O coñecemento da sociedade, a súa organización e o seu funcionamento ao longo do tempo, é esencial para poder entender o mundo actual. Coñecer o espazo onde se desenvolven as sociedades, os recursos naturais e o uso que se lles deu achéganos datos sobre o pasado e permítenos anticipar algúns dos problemas do futuro.

A Xeografía organízase, no primeiro ciclo, nos bloques titulados "O medio físico" e "O espazo humano", e en cuarto curso céntrase na globalización.

A Historia estuda as sociedades ao longo do tempo, seguindo un criterio cronolóxico ao longo dos dous ciclos de ESO.

Na secuencia dos tres primeiros cursos de ESO tivéronse en especial consideración dous factores: por unha banda procurouse unha repartición o máis equilibrada posible entre a Xeografía e a Historia nos tres cursos e, por outra, intentouse secuenciar do xeral ao particular, traballando nos primeiros cursos con contidos máis globalizados e incrementando o nivel de complexidade á medida que se avanza na etapa. Dese xeito, procúrase ir da identificación e da localización dos primeiros cursos en xeografía cara a realización de tarefas máis elaboradas no remate da etapa. A Historia recibe un tratamento semellante, pois os contidos cos que o alumnado traballará nos primeiros cursos presentan un enfoque máis xeral, que abrangue o devir humano ata o século XVIII e deixa o derradeiro curso da etapa para o estudo da historia contemporánea. En todo caso, a evolución histórica dos dereitos da muller ata a actualidade debe formar parte do desenvolvemento curricular a aplicar na aula