Un mundo por ler. Educación, adolescentes e literatura

Guadalupe Jover Gómez-Ferrer. Ed. Octaedro, 2007

Francisco César Díaz Rey
francisco.cesardiaz@edu.xunta.es
CFR de Pontevedra

 

A educación ten sentido porque o mundo non é necesariamente isto ou aquilo, porque os seres humanos son proxectos e, á vez, poden ter proxectos para o mundo. A educación ten sentido porque as mulleres e os homes aprenden que, aprendendo, se fan e se refán. (Paulo Freire)

Que ler? Isto é, que lecturas escollemos para lle propoñer ao alumnado? Serán os clásicos os que teñen que ler? Optamos por aceptar outras lecturas máis preto dos intereses e preferencias da rapazada? Con tal de que lean! Quizais haxa un termo medio, pero cal é?


Quen non se fixo esa pregunta? Esta é unha cuestión que nos preocupa cada curso escolar a profesores e profesoras de linguas, mais tamén nas titorías e nos equipos das bibliotecas escolares. Fomentar a lectura si, pero calquera lectura? E hai máis preguntas importantes: Como facemos esa lectura? Propoñemos a lectura individual nas casas? Lemos nas aulas? Xuntos? Lémoslles nós? Pedímoslle ao alumnado que lea? Pedímoslle que lea en voz alta? Como avaliamos a lectura?


Guadalupe Jover é profesora de Literatura Española nun instituto de Madrid. Profesora de Lingua e de Literatura, claro. Desde ese outeiro escribe este libro magnífico, Un mundo por ler, porque para esta profesora hai todo un mundo por ler. Di que hai libros, por exemplo, máis aló dos programas escolares e máis aló das propias fronteiras, libros que abofé deberían terse en conta na formación dos novos lectores, libros que están fóra dos marcos artificiais dos nosos canons decimonónicos e que necesitamos incorporar á formación literaria do alumnado.


Guadalupe ofrécenos neste espléndido texto respostas claras a que ler e como facelo. E fala tamén de por que e para que aprender literatura. As súas reflexións son elas mesmas literatura tamén, e da mellor especie. Eu diría que este libro seu é todo un tratado —un fermoso tratado inzado de saborosas referencias e citas— sobre como abordar a educación literaria do noso alumnado; un libro esencial, imprescindible.

“Entre os vellos programas de historia da literatura nacional e a lectura hai un territorio común por explorar. Este libro quixera ofrecer ferramentas para iso”. (Guadalupe Jover)

Palabras clave: 
Sección: