Sons do camiño

Un percorrido pola memoria das vilas do Val do Varón
A participación no Cine en Curso foi a culminación dun proxecto que pretende ser de descubrimento dun patrimonio material e inmaterial (recordos, vivencias, oficios...) que está a piques de desaparecer cos derradeiros habitantes das vilas que van quedando abandonadas na nosa comarca. O noso principal reto foi conseguir que o alumnado descubrise a través da linguaxe cinematográfica os valores patrimoniais, sociais, culturais, históricos e paisaxísticos da súa comarca, e sentise a inquedanza de facer algo para achegar o seu graíño de area á conservación destes valores que, á fin e ao cabo, forman parte da súa historia.

Marcos Arias Vázquez
Profesor no IES Manuel Chamoso Lamas (O Carballiño)
marias@edu.xunta.es
 

 

Introdución-contextualización

O programa Cine en Curso encádrase dentro do Plan Proxecta de Innovación Educativa, co que se lles pretende achegar, tanto ao profesorado como ao alumnado, novas ferramentas e estratexias que melloren o seu proceso de ensino-aprendizaxe e contribúan ao seu progreso académico e persoal, fomentando a realización de actividades que desenvolvan as súas capacidades e actitudes. Neste caso trátase de que eses obxectivos se consigan a través da linguaxe cinematográfica, convertendo os alumnos participantes (de cuarto da ESO) en observadores críticos da realidade que os rodea, capaces de comprendela e expresala a través da imaxe.

O noso centro solicitou a participación no Plan Proxecta a través do Cine en Curso para subir un chanzo máis na procura de acadar o noso obxectivo de recuperación dun patrimonio material e inmaterial que está a piques de desaparecer ou mesmo xa desapareceu na contorna do Carballiño, coa realización dun documental. Neste sentido, enlaza de xeito necesario cos dous proxectos anteriores nos que participamos a través da Fotografía en Curso nos cursos 2013/14 (Fotos no tempo: na procura da nosa memoria) e 2014/15 (Dándolle vida aos instantes). Destacamos que a nosa motivación para participar en proxectos coma estes, como equipo docente e como centro, estivo sempre máis que manifesta e vai moito máis alá do recoñecemento en méritos administrativos e horas de formación, xa que ten que ver coas nosas inquedanzas persoais sobre o audiovisual e tamén coa nosa forma de entender o ensino, no que o cine se integra de xeito natural en moitas das materias que impartimos.

Así, nun principio, o noso proxecto baseábase na idea de elaborar un documental que reconstruíse a historia do Camiño dos Arrieiros, unha senda natural hoxe en día asentada sobre un antigo camiño real medieval, unha vía de comunicación fundamental entre a zona vitivinícola do Ribeiro e a costa galega, pola que desde o século XVI transitaron xentes e mercadorías que ían do interior de Galicia ás zonas litorais. Arredor deste comercio xurdiron vilas e aldeas que durante moitos anos estiveron cheas de vida e que hoxe en día están abandonadas na súa práctica totalidade. Algunhas delas xa foron fotografadas polo alumnado do noso centro que participou no Plan Proxecta de Fotografía en Curso (2013/14).

A idea de partida do noso documental partía desta historia, da ruta dos arrieiros. Non obstante, conforme fomos avanzando na formación e realización do proxecto, a idea inicial foise convertendo e ampliando segundo iamos descubrindo no Camiño dos Arrieiros novas perspectivas, novos puntos de vista, novas xentes que poboaban o despoboado e xente maior que lles ía dando sentido aos recordos que aínda conservaban sobre as antigas vilas do Val do Varón.

Obxectivos

O noso obxectivo principal foi a elaboración dun documental que reconstituíse a historia e amosase en imaxes o Camiño dos Arrieiros e a súa riqueza paisaxística. Este obxectivo principal tiña como finalidade que o alumnado comprendese e soubese utilizar a linguaxe audiovisual para expresarse.
Consideramos acadado este obxectivo amplamente como demostra o alto nivel de implicación persoal e emocional que os rapaces participantes amosaron en todo o proceso de realización da curta, así como o resultado final dese traballo, coa posta en valor dun pasado cultural que, malia nun principio serlles alleo, conseguiron facer propio, utilizando para expresar os seus sentimentos e emocións unha linguaxe á que acababan de afacerse.
Por último, non esquecemos un obxectivo fundamental neste proceso, como foi a potenciación da aprendizaxe en valores fundamentais na actual sociedade: traballo en equipo, organización de tarefas complexas, consensuación de obxectivos e metas, construción colectiva dun proxecto, solidariedade e cooperación, e responsabilidade persoal e ante o grupo.

Recursos, desenvolvemento e metodoloxía

Para a elaboración deste proxecto, tivemos que acadar, tanto o profesorado como o alumnado implicado, as competencias necesarias para coñecer e manexar un equipo profesional de gravación de imaxe e son (facilitado polo CGAI) e a dotación para o noso centro dunha aula audiovisual cun ordenador que soportase o programa de edición, así como a adquisición das competencias necesarias para coñecer e manexar con soltura este programa. O noso traballo estruturouse do seguinte xeito:

  • 1. Actividades de formación

No mes de novembro comezou a formación do alumnado e do profesorado no CGAI na Coruña. Primeiro fomos os profesores participantes e uns días despois os alumnos. Destacamos a importancia destas sesión formativas, xa que sempre fomos conscientes de que o noso principal obstáculo para levar a cabo un proxecto así era a nosa falta de formación técnica.

A mediados do mes de novembro comezaron as primeiras proxeccións no centro dos fragmentos de documentais proporcionados polo CGAI: planos do mundo, travellings, retratos… de cineastas coma Perlov, Mercedes Álvarez, J.L. Guérin, Chantal Akerman, Daguerrotypes, Depardon… Os rapaces xa tiñan os seus cadernos nos que comezan a anotar comentarios sobre os documentais e ideas propias. A partir de aquí, comezan a coñecer e empregar por vez primeira a linguaxe cinematográfica e, a pesar de que esta fase “teórica” se lles fai ás veces lenta e moi densa, comezan a ser conscientes de que, sen estes coñecementos baseados na visión crítica dos fragmentos de cine propostos, non poderán acadar o seu obxectivo. Así, a partir dos modelos traballados na aula, os alumnos comezan a facer os seus primeiros “planos” (cos seus dispositivos móbiles) e aprenden a editalos co Videopad, programa traballado tamén para tal efecto na aula.

Nesta fase de formación, coñecemos o cineasta que ía colaborar con nós: Ángel Santos, e que se uniu ás proxeccións e realización dos primeiros vídeos, coma o de presentación do noso instituto á moda da ventá de Perlov.

  • 2. Estruturación de grupos de traballo

No mes de decembro creáronse os primeiros grupos de traballo con ocasión das primeiras prácticas fóra do centro, aínda que seguimos coas prácticas de proxección dos fragmentos enviados polo CGAI e a edición dos traballos realizados polos alumnos.

  • 3. Desenvolvemento dos diferentes apartados do proxecto

3.1. Documentación e formación

No mes de xaneiro comezou esta fase, á volta das vacacións, cun cuestionario ao alumnado para coñecer a información de que dispuñan na casa sobre os espazos e protagonistas obxecto da película que iamos facer. Mentres, seguimos coas proxeccións na aula e coas anotacións nos cadernos do proxecto, e xa no mes de febreiro seguimos coas sesións de edición e montaxe de planos feitos polos rapaces co Videopad.

A mediados de febreiro tivo lugar a segunda sesión formativa para o profesorado no CGAI. Cómpre subliñar que, a estas alturas do proxecto, tanto os alumnos como o profesorado participante estabamos desexando comezar a facer algo máis “práctico” e mollar os pés, pasar frío ou calor, camiñar na procura dun espazo máxico… ata que, por fin, antes de rematar o mes de febreiro, Ángel nos amosou e presentou o equipo de gravación que faría posible o proxecto, dándonos unha sesión formativa sobre o seu funcionamento e mantemento, e establecendo un protocolo de uso.

Documentación e formación

 

A partir de aquí, todos irían desempeñando todos os papeis no proceso de gravación (cámara, técnico de son, script...) facendo pequenos grupos que, por quendas, sairían gravar co novo equipo.

3.2. Recollida de material, entrevistas

No mes de marzo fixemos a selección da información e localización das persoas protagonistas. Isto foi posible tras recoller a información dos cuestionarios entregados aos alumnos, e buscando persoas que habitasen ou lembrasen como era a vida naqueles lugares polos que discorría o Camiño dos Arrieiros.

Recollida de material

 

3.3 Elaboración do guión

No mes de abril, na aula, tivo lugar o proceso de ideación do guión do noso documental. Foi un proceso moi laborioso e intenso, que rematou tras darlle mil voltas á película que cada alumno tiña na cabeza… Consenso, respecto, traballo en equipo, escoita… foron claves para que, por fin, xurdira o guión da película que todos nós queriamos e estabamos dispostos a facer.

Elaboración de guión

 

3.4. Rodaxe

No mes de maio realizouse a rodaxe da curta, en dous días, coincidindo cun tempo espléndido.

Rodaxe

 

Foron dous días intensísimos, nos que os rapaces se divertiron, ao mesmo tempo que se involucraron ao máximo co seu proxecto. Tanto é así que non lles importou erguerse de noite, antes do amencer, para, precisamente, poder gravar ese momento, así como estar todo o día camiñando, percorrendo lugares remotos ata ben entrada a noite.

Rodaxe

 

3.5. Montaxe e edición

Esta fase foi posible logo de dotarnos dunha aula cun ordenador que soportase o programa necesario para levala a cabo. Para os alumnos chegou o momento de “facer” realmente a súa película cunha difícil tarefa por diante: converter os máis de 200 minutos de planos gravados nunha curtametraxe de 14. Aquí outra vez o traballo intensísimo en equipo, o consenso, o respecto ás ideas e opinión dos outros, a escoita e as contribucións de cada un fixeron posible esta tarefa que, ás veces, chegou a ser frustrante logo de ter que prescindir de momentos gravados de grande intensidade para os alumnos.

Por fin, o día 16 de xuño estreouse no CGAI da Coruña o documental Sons no camiño, xunto coas outras curtametraxes dos outros centros participantes no Plan Proxecta. E ata agora o noso documental séguese amosando por diferentes lugares, os novos sons que se escoitan no antigo Camiño dos Arrieiros. Así, xa foi proxectado no Festival de Cine de Pontevedra en xuño e no OUFF Escola de Ourense en outubro (onde acadou o segundo premio).

Avaliación

A avaliación do noso proxecto foi positiva en todos os aspectos. Constatamos que a realización deste proxecto, á vista do resultado final e tras analizar a experiencia entre o profesorado e o alumnado participante, incidiu sobre o proceso de maduración e crecemento persoal do noso alumnado, potenciando a aprendizaxe de valores fundamentais na sociedade actual.
Estas conclusións e algunhas máis despréndense da análise dos resultados da enquisa que os alumnos contestaron para valorar e reflexionar sobre o obradoiro.
Para eles, o máis interesante do proceso de concepción da curta foi o feito de ir sacando ideas entre todos e que despois estas se fosen concretando en lugares e persoas. Destacaron da rodaxe o feito de escoller as localizacións e os planos e consensuar; e da montaxe, coñecer e aprender a manexar o programa, así como ver que se ía construíndo a película.
Así mesmo, subliñaron que o máis difícil para o grupo foi tomar acordos, renunciar a planos, e as proxeccións “teóricas” tan seguidas da primeira parte do obradoiro; mentres que o máis enriquecedor foi coñecer lugares e persoas, eses capaces de facer unha película.
Sobre o proxecto en xeral, destacaron que aprenderon que o cine é un instrumento de expresión, integración na aula e realización persoal. Como persoas, aprenderon que todos temos algo que ofrecer  nun proceso colectivo.
 

 

 

Sección: