Mostrando las entradas para la consulta poesía ordenadas por relevancia. Ordenar por fecha Mostrar todas las entradas
Mostrando las entradas para la consulta poesía ordenadas por relevancia. Ordenar por fecha Mostrar todas las entradas

9/10/13

PREMIO NACIONAL DE POESÍA en galego


Manuel Álvarez Torneiro acaba de conseguir o Premio Nacional de Poesía co seu libro Os ángulos da brasa editado por Factoría K.
Esta libro xa fora recoñecido co Premio da Crítica de Poesía galega que concede a Asociación Española de Críticos Literarios, co Premio Ánxel Casal da AGE (Asociación Galega de Editores) e co premio da AELG á mellor obra de poesía do ano 2012.
Álvarez Torneiro (A Coruña, 7 de xullo de 1932) traballou como xornalista, e aínda que comezou a escribir poesía con 18 anos, a súa primeira publicación foi Memoria dun silencio, en 1982. Foi un dos fundadores do grupo poético "Amanecer" na década dos cincuenta, dos que entre outros dera noticia Avilés de Taramancos nos artigos publicados en Obra viva. Os estudosos sitúano na Xeración das Festas Minervais, na primeira promoción da poesía de posguerra: "os nados entre 1928 e 1942. No prólogo ó libro As doazóns do incendio, o profesor Basilio Losada apunta: o que vele na poesía de Torneiro é o poema, non é un verso illado, e menos unha palabra-fetiche. Veñen os versos e as palabras nestes poemas sen desaxustes semánticos, traballadas con sutileza e emoción. Con verdade, sen grandes sorpresas nin fulgores irritantes."
Leva publicados uns 13 poemarios máis, entre os que destacan Rigorosamente humano (1995) e Luz de facer memoria (1999). Conta tamén con outros galardóns como o Premio Esquío (1994), o González Garcés (gañado en dúas ocasións: anos 1998 e 2000) e o Premio da Crítica Española (1999); tamén foi nomeado socio de honra da AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega)
Parabéns ao poeta, a factoría K e á poesía galega! 

20/10/15

Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e resposta nas aulas

Poesía Hexágono. Ollada e Experiencia. Proposta e resposta nas aulas

O selo editorial Apiario presenta este libro para docentes que queren traballar coa poesía nas aulas. Xa no prólogo, Agustín Fernández Paz quere derrubar os muros para que a literatura, neste caso a poesía, se desprenda do enfoque historicista e que estimule as capacidades creativas do alumnado. Lémbranos Fernández Paz a Rodari na Gramática da Fantasía: “A cuestión é que na escola se len os textos para xulgalos e clasificalos, non para comprendelos. A peneira da corrección retén e revaloriza as pedras, deixando escapar o ouro.”
Nos seis ensaios que compoñen o libro, seis poetas, fannos cadansúa proposta :

Tamén conta cun blog onde se pode atopar material extra para continuar co traballo na aula.

Facer chegar a poesía á mocidade é labor ben complicado. Agradecemos a Apiario esta aposta tan decidida.



21/2/11

NOVA COLECCIÓN DE POESÍA


Nace a colección de poesía infantil "Lúa Lueira" da editorial Espiral Maior. Unha editora especializada en poesía, que despois dunha primeira incursión na infantil, a través da antoloxía O libro dos cen poemas de Xosé Mª Álvarez Cáccamo e Marisa Núñez, se decidiu a crear unha colección destinada aos máis novos. Benvida! Sempre será ben recibida unha nova colección de poesía para a infancia. Lembremos que a poesía segue a ser un xénero minoritario. Por iso nos gusta recoñecer o valor de premios como o Arume de poesía, convocado pola Fundación Neira Vilas cada dous anos, e a través do cal se van incorporando novos nomes á nómina de poetas, que tamén escriben para nenos e nenas. Atopamos poemarios, sobre todo, na colección Merlín, algúns en Altamar,... pero sempre son poucos. Recollemos da presentaicón editorial a seguinte nota, en relación ás dúas primeiras obras: "Parece unha rosa, de Rosalía de Castro e Cantiga do mazarico, de Emilio Pita (con ilustracións de Isabel Pintado ambos) son os primeiros títulos da colección 'Lúa Lueira', pensada pola editorial Espiral Maior para acender o gusto pola poesía entre os primeiros lectores. 'Lúa Lueira' quere unir o elemento literario e o lúdico, presentes na expresión poética. A nova colección nace co ánimo de de que nesas primeiras lecturas, os nenos capten os matices de linguaxe e expresión propios do xénero lírico e vaian adquirindo maior vocabulario e sintaxe. Nos dous primeiros títulos apóstase por rescatar dous escritores clásicos, cunha expresión poética acaída para o xeito de entender o mundo dos ccativos. Tanto o álbum de Emilio Pita coma o de Rosalía de Castro coidan moito o ritmo e converten a lectura nunha sorte de xogo e de canción."

18/3/10

POESÍA. Para facer boca.














Poesía necesaria, como escribía Celaya e titula García Teijeiro.
Poesía para todos os días, aínda que o 21 de marzo a fagamos protagonista das nosas lecturas.
Poesía para todas as idades, para todas as personalidades, para todos os estados.
Poesía imprescindible na música, no recitado, nas lecturas públicas e privadas.
E para facer boca... ter sempre presentes as antoloxías, as seleccións poéticas, as ocasións nas que abrimos un libro e catamos un poema. As antoloxías permíteno: atopar varias voces e escoller as que nos "tocan" para seguir buscando eses libros e eses autores /as.
Para mostra algún botón:
Os nosos versos de Antonio García Teijeiro en Anaya
O libro dos cen poemas de Álvarez Cáccamo e Marisa Núñez
Poetízate de Fran Alonso
...

21/3/18

Para celebrarmos o Día Mundial da Poesía:"Cara de velocidade" de Marga Tojo


A editorial Kalandraka acaba de publicar o libro de poemas Cara de velocidade co que Marga Tojo gañou o X Premio Internacional Cidade de Orihuela de Poesía . María Hergueta ilustra o libro.
Estamos ante unha superheroína con superpoderes que é quen de transformar o cotián en algo excepcional a través do humor, a música,  a fortaleza, o optimismo e a imaxinación fronte á adversidade, e que, con capa e anteface, apréndenos a pór Cara de velocidade.


Superpoderes

Zamarra, 
chaquetón, 
casaca, 
chuvasqueiro,
gabardina, 
chaqueta con botón. 

Desde que aprendín 
a poñer o abrigo,

voo.

Destinado a partir de lectores autónomos, este poemario vén acrecentar os fondos de poesía das bibliotecas escolares para que un día coma hoxe proclamemos que a poesía esta nas cousas que nos rodean.

Lembramos e difundimos tamén, os actualizados "Cinco motivos para ler poesía" de Fran Alonso




2/10/09

MAKINARIA


MAKINARIA de Carlos Negro, publicada na colección Fóra de Xogo de Xerais. Despois daquel marabilloso poemario As laranxas de Alí Babá co que nos introducía da man da ternura nun mundo de referencias infantís e cunqueiráns, trouxéranos Far west situándose neste oeste lonxano, apartado de todo e perto de nada, abrindo fiestras a mundos que haberá de transitar. Con Héleris acadara o VII Premio de Poesía Johan Carballeira do concello de Bueu. E agora, revisítanos con Makinaria, un título que trae ruído de metal para petar nas consciencias ou nas emocións. Poesía actual. Poesía para adolescentes.Poesía a modo de esconxuro contra a morte. Poesía que ten moito de máquina, de motor, de goma, de música que abrouxa e de explotación (na produción e no consumo). Para que cheguen a vellos, para que sobrevivan aos fins de semana, ás carreteiras na madrugada e ao presente. Ese é un mestre, tal como xa tiña demostrado noutras ocasións e noutras actividades. Leamos:

MAMÁ CARME A ver agora quen lle conta á vella que o rapaz da casa, a meniña dos seus ollos, foise, foise de vez, antes ca ela.

16/6/16

Un novo libro de poesía para primeiros lectores


Acaba de saír publicado en Xerais o  Poemas birollos para ler cos ollos de Fran Alonso, quen se encarga tamén das ilustracións. O poeta vén de recibir o Premio ao mellor proxecto literario na rede na I Gala do Libro Galego en 2016, por Poétic@.gal.
Este  libro combina poesía e imaxes nun xogo lúdico  que convida aos nenos e nenas a gozar e á vez achegarse a este xénero literario porque "a poesía non morde". Tamén ten unha presenza importante a oralidade,  a través de cancións infantís, arrolos e sortes.
Como xa sucedía en O meu gato é un poeta, a lectura pode continuar na rede xa que inclúe a ligazón a un videoxogo.
Neste enlace  tedes unha pequena mostra do libro.
Indicado para primeiros lectores, ben pode formar parte dunha selección de lecturas para o verán. 
Necesaria a poesía para nenos e nenas e tamén necesaria a poesía visual. Fran Alonso é un innovador no campo da literatura transmedia e multisoporte no panorama literario actual.

18/3/20

Poesía..."irmá paxaro" de Tamara Andrés


Próxima a celebración do Día mundial da poesía o 21 de marzo, neste tempo difícil que nos toca vivir, queremos recomendar irmá paxaro de Tamara Andrés, con ilustracións de María Montes. Este poemario  foi publicado a finais de 2019 na recén creada editorial  Cuarto de Inverno

irmá paxaro é finalista dos Premios da Gala do libro galego 2019 tanto no apartado de poesía, no xuvenil como no de libro ilustrado.

