.
-
Marcial Valladares
Maxina ou a filla espuria, Marcial Valladares
Para a cidade vou
— Pero yo oí decir más de una vez al maestro y a mi adoptiva madre, que en las ciudades se pierden muchas jóvenes, y yo de esas no quiero ser.
— Decían bien, hija mía, y buenos son tus sentimientos: mas no temas, yo velaré por ti.
— Vengan Vds. conmigo; pues, como en casa me dejen, por mí ya no hay inconveniente.
E Maxina diante, co feixiño na cabeza e descalciña, o Marqués e Salvio aos lados e o arquilador detrás coas bestas, foron á casa do labrador Félix en que estaba aquela. Trataron con el o Marqués e Salvio, e vendo o home que o señorito de Rebordán se interesaba, baixou a súa garantía e descargando nel toda a responsabilidade, consentiu en desprenderse de Maxina e quedou en que o domingo primeiro iría con ela á casa do señorito para levala este logo a Santiago, vestila alí o Marqués, segundo lle parecese, e marchar con el a Madrid.
Maxina, ao que os señores partiron, púxose a reflexionar o caso, e dándolle no pensamento mil voltas, acordábase de que indo a Madrid deixaba a Ermelio, seu irmán de leite; a Ermelio, de quen até a morte de Inés nunca se separara; Ermelio, que xa requebriños de inocente amor lle dirixía, e con amor, tamén inocente, escoitaba ela; Ermelio, en fin, que ao sabelo choraría e chamaríalle desleigada. [...]
Montaxe De Ameijoeira a Monterredondo_Roteiros Galegos_CC-BY-NC-SA e Ollos da cidade_ Rafael Ojea Pérez_CC-BY-NC Salvio, que xa sabía a casa de Bieito, o outro labrador, en que recollido fora Ermelio, pasara alá tamén co Marqués, e decidido a facer co seu afillado o que o Marqués facía con Maxina, non atopando na casa a Ermelio, díxolle ao labrador que pasase con el a Rebordán o domingo mesmo para Maxina designado, mais sen indicarlle o obxecto nin descubrirlle a menor cousa respecto de Maxina.
Ermelio, que soubo por esta de golpe canto relativamente a ela se tratara, chorou, tirou dos pelos, e ignorante aínda do que acerca del proxectaba seu padriño, rematou por dicirlle:
— Vaite, Maxina, vaite. Ti es moi lista, guapa coma ningunha da aldea, e ao lado dese señor, amigo de meu padriño, quen sabe onde chegarás! Se ti feliz, Maxina, aínda que nunca sen ti o sexa eu.
E isto dicindo, caíanlle a fío as bágoas, choraban ambos e abrazábanse moitas veces, como irmanciños que eran de leite.
Un día antes do domingo aferido saía Ermelio [...] pensativo e triste cavilando tamén no propio, e así que se viu fóra do lugar, cando coidaba el que só Maxina acaso o oiría, cantou o cantar dela favorito, e oíu Maxina que dicía:
“Adeus, luz dos meus ollos,
Prenda querida;
adeus, adeus, Maxina,
sol que para min raia
de noite e de día.”
E as bagullas caíanlle entón na costura, tanto, que apenas podía dar puntada, nin sabía case o que facía. Pola tarde, colleu a fouciña e o queipo e a pretexto da herba saíu correndo para fóra: mais non era a herba o seu obxecto e si dicir adeus aos sitios por onde andara. Segou á présa un arraso, que coa fouciña cravou, de xa metido no queipo, e beira do Gundín sentada logo no campiño, chea de melancolía, tendeu ao redor os ollos e díxolle adeus ao regueiro que de espello lle servía e onde as perniñas lavara, á fontiña en que bebera e ás rosiquiñas dos lados. Despediuse alí dos montes onde as vaquiñas levara, e mentres elas pacían brincara con máis pastoras e os chichíos escoitara do pimpín. Despediuse alí dos soutos, en que magostos comera con Ermelio e outros rapaces. Despediuse dos carballos que sombra no verán lle fixeran, ou que da chuvia a resgardaran, e dando volta para a casa co queipiño na cabeza, vendo a en que se criara e no eixido as froiteiriñas ás que mil veces subira, díxolles tamén adeus.
Maxina ou a filla espuria (fragmento adaptado), Marcial Valladares
CONTIDOS QUE SE TRABALLARÁN A TRAVÉS DO TEXTO
- As relacións familiares.
- Vocabulario e uso do dicionario.
- A sufixación apreciativa: o diminutivo.
- O adxectivo explicativo ou epíteto.
- O adxectivo determinativo.
- O pronome persoal.
- O pronome posesivo, demostrativo, numeral, indefinido e exclamativo e interrogativo.
- Os hipérbatos.
- O contacto entre linguas: bilingüísmo e diglosia.
- Lingua nai no s.XIX
- Lingua nai e medios de comunicación.
- Os prexuízos lingüísticos.
- A prosa do Rexurdimento: Marcial Valladares e a primeira novela galega moderna.
- Biografía de Marcial Valladares Núñez.
- Xénese de Maxina.
- A novela folletinesca.
- Lectura comparada de Maxina e "Adeus ríos, adeus fontes", poema de Rosalía de Castro.
Comprensión textual Análise lingüística Análise literaria Proxecto transversal Apartado destinado a traballar os textos de forma transversal co obxectivo de realizar un proxecto final, un mural interactivo ou en papel, cuxo fío condutor vai ser "O papel da muller na literatura: personaxes e narradoras".
Autoavaliación