O coñecemento da sociedade, a súa organización e o seu funcionamento ao longo do tempo, é esencial para poder entender o mundo actual. Coñecer o espazo onde se desenvolven as sociedades, os recursos naturais e o uso que se lles deu achéganos datos sobre o pasado e permítenos anticipar algúns dos problemas do futuro. As disciplinas de Xeografía e Historia son dous importantes eixes vertebradores para o coñecemento da sociedade, xa que abranguen a realidade humana e social desde unha perspectiva global e integradora, e ofrecen unha maior capacidade para a estruturación dos feitos sociais. Malia isto, a sociedade actual, cada vez máis complexa, require a intervención doutras disciplinas como a economía, a socioloxía, a ecoloxía ou a historia da arte, que achegan análises diferentes e complementarias, para a mellor comprensión da realidade social.

Na secuencia dos tres primeiros cursos de ESO tivéronse en especial consideración dous factores: por unha banda procurouse unha repartición o máis equilibrada posible entre a Xeografía e a Historia nos tres cursos e, por outra, intentouse secuenciar do xeral ao particular, traballando nos primeiros cursos con contidos máis globalizados e incrementando o nivel de complexidade á medida que se avanza na etapa. Dese xeito, procúrase ir da identificación e da localización dos primeiros cursos en xeografía cara a realización de tarefas máis elaboradas no remate da etapa. A Historia recibe un tratamento semellante, pois os contidos cos que o alumnado traballará nos primeiros cursos presentan un enfoque máis xeral, que abrangue o devir humano ata o século XVIII e deixa o derradeiro curso da etapa para o estudo da historia contemporánea. En todo caso, a evolución histórica dos dereitos da muller ata a actualidade debe formar parte do desenvolvemento curricular a aplicar na aula.