Skip to Content

Novas

Recomendación Audición e Linguaxe para toda a etapa

ORIENTACIÓNS ÁS FAMILIAS - AUDICIÓN E LINGUAXE

 

Actitude a tomar:

•Fomente situacións nas que o neno fale e sinta interese por elo: fálelle de cousas que o motiven, fágalle preguntas, canten cancións, pídalle opinión...etc.

Non o interrompa nin se adiante ás cousas que ao neno lle custa dicir e tampouco remate a frase por el. Hai que darlle tempo para verbalizar. 

•Evite que o neno responda en exceso unicamente con un “si” ou “non” a determinadas preguntas que si son susceptibles dunha maior resposta. Hai que facer que se esforce. Unha maneira de lograr que as respostas do neno sexan máis longas é formular a pregunta dun xeito distinto, evitando o simple “si” ou “non”. 

•Debe “ignorar” aquela conduta na que o neno estea a pedir algo sinalándoo, sen expresión oral. Aínda que non fale correctamente, interésanos a súa verbalización. É moi importante fomentar a expresión lingüística. 

•Non pretenda que o neno fale correctamente á primeira. Hai que ensinarllo pouco a pouco. Hai que darlles confianza, seguridade e animalos. Exprese alegría cando o neno adquira melloras na súa articulación. Non se lle debe esixir un esforzo que non poida realizar; podemos caer en sentimentos de impotencia e negación a falar. 

•Evite calquera comentario ou expresión facial que mostre desaprobación ante a súa fala. Non chame a atención ao neno polos erros na expresión oral. 

•Se o neno insiste en pronunciar unha palabra de forma incorrecta non o castigue, pero recórdelle como é correctamente a palabra, repetíndolla ben. O neno non debe entender que a súa mala articulación se da por boa. Evite repetir as palabras do pequeno que estean mal pronunciadas; isto reforzará unha mala articulación.

•Evite as comparacións con outras persoas da súa idade. 

•Non lle fale con “linguaxe bebé”. O neno tenderá a interiorizar estas palabras e posibilitará o non avance lingüístico. As cousas deben ser chamadas polo seu nome.

•Fálelle lentamente, con entoación normal, e pronunciación clara, articulando ben.

•Utilice un vocabulario apropiado, con frases sinxelas e curtas.

•Se é o caso, elimine o uso de chupete e biberón. O seu emprego trae consigo dificultades de articulación, deformación da boca (dentes e padal) e alteración da respiración.

 

Actividades para facer na casa:

Cantar cancións, ensinarlles poesías, xogar a recordar cada vez frases máis longas...

Dar ordes que o neno teña que realizar (“dáme ese vaso...), ler contos e facer preguntas...

Xogos de respiración, sopro e relaxación: levantar un brazo e deixalo caer, unha perna... imaxinar que cheiramos unha flor, coller aire polo nariz e expulsalo pola boca, o mesmo pero botándoo polo nariz... apagar velas, facer pompas de xabón, soprar bólas de papel, inflar globos, soprarse mutuamente o pelo, soprar unha pelota de ping pong e metela nunha portería, etc.

Xogos para mellorar a motricidade bucofacial: expresar emocións (cara de enfado, alegría, tristeza...); sacar a lingua, imaxinar que lambemos un xeado, imitar o son dun cabalo, dunha moto, dar bicos ao aire, semellar que mastigamos algo, pensar que os nosos dentes son un chan que temos que varrer coa lingua...etc. 

Podedes acceder a internet para visualizar diversos vídeos: conto da Señora Lingua, Bori...

Xogos de discriminación auditiva e ritmo: pechar os ollos e localizar a quen está falando, camiñar ao ritmo da música, “xogo das cadeiras” (cando pare a música buscar unha cadeira e sentarse)...

Nomear os obxectos do entorno.

Coller unha revista e ir dicindo o nome das cousas que aparecen.

Clasificar en categorías semánticas as imaxes da revista.

Xogar ás adiviñanzas.

Mirar láminas de contos e describir o que se ve.

Xogar ao “vexo-vexo”.

Dramatizar contos. 

Inventar historias.

                                                         

 

A mestra especialista en A.L.

Distribuir contido


by Dr. Radut