O estudo da materia de Historia do Mundo Contemporáneo é esencial para o coñecemento e a comprensión do mundo actual.  Historia do Mundo Contemporáneo pretende ofrecer unha visión de conxunto dos procesos históricos fundamentais do mundo pero prestando, cando é preciso, unha especial atención a España e a Galicia.

Os contidos de Historia do Mundo Contemporáneo arrancan dun estudo do Antigo Réxime e a súa crise e, a partir da Revolución Industrial e as súas consecuencias, chegan ao século XX, facendo especial fincapé na Europa de entreguerras e na segunda Guerra Mundial, establecendo unha caracterización específica do mundo desde os anos cincuenta do século XX ata o mundo actual, definido polas áreas xeopolíticas e culturais, dentro da globalización, cos conflitos que o caracterizan, sen pasar por alto o final do bloque comunista e as novas relacións internacionais xurdidas despois dos atentados de Nova York ou o xurdimento do radicalismo islámico. Ao tratar de analizar tales feitos, a historia enriquécese coas achegas doutras disciplinas e mesmo coas conclusións da investigación xornalística dos acontecementos. Podemos incluír tamén a análise noutros idiomas, o uso das tecnoloxías da información e da comunicación, a crítica dos medios de comunicación, a reflexión sobre a diversidade cultural, a historia oral ou a comparación con novelas históricas deses feitos históricos.