.
-
Xosé Fernández Neira
Proezas de Galicia, Xosé Fernández de Neira
O que con nós fixeron!
CONVERSACIÓN
Chinto. Dáme meu querido Mingote, dáme ese abrazo para min tan desexado nestes cinco meses que hai que non nos vimos!
Mingote. Como che poderei negar, amado compadre, ese abrazo, se pensei que en toda a miña vida para min había consolo até que te non vise?
Ch. E como che foi por acá con eses diabros deses gavachos?
Ming. Home non me fales diso, porque se me encrechan os pelos da cabeza só en pensar nas cousas que fixeron. Has de saber que na cuarta feira da primeira semana de febreiro chegáronche a este lugar vinte e catro, que eu aínda dubido agora se eran homes, porque che traían na cabeza por sombreiros unhas daquelas que son coma as bacías de afeitar que teñen os barbeiros das vilas de latón, e logo nin che sei se era cola de besta, ou rabo de boi o que traían colgando nelas, porque así como chos vin escapeiche para o monte, aínda que despois volvín.
Napoleon_Carabiner_of_1812_by_Bellange, Wikimedia Commons, PD
Ch. Pero...
Ming. Agarda un pouco que che vou dicir o que fixeron. Despois que rexistraron todo, colléronche as galiñas que puideron, repeláronchas, derretéronche nunha caldeira canta graxa e pingo encontraron, e metéronchas alí, de sorte que se pasaron e coceron seica máis cá manteiga, sen botarlles miaxa de auga, e correndo vánseche á bodega, abríronche as pipas e sacáronche cheos de viño os caldeiros e olas, deixando abertas as billas, de maneira que todo o viño se foi pola bodega. Despois de que fixeron sopas (que faga sopas con eles Satanás!) todo o día, fóronse á graneira e sacaron en cestas todo o trigo e centeo que lles deu a gana, e ceibáronllo diante aos cabalos. Ah! faltábacheme dicir que para facer o lume partíronche as huchas e tallos todos, de sorte que había unha fogueira que non desexaba eu senón velos nela. Así que anoiteceu, vólvenche poñer ao lume os caldeiros con viño, e cando eu pensaba que sería para bañar os cabalos e mais a eles, vin morte que me deixou!: que me deron co mel e botároncho todo revolto co viño e despois beberon daquilo até que o deixaron de sobro.
Ch. E ti non...
Ming. Home cala, que eu che contarei por punto e coma o que pasou. Cando pensei que se ían deitar, vexo que me agarran e que xuro a Deus que lles había de traer alí piculinas: a min que me comeran todas as galiñas (que isto crin que querían dicir). Fíxenlles acenos (porque isto de tratar con xente que non fala como os cristiáns, xa ti me entendes o traballo que é) que non tiña máis, quen tal lles dixo! Pegáronme unha soba, que nin a que lle deron a Cristo: alá despois que mo acabaron de explicar por acenos, (que sempre eu pensaba que eran diabros porque che facían unhas caretas como ti xa verías) por verme libre deles, díxenlles que lles ía buscar as piculinas, pero non sabes o que fixen? Véndome xa sen cousa ningunha e que cando así comenzaban coas felecedades que dicían, que tal sería o último, xunteiche uns cantos veciños, e cando estaban máis desprocatados (vaia, paréceme que estou na festa!), entrámosche na casa e a un por un lles fomos cortando as cabezas, que tal non fixemos ben?
Ch. O mesmo que se un anxo volo dixera, e os cabalos?
Ming. Eses, coma os seus compañeiros, tamén levaron o mesmo camiño.
Proezas de Galicia, explicadas baixo a conversación rústica dos dous compadres Chinto e Mingote (fragmento adaptado), Xosé Fernández de Meira .
CONTIDOS QUE SE TRABALLARÁN A TRAVÉS DO TEXTO
- Vocabulario: o uso do dicionario.
- Castelanismos.
- Clasificación semántica do substantivo.
- Campo semántico.
- Campo léxico.
- Familia léxica.
- Pronomes tónicos e átonos.
- Distinción entre pronomes átonos de CD e de CI.
- O dativo de solidariedade.
- Adverbios.
- Adxectivos determinativos indefinidos.
- Pronomes indefinidos.
- A lingua como elemento caracterizador simbólico.
- A prosa galega de comezos do século XIX: a literatura de circunstancias.
- Xosé Fernández Neira e a xénese de Proezas de Galicia.
- A Guerra de Independencia e a "Batalla de Ponte Sampaio".
Comprensión textual Análise lingüística Análise literaria Proxecto transversal Apartado destinado a traballar os textos de forma transversal co obxectivo de realizar un proxecto final, un mural interactivo ou en papel, cuxo fío condutor vai ser "O papel da muller na literatura: personaxes e narradoras".
Autoavaliación