Exposición Interactiva sobre Lois Pereiro


Fotografías do álbum familiar de Lois Pereiro, poemas musicados, textos explicativos e mesmo gravacións da voz do poeta son algúns dos materiais multimedia cos que os estudantes do IES Alfoz - Valadouro se poden achegar estes días ao escritor de Monforte. Todos estes recursos están incluídos na exposición interactiva sobre Lois Pereiro que chega hoxe (28 de outubro) ao centro educativo de Alfoz e que ten como obxectivo difundir entre os seus alumnos e alumnas a vida e a obra do escritor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.


A mostra que protagoniza o escritor de Monforte, deseñada por Ouvirmos, consiste nunha instalación multimedia composta por unha pantalla multitáctil de gran tamaño e un muro vertical que mostra unha liña temporal cos principais episodios da biografía de Lois Pereiro e textos explicativos das súas diferentes etapas vitais. Este muro conta con dúas pequenas pantallas que exhiben en continuo preto de cen fotografías pertencentes ao álbum familiar do poeta. En canto á pantalla multitáctil, esta  presenta un programa interactivo, dinámico e sensible á manipulación con dedos e xestos, que consta de catro apartados: Fotobiografía, A voz do poeta, Xogando coas palabras e A música.


Equipo de Dinamización Lingüística


Enlace a galería.


Enlace a información da Xunta