as súas necesidades de apoio, as súas capacidades e fortalezas, experiencias e programas que contribúen a unha educación en valores, como é o respecto á diversidade e o xerme dunha comunidade máis social.

 

 

Sección: