Porque un libro é unha obra de arte

O proxecto educativo Porque un libro é unha obra de arte é unha actividade interdisciplinar e creativa que pretende fomentar a cultura emprendedora como unha actitude xeral ante a vida, e que xira ao redor da idea de crear e xestionar unha editorial no IES As Barxas, especializada na elaboración e difusión de libros ilustrados, realizados totalmente polo alumnado, de forma que desenvolvan as súas capacidades.

María José Soto Lorenzo – Economía
mjosesoto@edu.xunta.es
Luz Beloso Rodríguez – Plástica
beloso@edu.xunta.es
IES As Barxas (Moaña-Pontevedra)

Contextualización

A idea do proxecto xurdiu do propio alumnado ao realizar unha sondaxe sobre o peso que tiñan na súa vida os libros e dun grupo de profesores que pensamos que podemos achegar moito ao fomento da lectura se o acompañamos de imaxes e de recursos audiovisuais. Xa implantaramos no centro a Hora de Lectura e un club de lectura, pero faltábanos actuar desde o outro lado, creando unha editorial e, a través dela, desenvolver o noso propio proxecto editorial. Así, o interese, a oportunidade e a relevancia do proxecto podemos basealo nos argumentos seguintes:

  • A primeira razón que aducen os nosos alumnos para non ler é que “é unha leria” e que “non teñen tempo”, pero a realidade é que están suxeitos a moitos estímulos, sobre todo visuais, cos que custa competir. Ven a lectura como unha obrigación e os libros como unha imposición do colexio.
  • Os nosos mozos teñen totalmente incorporadas as TIC á súa vida cotiá, converténdose na súa principal ferramenta de comunicación e alegan como principal causa do fracaso do sistema educativo a falta de motivación, sobre todo ante as metodoloxías tradicionais (libro de texto, probas escritas, clases maxistrais...).
  • Somos conscientes de que o uso das TIC nos centros educativos se atopa suxeita a moitas limitacións (falta de medios, plataformas pechadas...), pero sobre todo desconfianza polos perigos que entrañan (gravación e difusión non autorizada, acoso cibernético...), algo que abordamos a través do Regulamento de responsabilidade social corporativa que elaboramos para a nosa empresa.
  • Cremos que é moi importante prepararnos para un mundo cada vez máis cambiante, onde as tecnoloxías evolucionan a gran velocidade e onde é imprescindible unha aprendizaxe permanente para facilitar o tránsito da etapa de formación ao mundo do traballo, e viceversa.
  • Pensamos que é moi importante para mellorar o proceso de aprendizaxe o conseguir a implicación do resto da comunidade educativa e da contorna: persoal do centro, alumnado, familias, comerciantes, autoridades...
  • Cremos que a creación dun proxecto editorial reúne moitas condicións que o fan motivador, creativo, dinámico, actual, comunicativo, fomenta o uso das TIC, do traballo en equipo...
  • É unha actividade creativa que permite promover condutas e actitudes de colaboración, de coordinación, de superación de conflitos, de asunción de problemas e de responsabilidades, mellorando a convivencia no centro.
  • O noso centro leva varios anos experimentando nas diferentes técnicas de elaboración de audiovisuais e agora experimentamos coa escritura e a ilustración e demostramos que os libros están vivos, mesmo despois de ler a súa última páxina.
  • Con este proxecto traballamos e melloramos todas as competencias.
  • O proxecto é perfectamente extrapolable a outros centros educativos, de feito, foi o punto de partida de proxectos máis ambiciosos.

No proxecto colaboraron outros catro centros educativos públicos: dous de educación secundaria e dous de educación primaria, que ten cada un o seu papel:
- IES As Barxas (Moaña): coordina o proxecto e leva a cabo totalmente a actividade editorial, a través de Luz Beloso (Plástica) na dirección artística e María José Soto (Economía) na xestión administrativa.
- IES Sánchez Cantón (Pontevedra): a través de Verónica R. Marticorena (Lingua Castelá), ocúpase da corrección dos textos en lingua castelá e do deseño de actividades de animación á lectura na devandita lingua.
- IES Xulián Magariños (Negreira): a través de María Branco (Lingua Galega), ocúpase da corrección e da adaptación dos textos en lingua galega e do deseño de actividades de animación á lectura na devandita lingua.
- CEIP A Rúa (CANGAS): a través de Montserrat Sotelo (Inglés), ocúpase da corrección e da adaptación dos textos á lingua inglesa e do deseño de actividades de animación á lectura na devandita lingua.
- CEIP Espiñeira (ALDÁN): a través de Alfonso Marcos (Música), ocúpase de musicar o proxecto.
A nosa creación é totalmente orixinal, feita por alumnos, dentro do currículo escolar e cos medios que contamos, buscando que os nosos libros se convertan nun ben público e xeral ao envialos de maneira gratuíta ás bibliotecas dos colexios galegos.
E o máis importante, en todo momento publicamos os avances no proxecto, procedementos, resultados e aqueles inconvenientes que nos atopamos, de forma que o proxecto se retroalimenta continuamente.

 

Obxectivos

O principal obxectivo desta experiencia era o de motivar e ilusionar a toda a comunidade educativa e á nosa contorna en xeral. Por todo iso, a implantación dunha editorial no centro perseguía os seguintes obxectivos:

  • Desenvolver o espírito emprendedor no alumnado de educación secundaria, potenciando as súas habilidades e capacidades.
  • Fomentar o traballo en equipo, a negociación, a resolución de conflitos, a planificación e a cooperación a través dun enfoque creativo e lúdico.
  • Conectar os diferentes axentes dentro da escola e esta coa contorna.
  • Levar a cabo unha aprendizaxe transversal e significativa, combinar varias actividades interdisciplinares e dar unha perspectiva práctica, aplicada ao mundo da empresa dos coñecementos e destrezas aprendidos de forma teórica.
  • Fomentar o traballo en rede e o uso das tecnoloxías da información, a aprendizaxe e a comunicación.
  • Coñecer todo o proceso de creación dun proxecto editorial, desde a elaboración do texto, do guión gráfico, produción, impresión e posterior distribución e difusión.
  • Difundir a cultura libre e empoderar os creadores (escritores, ilustradores) e xestores culturais.
  • Avaliar novas tecnoloxías e mercados, planificar estratexias, buscar vantaxes competitivas que nos permitan responder ás necesidades e oportunidades dun mundo tan cambiante.

 

Recursos empregados

  • Traballamos a innovación tecnolóxica en software gráfico, animación, códigos QR etc.
  • Os alumnos tamén deberon manexarse no campo da escritura creativa, a ilustración, os programas de edición, maquetación, a comunicación oral...
  • Incorporamos recursos tales como o audiovisual, a animación, a programación, os xogos interactivos, o teatro negro, o braille, a lingua de signos.

 

Descrición da actividade

O proxecto educativo Porque un libro é unha obra de arte é unha actividade interdisciplinar e creativa que pretende fomentar a cultura emprendedora como unha actitude xeral ante a vida, e que xira arredor da idea de crear e xestionar unha editorial no IES As Barxas, especializada na elaboración e difusión de libros ilustrados para nenos, realizados por alumnos. Libros entendidos como pequenas obras de arte, nos que priman:

  • Ilustracións feitas á man, de gran calidade, moi coidadas, que puidesen estar expostas en calquera lugar.
  • Textos sen ensinanzas nin adoutrinamentos. Cremos que os nenos pensan e teñen personalidade, polo que pretendemos desenvolver a súa creatividade e a curiosidade por descubrir o que os rodea.
  • Alongar a vida do libro máis aló da súa última páxina, a través da realidade aumentada: códigos QR con actividades, banda sonora...
  • Realización de book trailers a través da animación.
  • Deseño e realización de actividades de animación á lectura: contacontos, teatro...

Este vídeo é a nosa tarxeta de presentación e en todo momento fomos publicando os avances, procedementos, resultados e inconvenientes no blog: Porque un libro é unha obra de arte (que contén un prezi coa memoria) e a web do libro Barxilón no mar de latón.

Ámbito de aplicación

O ámbito do proxecto foi autonómico, pois realizouse entre cinco centros educativos galegos, abarcando educación infantil, educación primaria, educación secundaria e bacharelato. O seu desenvolvemento incorporouse ás programacións educativas dos centros, dentro do currículo das seguintes materias: Economía, Iniciativas Emprendedoras, Plástica, TIC, Bioloxía, Lingua Castelá, Lingua Galega e Inglés. Ademais, implicouse o departamento de orientación (atención á diversidade etc.), o club de lectura e a biblioteca de cada un dos centros.

Planificación

O proxecto recolleu dúas áreas de traballo:

A) Creación e posta en marcha da empresa. Etapas:

  • Idea. Análise DAFO
  • Plan de empresa
  • Elección do nome da empresa
  • Elección da forma xurídica
  • Estatutos
  • Proceso de constitución e posta en marcha
  • Responsabilidade social empresarial

B) Realización dun proxecto editorial. Centrámonos na realización dun álbum Ilustrado para nenos, a través de catro etapas.

Etapa 1. Selección de propostas

  • Textos orixinais presentados polos nosos alumnos despois de recibir formación específica mediante un obradoiro de escritura creativa.
  • Avaliación polo Comité Editorial.

Etapa 2. Produción

  • Corrección de estilo para unha mellor comprensión do texto.
  • Elaboración de ilustracións, deseño gráfico e paratextos (conti-dos/portada/contraportada/lapelas)
  • Aprobación do texto definitivo e ilustracións. Decisión sobre materiais, deseños, cores, tamaños, acabados...

Etapa 3. Impresión

  • Trámites de rexistro legal (solicitude de ISBN) e acordos de edición (custos, tiraxe, distribución...).
  • Probas de cor, encadernación...

Etapa 4. Posprodución

  • Difusión: blog, web, redes sociais, plataformas educativas...
  • Promoción: book trailer, prensa, actividades
  • Distribución: bibliotecas dos colexios
  • Actividades de animación á lectura

O proxecto organizouse en función do calendario escolar, de setembro de 2014 a xuño de 2015, distribuído en tres períodos trimestrais.

Resultados

Con esta experiencia elaboramos numeroso material educativo, todo realizado polo alumnado:

a) Publicamos o noso libro Barxilón no mar do latón en formato papel e fixémolo chegar a todos os colexios de educación infantil, educación especial, educación primaria e centros rurais agrupados galegos, ademais de numerosos centros de secundaria (os nenos non len libros electrónicos). Tamén destinamos 500 exemplares a obra social, ao ofrecerllo a calquera persoa interesada a cambio dun donativo para Mateo, un neno de nove anos de Cangas que leva nove meses loitando cun tumor moi agresivo que se instalou na súa cabeza e que, grazas á gran resposta social, está a recibir un novo e esperanzador tratamento que a súa familia non podía sufragar.

O libro baséase nas aventuras e desventuras dun mexillón, elixido entre todos polas grandes posibilidades que ten á hora de traballar temas transversais:

  • A súa aparencia, pois o exterior é negro (feo/negativo) e o interior laranxa (enerxía/mocidade), sobre as súas valvas quedan restos de rocha, algas e outras especies.
  • É un marisco e, como tal, un tesouro.
  • É unha fonte de saúde, ao ser moi rico en ferro e proteínas.
  • Ten unha relevante función ambiental, pola súa capacidade de filtración.
  • É unha especie gregaria, como forma de supervivencia.
  • É un elemento moi ligado a Moaña e a Galicia, tanto no ámbito económico como cultural e social.

O noso protagonista, Barxilón (Barxas+Mexillón), é un mexillón diferente, incomprendido, con moita imaxinación, emprendedor, creativo, ao que se lle esixe cambiar para seguir no grupo. Ademais é gaiteiro, habilidade que comparte a maior parte dos nosos alumnos. A historia está ambientada no mar do latón, coma unha chiscadela a un dos recunchos da costa moañesa, na que habita unha gran variedade de especies mariñas, ademais de ser un lugar de localización de bateas.

O libro editouse en galego, pero leva incorporado un código QR que permite acceder desde dispositivos móbiles ou tabletas á web sobre Barxilón, na que, baixo o apartado de accesibilidade, está dispoñible o libro en castelán, inglés, francés, braille e lingua de signos.

b) Material audiovisual: vídeos de cada fase, recursos e experiencias do proxecto, ilustracións, gifts animados, book trailer, audiocontos, karaoke, teatro, makei makei, lingua de signos, braille, idiomas, publicados no blog do proxecto e na web do libro (aínda seguimos subindo material).

c) Outros materiais educativos: análise DAFO, Plan de empresa da editorial, estatutos, Regulamento de responsabilidade social corporativa.

Coordinación

A coordinación levárona a cabo as súas autoras (María José e Luz) mediante unha hora de reunión semanal presencial; a profesora de Economía ocupouse de dirixir a área de creación e xestión empresarial, mentres que a profesora de Plástica dirixiu a área de produción artística. Para a coordinación cos demais profesores/departamentos/alumnos participantes, utilizamos o correo electrónico, WhatsApp, Facebook e Dropbox (sobre todo para poder compartir traballos), ademais dunha reunión trimestral de control de resultados. Tamén realizamos varias videoconferencias a través de Skype e Hangout cos alumnos dos outros catro centros participantes, co fin de explicar determinadas ferramentas ou actividades que había que realizar, convocar chuvias de ideas, crear historias colectivas etc.

Metodoloxía

O proxecto baséase nas experiencias, nas actividades e na simulación e aplícanse potenciando as habilidades persoais de cada un. Baseámonos na aprendizaxe activa, construtivista, cooperativa, ABP, coas seguintes características:

  • Organización do ensino en unidades de programación como talleres, proxectos de traballo ou pequenas investigacións.
  • Carácter globalizador: trabállanse procedementos e a través deles adquírese o resto de contidos.
  • Principio de acción e investigación.
  • Traballo autónomo e en equipo.
  • Estimulación da creatividade: ensino activo, no que participa sempre o alumnado e no que poida ser protagonista da súa propia aprendizaxe. Alentamos o desenvolvemento da imaxinación e a capacidade de observación.
  • Traballo en grupo: potencia a participación e mellora a capacidade de expresión.
  • Motivación: os obxectivos, contidos e actividades responderán aos intereses dos alumnos. Usamos métodos e recursos atractivos que faciliten a aprendizaxe.
  • Socialización: traballamos os comportamentos e normas, participación e o respecto, fomentando a autonomía e o espírito crítico.

Avaliación

A valoración da experiencia é moi positiva, o proxecto tivo unha grande incidencia na nosa comunidade educativa e desde o primeiro momento implicamos a todos os seus axentes. Como datos obxectivos, baseámonos nos seguintes indicadores:

  • O número de profesores implicados no proxecto pasou de 9 a 21 e os departamentos de 9 a 15.
  • Os alumnos implicados no proxecto foron máis de 500 e representan catro niveis educativos: infantil, primaria, secundaria e bacharelato.
  • O número de seguidores/número de visitas en Youtube, blog, web do centro ascende a máis de 1000.
  • O salón de actos do IES As Barxas rexistrou un cheo total durante o acto de presentación do libro de Barxilón.
  • As enquisas a profesores/alumnos participantes sobre a actividade danlle unha nota de 9,8 e todos eles marcaron o recadro de que estarían dispostos a seguir participando no curso seguinte.
  • As enquisas a profesores/alumnos destinatarios dos nosos produtos e servizos editoriais (álbum, contacontos...) danlles unha media de 9 e  destacan a calidade das ilustracións, a orixinalidade e musicalidade do texto e a gran cantidade de actividades complementarias.
  • A mesa de profesionais organizada para a presentación do libro, formada por Xosé Vázquez Pintor e Oli (escritores), Luís Davila (ilustrador), Anxa Correa (Editorial Rinoceronte), Fernando Miranda (Librería Miranda) e Pucho (Gráficas Lasa), amosou a súa admiración e respecto polo traballo realizado e animounos a continuar nesa liña. Tamén recibimos a felicitación mediante un vídeo-comunicado de Javier Sagarna, director da Escola de Escritores de Madrid, e a visita do conselleiro de Educación, Román Rodríguez.

  • O seguimento nos medios —prensa (El País, Faro de Vigo, La Voz de Ga-licia, Morrazo ao día..) radio (Radio Voz, Cadea Ser, Radio Galega), TV (Vía, Televisión de Galicia), plataformas educativas (educación 3.0 etc.)— foi moi amplo e favorable.

O proxecto recibiu numerosos premios e recoñecementos: I Premio Proxecta Innovación (Fundación Santiago Rey Fernández-Latorre e a Fundación Amancio Ortega), Selo Boa Práctica Iberoamericana Ler.es (MEC), I Premio Fundación Colegio Base, de Espiral.

Conclusións

Cremos que a experiencia foi moi estimulante e motivadora para todos e que mellorou, notablemente, as relacións persoais. Contribuíu tamén a que todos tomemos conciencia de que as capacidades das persoas son diferentes, de que cada un ten as súas, pero todas son válidas e de que xuntándoas se pode chegar a producir bos resultados. Por iso, decidimos continuar co proxecto e seguimos investigando nas posibilidades da animación, a realidade aumentada e a programación como estímulo á lectura, creando novas obras editoriais, intentando participar nalgunha feira do libro (montando a nosa propia caseta e calendario de actividades), levando as nosas ilustracións, maquetas e instalacións a museos, salas de exposicións..., realizando contacontos, actuacións musicais, teatro en colexios e centros de maiores, como actividade complementaria e seguir formándonos nas novas tecnoloxías, mediante a participación en cursos, relatorios, visitas...

 

 

Sección: