La maldición de la inteligencia

Carmen Sanz Chacón. Editorial Plataforma Editorial. Barcelona. 2014

María Delfina Bañobre Durán
delfina@edu.xunta.es
CFR de Ferrol

No noso sistema educativo ser intelixente pode ser un problema e na meirande parte dos casos acaba séndoo. Un problema para os nenos e nenas, un problema para as familias, un problema para os docentes, un problema para a sanidade..., en definitiva, un problema para a sociedade que ve como o fracaso escolar destas persoas provoca sistematicamente o desperdicio dun talento que podería redundar en beneficio de todos.

Neste libro, Carmen Sanz Chacón, psicóloga clínica especializada en sobredotación e altas capacidades, analiza como son as persoas máis intelixentes e que problemas teñen na súa relación cos demais para que poidan ser comprendidas por familia, escola e sanidade.

Ademais, propón medidas de apoio para cubrir as necesidades especiais e consellos para os propios superdotados, para que poidan ser felices aínda sendo especiais, para que a intelixencia non sexa unha maldición, para que non se repitan historias como as dalgún dos afectados por esta maldición:

 

Por Alberto, que non sabe manter unha conversa e só contesta con monosílabos.

Por Juan, que está todos os días nunha esquina do patio do cole e se sente moi infeliz.

Por María, que deixou de estudar porque se aburría na clase.

Por Luis, ao que xa expulsaron de tres coles por rebelde... Os pais non saben que facer.

Por Carmen, á que lle diagnosticaron falta de atención e só atende ao que lle interesa.

Por Marcos, que ten medo de ir ao cole porque os demais lle pegan e se burlan del.

Por eles e por todos os que sofren por ser diferentes.

Sección: