Para saber algo mais sobre os formatos de vídeo


Formato dun arquivo

O formato dun arquivo é simplemente o modo en que está codificada a súa información coa finalidade de que poida ser interpretada polo ordenador, e determina a súa “estrutura” interna. A simple vista un usuario pode saber qué formato ten un arquivo mirando a súa extensión[1].


Formatos de vídeo. Formato FLV (flash video)

Existen moitos formatos de vídeo, como MOV (QuickTime Movie[2]), AVI (Audio Video Interleaved, audio vídeo intercalado) ou o estándar MPEG (Moving Pictures Experts Group)[3].

Os vídeos Flash, extensión de ficheiro FLV, convertéronse rapidamente nun dos formatos máis empregados en Internet para distribuír vídeo debido principalmente ao seu pequeno tamaño, polo que aforran longos tempos de carga aos usuarios.

Así poden empregarse clips de vídeo máis longos sen que elo volva mais lenta a reprodución. É un dos formatos mais empregados polos sistemas de vídeos online como Youtube.

Este formato (FLV) contén datos de audio e vídeo codificados para publicar mediante Flash Player[4]

Os Flash video se reproducen mediante streaming empregando a memoria caché, de xeito que os arquivos grandes se almacenan en partes pequenas e se accede a eles dun xeito dinámico, permitindo escoitar e visualizar o vídeo mentres se vai descargando no noso equipo, evitando así, a longa espera que require obter o arquivo completo.

O streaming funciona dun xeito moi sinxelo: o noso equipo ao detectar o arquivo con esta tecnoloxía, comeza a descargalo e vai creando un buffer onde comeza a gardar a información, unha vez este buffer teña unha pequena parte dos datos comezará a reproducir o vídeo mentres continúa o resto da descarga.


[1] Todos os arquivos (os ficheiros que almacenamos no ordenador) teñen un nome e unha Extensión, como o nome e o apelido dunha persoa, o nome pode ser mais ou menos “libre” e a extensión ten case sempre tres letras. Nome e extensión sepáranse por un punto deste xeito: nomedoarquivo.ext

[2] Feito por Apple, é multiplataforma e as súas versións máis recentes permiten interactuar con películas 3D e realidade virtual

[3] Este formato produce unha compresión dos datos cunha pequena pérdida de calidade; dende a súa creación, definíronse: MPEG-1 empregado en CD-ROM e Vídeo CD, MPEG-2, para DVD de Vídeo e a televisión dixital, MPEG-4, emprégase para transmitir vídeo e imáxenes nun ancho de banda reducido; O formato MPEG4 é a base de formatos como divx

[4] Adobe Flash Player é unha aplicación en forma de reprodutor multimedia creado inicialmente por Macromedia e actualmente distribuído por Adobe Systems. Permite reproducir arquivos SWF. Estes arquivos pódense reproducir nun navegador, o seu formato é o dun Plug-in ou obxecto ActiveX. Tamén é empregado para mellorar a calidade de vídeo sobre todo de internet; cada nova versión fai que a carga de vídeo sexa mais óptima e mais rápida, os efectos no vídeo serán mellores, vídeos mais nítidos con diminución no pixelado (cadrados grandes no vídeo)
Última modificación: Martes, 19 de Xuño de 2018, 10:54