Saltar navegación.
Inicio

Presentamos a I edición dos premios FIESTRA

O 27 de outubro, nun acto organizado en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, fixemos a presentación da I edición dos premios FIESTRA. Na sesión proxectáronse catro curtametraxes seleccionadas polo alumnado de 4º ESO entre as que están disponíbeis no catálogo de fiestra.gal. Tras as curtas tivemos un coloquio co director de fotografía Javier Grixo e a actriz Camila Bossa, que compartiron co alumnado algunhas das súas experiencias  durante as rodaxes.

Tras o coloquio tivo lugar unha rolda de prensa para dar a coñecer os premios FIESTRA. Participaron Miguel Mariño, director da Academia; o concelleiro de cultura de Vila de Cruces Julio López; o director do IES Marco do Camballón José Manuel Iglesias e a actriz Camila Bossa e o director de fotografía Javier Grixo.

O director da Academia presentou esta iniciativa, na que os centros de ensino de Galicia que formen parte da comunidade de Fiestra poderán decidir cos seus votos cal é a curtametraxe do catálogo merecedora do premio, polo seu valor á hora de facilitar o traballo e a reflexión na aula. O concelleiro Julio López augurou unha “longa vida” ao galardón, ao tempo que louvou a actitude e o comportamento do alumnado do IES Marco do Camballón, que formou parte do público do acto.

Pola súa banda, José Manuel Iglesias declarou que desde o IES estaban “orgullosos de participar” nesta iniciativa “que contribúe á formación de cidadáns críticos”. A intérprete Camila Bossa, que interviña como representante do sector audiovisual, salientou a importancia de “promocionar e visibilizar a nosa cultura e a nosa lingua”, ademais de afirmar que “co cine se aprende moito máis do que cremos, dun xeito diferente”.

O I Premio Fiestra de Audiovisual Galego para a educación en valores será anunciado e entregado nun acto organizado no noso centro durante o mes de xuño de 2022.