.
-
Rosalía de Castro
Conto gallego, Rosalía de Castro
Camiñando ou en mula?
Un día de inverno ao caer da tarde, dous amigos que eran amigos desde a escola, e que contaban dos anos o maldito número de tres veces dez, camiñaban a bon paso un sobre unha mula branca, gorda e de redondas ancas, e outro encima dos seus pés que non parecían asañarse das pasadas lixeiras que lles facía dar seu dono.
O de a pé corría tanto coma o de a cabalo, que vendo a suor que lle corría ao seu compañeiro pola fronte e as puntas dos cabelos díxolle:
−E ti, Lourenzo, por que non mercas un come-toxos que te leve e te traia por estes camiños de Deus?, que isto de andar leguas a pé por montes e areais é bo para os cans.
−Come-toxos! Anda e que os monten aqueles para quen se fixeron, que non é Lourenzo. Cabalo grande, ande ou non ande, e xa que grande non o podo ter, sen el me quedo e sírvome dos meus pés que nin comen, nin beben, nin lles fan mester arreos.
−Verdade é que o teu modo de camiñar é máis barato que ningún, negro de min!, que teño que pagar portádego só porque vou en besta, e non coma ti, nestes pés que Deus me deu. Pero... así como así, gusto de andar as xornadas en pernas alleas para que as dun non cansen, e xa o dixen: debías mercar un farroupeiro para o teu descanso.
Mais ti fas coma o outro: hoxe o gaño, hoxe o como, que mañá Deus dirá. Nin tes arreo nin cousa que o valla; gústanche os berberechos e mais as berberecheiras, o viño do Ribeiro e as ostras do Carril. Lourenzo!, debías casar, que ao fin o tempo vai andando, os anos corren e un pobre dun home faise vello e cóbrese de pelos brancos antes de que poida ter manta na cama e aforrar para unha ocasión. E isto, Lourenzo, non se fai sen muller que teña man da casa e garde o diñeiro que un gana.
−Boi solto ben se lambe. [...]
Mula_3209122_Michi-Nordlicht. Dominio público Así falando Xan a Lourenzo, ían chegando a preto dun lugar, e como xa de lonxe empezasen a sentir berros e choros, despois a un alto, por saber o que aló pasaba, viron que era un enterro e a un rapaz que viña polo camiño preguntáronlle polo morto, e respondeulles que era un home dunha muller que aínda moza quedaba viúva e sen fillos que nunca tivera, e que o morto non era nativo daquela aldea, pero que tiña noutra herdeiros.
Foise o rapaz e Lourenzo chegándose a Xan díxolle entón:
−E ti queres, Xan, que che faga ver o que son as mulleres, que agora a ocasión é boa?
−E pois como?
−Facendo que esta viúva que non sei quen é, nin vin na miña vida, me dea nesta mesma noite palabra de casamento para de aquí a un mes.
−E ti estás cordo, Lourenzo?
−Máis ca ti, Xan. Queres ou non queres?
−E pois ben tolo. Vamos apostar e se gañas, perdo a miña mula branca que herdei de meu pai logo fará un ano, e que estimo por isto, e por ser boa, coma as meniñas dos meus ollos. Curareime entón do mal de casorio, pero se ti perdes, tes que mercar un farroupeiro e non volver falar mal das mulleres, miñas xoias, que aínda as quero máis que a miña muliña branca.
−Apostado. Baixa, pois, da mula e fai desde agora todo o que che eu diga sen chistar, e até mañá pola fresca, nin ti es Xan, nin eu Lourenzo, senón que ti es o meu criado e eu son o teu amo. Agora ven tras min tendo conta da mula, que eu irei diante, e di a todo amén.
Meu dito meu feito. [...]
"Conto gallego" (fragmento adaptado), Rosalía de Castro
CONTIDOS QUE SE TRABALLARÁN A TRAVÉS DO TEXTO
- Fraseoloxía: expresións e frases feitas.
- A descrición de persoas.
- O tema nun texto narrativo.
- Vocabulario e uso do dicionario.
- Creación literaria: os finais.
- Relacións semánticas: sinonimia, antonimia e hiperonimia-hiponimia.
- As repeticións léxicas.
- Identificación e localización de perífrases verbais.
- Identificación e localización de tempos verbais.
- As formas non persoais.
- Sintaxe: a coordinación.
- Sintaxe: os complementos oracionais.
- A prosa do Rexurdimento: Rosalía de Castro.
- A voz narradora.
- O estilo directo e o estilo indirecto.
- Figuras retóricas.
- Fraseoloxía: expresións e frases feitas.
Comprensión textual Análise lingüística Análise literaria Proxecto transversal Apartado destinado a traballar os textos de forma transversal co obxectivo de realizar un proxecto final, un mural interactivo ou en papel, cuxo fío condutor vai ser "O papel da muller na literatura: personaxes e narradoras".
Autoavaliación