.
-
María Xosé Queizán
Amor de tango, María Xosé Queizán
O meu Marlon Brando
Margot fíxase nos cadros da película, fotogramas chámanlles agora pero antes dicíanlles cadros, e vánselle os ollos para Marlon Brando. Obsérvao detidamente. Hai moita xente na cola para coller as entradas do cine. Non é unha película calquera. É nada menos que O último tango en París, da que tanto se tiña falado e que, incluso, algunha xente fora ao estranxeiro para podela ver. Agora, coa apertura do novo réxime, chegan as películas que estaban prohibidas e os quioscos énchense de revistas pornográficas. Mira a Marlon Brando e nota que xa vai un pouco cascadiño, quen o dera naquela do porto de Nova York, cando traballaba na colla e era un rebelde, coa súa gorra de portuario, A lei do silencio creo que se chamaba, alí si que estaba como un tren! Pero, nesta, hai que ver como se puxo este mozo! Está coma un bocoi e a cara así como abotargada, debe ser a vida que leva, que esta xente do celuloide leva unha vidiña... Seguramente bebe, ten toda a pinta. Pero, mesmo así, segue tendo atractivo. A boca sobre todo, gordechiña e sensual, cun xesto ás veces displicente, de duro, e outras de bebé querido, pero un bebé procaz, luxurioso. Si, recoñecía que o xesto da boca resultaba un pouco noxento. Quizá por ese xesto escollérono para facer esta película. Á marxe da boca, foi, desde logo, un acerto elixir un home madurito. Isto do tango non o pode sentir un imberbe, ben o sabe ela, o mundo do tango require unha sazón, como certos froitos... Pensa en Chinto, o seu Gaucho, que era maduro e tan sedutor... [...]
Fotograma da fita Un tranvía chamado desexo_Wikimedia Commons_PD
Aínda había pouco que a xente facía excursións a Francia para ver esta película e outras que a censura franquista non permitía pasar. Foran moitos anos de represión. Que tempos lle tocara vivir! Agora volvía a apertura, a democracia. Mais xa era tarde para ela. Aos seus anos... Colleuna a guerra no mellor da vida e truncáralle as esperanzas, as ilusións, incluso o despertar do seu corpo que se abría á plenitude... E ela menos mal, polo menos tiña os recordos, e aínda o podía contar... Outras nin iso, outras perderan a vida. Maldita guerra! Cantas vidas rotas, cantas esperanzas, cantos proxectos...
Que de ilusións forxaran, ela e as súas amigas, paseando por estas rúas! Cantos deseños de futuro! E todo se veu abaixo, de repente, co alzamento nacional. Que mal lle acaía o nome. Aquilo, lonxe dun alzamento, foi un derrubamento. Agora, morto o Xeneralísimo, moito falan daqueles anos de ditadura. Morto o can acabouse a rabia. Non para ela! Hai momentos, coma este, que lle entra unha ira... Non se resigna. Escoita como as esquerdas de agora alardean de loita subversiva nos tempos da ditadura e, total que!, houbo que agardar a que o ditador morrera tranquilo no seu leito para poder expresarse con liberdade e declarar os crimes cometidos. Agora é pan con tortas. Moito falar dos cárceres, dos «paseos», dos que lograron fuxir polo monte... Sacan todo a relucir. Contan os mortos, os presos, os perseguidos, os exiliados... Pero nunca falan das outras vítimas, vítimas escuras coma ela e tantas outras, que non chegaron a colocar ante o muro dos fusilamentos pero que lles puxeron unha barraxe diante, cortándolles o camiño, un camiño que apenas puideron enxergar, que foi como unha miraxe, a pesar de que tiñan tantos impulsos para o percorrer. Cantos desexos abafados! Hai moitas maneiras de morrer. Moita vida foi segada nos campos de batalla, nas cunetas, nos cemiterios, nos cárceres. Outra, no ermo sanguento que quedou. No veo das viúvas ou no destino doméstico de casar e criar fillas, así, como un río segue o seu curso. Parir novos homes para a patria. Dar vidas para reconstruír toda a morte que provocaran. Para iso é que serven as mulleres. Os homes na loita; as mulleres, pasivas, han ser boas nais e criadas dos guerreiros. As grandezas guerreiras precisan ir parellas coas virtudes femininas: castidade, pureza, fidelidade, abnegación e maternidades abondosas.
Amor de tango (texto adaptado), María Xosé Queizán
CONTIDOS QUE SE TRABALLARÁN A TRAVÉS DO TEXTO
- Vocabulario.
- A derivación: a prefixación, a sufixación e a circunfixación.
- Os sufixos alterativos.
- Os compostos cultos.
- Oracións subordinadas substantivas, adxectivas e adverbiais.
- Ortografía: EX- ou ES.
- Ortografía: grupos -CC- e -CT-.
- O franquismo como grande difusor dos prexuízos lingüísticos para o galego.
- Biografía de María Xosé Queizán.
- Bibliografía de María Xosé Queizán.
- Importancia de María Xosé Queizán na visibilización da muller na sociedade galega.
- Características básicas da Nova Narrativa Galega (NNG)
Comprensión textual Análise lingüística Análise literaria Proxecto transversal Apartado destinado a traballar os textos de forma transversal co obxectivo de realizar un proxecto final, un mural interactivo ou en papel, cuxo fío condutor vai ser "O papel da muller na literatura: personaxes e narradoras".
Autoavaliación