.
-
Arantza Portabales
Beleza vermella, Arantza Portabales
Esculturas danzantes
Unha vez, cando tiña dez anos, entrei no estudio de mamá sen permiso. Foi un domingo, despois de comer. Papá lía no sofá da sala. A tía Amalia e mamá estaban na cociña, a tomar café. Sara ensaiaba na biblioteca o seu baile para o festival de fin de curso.
Aínda hoxe non podo escoitar a música do Crebanoces sen lembrar esa tarde de maio. Era a primeira vez na que eu non participaría no mesmo festival que Sara. Ese ano, por fin, mamá deixara de obrigarme a ir a clases de ballet. E tamén por primeira vez, eu conseguira que me apuntase a clases de pintura.
Supoño que non resulta doado de crer que a filla dunha escultora e fotógrafa tan famosa como a miña nai tivo problemas para conseguir que a apuntasen a clases de pintura.
Coido que miña nai nunca creu que a miña arte puidese estar á altura da súa.
Eu tampouco o creo agora.
Magdalena Roeseler, street_light_shadow_people_bw_lines_book_candid_Pxhere_CC-BY
Seino hoxe, cando toda a súa obra está catalogada e foi exposta en multitude de museos nacionais e internacionais. Non o sabía entón. Daquela, a arte de mamá era un misterio indescifrable que habitaba tras a porta do estudio onde ela traballaba.
Así que esa tarde, ese domingo de finais de maio, decidín coller no moble da entrada as chaves do alpendre que facía as veces de estudio e entrar a descubrir que agochaba miña nai tras aquela porta.
Mamá remataba o que os estudosos cualificarían despois como a súa “Etapa vermella”. Aínda así, nas obras desa época aínda se podía atopar algunha nota desa cor. Alí, sobre unha multitude de sedas vermellas, alzábanse cinco esculturas de escaiola. Brancas. Calvas. Sen rostro. Sen extremidades. Os troncos remataban nunha forma esférica coma a deses xoguetes dos rapaces que sempre se manteñen tesos e se balancean a cada empurrón dunha man humana. Non me puiden resistir e, unha a unha, funas poñendo todas en movemento. Lembro a cadencia das figuras abanándose na dirección que eu decidía. O seu movemento oscilante acelerábase ou minoraba a medida que eu aplicaba máis ou menos forza.
E entón, unha das esculturas tropezou con outra, provocando un golpe seco. Recordo quedar parada, mirando a escaiola fundida, e as gretas no corpo da escultura que cobregueaban sen control polo corpo branco e fráxil da figura.
Saín correndo de alí. Pechei a porta e atravesei o xardín a toda velocidade. Metín as chaves no moble da entrada e apresureime a pecharme no noso cuarto.
Pasaron dous días ata que mamá descubriu a desfeita. Colleunos a Sara e a min e, moi enfadada, ameazounos con deixarnos sen excursión de fin de curso se non confesabamos quen das dúas entrara no seu estudio.
As dúas negámolo, teimudas. Estivemos toda a tarde pechadas no cuarto. Sen saír. Á hora da cea, Sara esforzouse en convencer a mamá de que ningunha das dúas entrara no seu estudio. Que de seguro unha brisa de aire movera as figuras. Ou que quizais fora Miau, a nosa gata. No fin de contas, había unha ventá pequena no estudio que quedaba aberta moitas veces.
Mamá levantounos o castigo. Ese ano fomos de excursión de fin de curso ás dunas de Corrubedo.
E esa noite, despois de que a miña xemelga convencese a mamá da nosa inocencia, Sara dende a súa cama, díxome moi quediño: “Sei que fuches ti, Lía”.
E trinta anos despois, a noite en que morreu Xiana, despois de que viñesen a policía e a xuíz. Despois de que levantasen o cadáver. Despois de que deitásemos a tía Amalia. Despois de que nos despedísemos de Fer e Inés. Despois de que Teo se dirixise coma un autómata ao seu dormitorio para dar comezo á primeira de miles de noites sen Xiana. Despois de todo iso, á porta do cuarto de convidados que ocupaba eu sempre que visitaba a Teo e Sara, a miña irmá, a miña metade, miroume aos ollos e silabou exactamente esas mesmas cinco verbas: “Sei que fuches ti, Lía”.
Beleza vermella, Arantza Portabales
CONTIDOS QUE SE TRABALLARÁN A TRAVÉS DO TEXTO
- Vocabulario xeral.
- Preposicións.
- Conxuncións.
- Adverbios.
- Os complementos circunstanciais.
- Estudios e estudos.
- O xénero dalgúns substantivos.
- A normalización lingüística.
- Biografía e bibliografía de Arantza Portabales.
- O xénero da novela negra.
- Anotacións sobre Beleza vermella.
- A voz narradora.
- A intertextualidade.
- A analepse ou flash-back.
Comprensión textual Análise lingüística Análise literaria Proxecto transversal Apartado destinado a traballar os textos de forma transversal co obxectivo de realizar un proxecto final, un mural interactivo ou en papel, cuxo fío condutor vai ser "O papel da muller na literatura: personaxes e narradoras".
Autoavaliación