A psicoloxía é unha rama do saber cuxa finalidade esencial é tanto a comprensión da propia individualidade como das conductas sociais e a súa interrelación. Dende o século XIX a psicoloxía evolucionou cun cariz, en certo xeito, bifronte. Por unha banda, ten unha indubidable filiación humanística; por outra parte, a súa temática busca regularidades e explicacións científicas. Con estas características distintivas, polo seu obxecto de estudio e a súa metodoloxía, a psicoloxía pode considerarse unha disciplina moi interesante para o alumnado de segundo de bacharelato, cunha indubidable vertente práctica, na medida en que lle axudará a coñecerse mellor como individuo e a desenvolverse como persoa e, ao tempo, a afrontar os diversos problemas e retos que a convivencia suscita.

Trátase dunha materia que, dada a súa riqueza de contidos e amplitude de horizontes, pode converterse en paradigmática para a adquisición da maior parte das competencias clave.

A materia organízase en seis bloques: "A psicoloxía como ciencia", "Fundamentos biolóxicos da conducta", "Os procesos cognitivos básicos: percepción, atención e memoria", "Procesos cognitivos superiores: aprendizaxe, intelixencia e pensamento", "A construcción do ser humano. Motivación, personalidade e afectividade" e "Psicoloxía social e das organizacións". Daquela, desde a consideración da disciplina como ciencia, analízanse os fundamentos biolóxicos da conducta, as capacidades cognitivas como a percepción, a memoria e a intelixencia, afondando na aprendizaxe e na construcción da nosa personalidade individual e social. En suma, a materia de Psicoloxía, desde a dobre vertente humanística e científica, pode colaborar dun xeito representativo e versátil a fomentar o espírito científico aplicado ao seu raio de acción, pero tamén nunha vertente práctica: como disciplina que pode cooperar na mellora xenérica das condicións de vida das persoas e, ao mesmo tempo, patrocinar, desde o autocoñecemento, o xenuíno desenvolvemento persoal.

 CEREBRO

frescoRecurso de probas  para a iniciación á didáctica da filosofía