Libro de poemas destinado a un lectorado xuvenil,  en irmá paxaro atopamos "o relato da perda da complicidade entre dúas irmás descoñecedoras de que o golpe máis duro é o paso do tempo". A xove poeta Tamara Andrés "emprega a poesía, nun texto profundamente narrativo, para mostrarnos a dispar evolución de dúas irmás que mantiñan un elo na infancia que lles permitía ser elas mesmas até que quebrou co despregar das ás da irmá pequena: a irmá paxaro".

Lectura que recomendamos para un club de lectura de poesía, para as nosas seleccións poéticas ou para as lecturas en voz alta, aínda que sexan virtuais agora mesmo.
ela pousou a súa ollada sobre min
e vestiume

7/2/13

POESÍA RAPEADA


A poesía ten música, desde sempre. Cada un vaille poñendo a súa. Cada unha das persoas creadoras e tamén cada unha das lectoras. Quen escribe / di e quen le / escoita. Algunha vez a lectora ponlle a súa música para compartir con outras, de tal maneira que a poesía pasa a ser música total. Algo diso sucede con AID e o seu traballo Rapoemas, un libro - disco no que musica grandes poesías do século XIX e XX, como "A xusticia pola man", "Castellanos de Castilla", "O maio", "Cantarte hei, Galicia"... dos poetas Curros Enríquez, Rosalía de Castro, Álvaro Cunqueiro e Manuel Antonio.
A POESÍA ESTÁ VIVA! ... Escoitade.

Video gravado na praza do concello de Carballo e publicado por Nel Vidal en You Tube

29/12/17

Selección de poesía infantil



Como nas nosas bibliotecas lemos moita poesía, elaboramos un taboleiro no Pinterest  da Asesoría de Bibliotecas escolares cunha selección de títulos, á que chamamos Poesía infantildirixida fundamentalmente a primeiros lectores e lectores autónomos. Como toda escolla, ha medrar co tempo pero ben pode axudar a seleccionar recursos para as nosas actividades en torno á poesía ou acrecentar a colección da biblioteca escolar.

18/3/21

21 DE MARZO DÍA DA POESÍA

O 21 de marzo conmemoramos o día da poesía e queremos celebrala léndoa e recomendando algunhas novidades editoriais.


O poeta Xavier Seoane publica na colección Merlín de Xerais o libro de poemas infantís Cancións para Ana Lúa.

Con belas ilustracións do pintor Correa Corredoira, os 17 poemas que compoñen o libro son un canto á infancia. Nana de viaxe, Onde estás lúa, lueira?, No peito da túa nai, Dons, A canción do unicornio, Numerando...van percorrendo un universo infantil, cheo de maxia e imaxinación.

A poesía non debe faltar nas nosas bibliotecas e a lectura en voz alta, por exemplo, destes poemas é un bo achegamento a ela.

Sae, lúa, sae, lúa

do pozo da noite núa (...)




Na colección Udra de poesía para nenos e nenas de Chan de pólvora editora, publica Marica Campo nós outras, un libro de poemas que é un canto á diversidade e á igualdade.

A ducia de poemas que compoñen o libro levan cadansúa ilustración da pintora Menchu Lamas, nunha simbiose extraordinaria de linguaxe poética e visual.

Tal como expresan na presentación editorial nós outras é un libro de cores e de valores. Un encontro onde as mans están abertas para ofrecer territorios comunais, ámbitos de intercambio, paisaxes que retratan a beleza e a complexidade de cada persoa...A raza, a condición económica ou social, as características físicas ou mentais, os xeitos de amar ou a procedencia xeográfica son a forza que nos une, un patrimonio compartido”.

nós outras é un libro imprescindible nas bibliotecas escolares, sobre todo na selección de lecturas inclusivas.

Gustos

Se eu prefiro a rosa

e ti dis anil,

son eu menos neno,

menos nena ti? (...)




21/3/11

DÍA DA POESÍA


Un libro. Un comentario, que nos chega desde o CEIP Os Casais. Título: O meu gato é un poeta Autor : Fran Alonso Editorial: Xerais, colec. Sopa de libros 1ª edic.: febreiro 2011 A piques de celebrar un novo día da poesía, un libro para disfrutar xogando coa lingua, coas verbas, mestura de brincadeira e seriedade; un libro reivindicativo, non só da poesía, tamén do xogo, da actualidade, do amor, do cambio… e ata de “acción poética”. Un libro que acolle un amplo espectro de idades, para divertirse con pequen@s que aínda non len (pero son quenes de xogar cambiando palabras, sílabas, letras, sen coñecer o que son), con aquel@s que inician a lectura coma un descubrimento, para @s reaci@s á poesía, para demostrar que a linguaxe é divertida, para @s que queren algo máis (sentimento, ideas, pensamentos…) Un libro para disfrutar a soas e para compartir. Unha felina ferramenta para empregar nas aulas. Unha innecesaria desculpa par facer estalar de versos as bibliotecas. Acompañado dun CD no que autor recita seis das poesías e unha clave de acceso á páxina web.

30/11/11

Poesía por un espello

Vaia tropa! de Antón Cortizas con ilustracións de Mª Reyes Guijarro, na colección Merlín. Unha man chea de poemas que seguen o xogo que lle dá título e que continúa na dedicatoria “a todos os tolos e tolas de amar”. Poesía con rima na presentación do libro e do autor, poesía xogo que se introduce tamén nas ilustracións e na tipografía, poesía sen sentido na maneira de ler dándolle voltas á páxina ou á cabeza, no absurdo das propostas, no surrealismo que o pasea do dereito e do revés. Un libro que poderíamos chamar toponímico “Camilo é de Muros e tiña un camelo (...)”, “En Baiona hai unha casa sen xanelas (...)”, “Naceu un volátil bebé no Rosal (...)”. Versos en líneas, versos en círculos ou en semicírculo; versos para ler en vertical ou en espiral, do dereito ou do revés, directamente ou en espello, con lupa ou sen anteollos, seguindo curvas imposibles, en forma de caligramas... poemas nos que todas as palabras comezan con f e outros que esperan a que o lector ou a lectora os completen. Para axudar, ademais do espello flexible que acompaña ao libro, unhas notas ao final dan pistas para que ninguén se despiste. As ilustracións acompañan moi ben os textos, moitas veces son elas o texto, outras adoptan os mesmos xogos que os poemas, de aí que non só lemos palabras senón tamén imaxes. Unha moi interesante aposta de Xerais.

8/11/16

Novidades de poesía na Editorial Galaxia




A editorial Galaxia vén de publicar dous libros de poesía para a xente máis moza, imprescindibles na biblioteca escolar e nas seleccións de poesía.

En Versos da tarde laranxa da poeta Ana María Fernández e ilustrado por María Ruíz Castelain, dáse unha ollada lírica pola realidade e todas as súas manifestacións, dende as estacións, ás rúas, dende as propias cores aos sentimentos. Ana María Fernández é unha poeta moi lida nas nosas escolas e achega novos lectores á poesía. Este libro está indicado para lectores autónomos.

Nunca mascotas de Paula Carballeira quere achegarnos o mundo animal do que formamos parte. Destinado ao lectorado xuvenil, xa no primeiro poema anuncia que van ser os protagonistas: Chamádenos animais/ Nunca mascotas, que nos convidan á reflexión: faremos compañía se nos peta.

6/3/20

Poesía... "Porque te quero" de Baldo Ramos

A editorial Galaxia vén de publicar Porque te quero de Baldo Ramos, con ilustracións de Anxo Rodríguez Fariña.
O poeta afirma que se inspirou nas ocorrencias e preguntas que lle facían os seus fillos a medida que ían descubrindo o mundo. Concíbeos como poemas reversibles que se len practicamente igual de esquerda a dereita que de dereita a esquerda, promovendo tamén a lectura como xogo.
Neste mes que celebramos o Día da poesía, temos que apostar pola lectura de poemas nas nosas bibliotecas, nas seleccións de lectura, nas mochilas viaxeiras, nos clubs de lectura... para facermos lectores e lectoras  porque as crianzas non teñen prexuízos e de seguro que quererán seguir lendo poesía.

Velaquí o poema final que nos convida a ler e escribir:

RECEITA PARA ESCRIBIR POEMAS IRRACIONAIS

Le este libro durante
6 días, 6 horas e 66 minutos
Escolle de cada poema unha palabra.
Reméxeas con maña e forza:
a poesía éche o que ten.
Méteas no peto
da túa chaqueta reversible
outros 6 días, 6 horas e 66 minutos.
Nese momento exacto
sentirás que se entenden.
Que teñen vida propia
e que saben convivir.
Entón é o momento
de sacar o poema a pacer.
Compartilo cos que te queren.
escribir é sempre un xeito
de agradecer que nos queiran.

4/12/17

Novidades de poesía


Achegamos tres novos títulos de poesía que poden formar parte do fondo das nosas bibliotecas escolares, das nosas maletas ou mochilas de poesía ou ben formar parte das recomendacións lectoras do Nadal.


O baúl de Domingo Quintas de Xoán Babarro, ilustrado por Estefanía Padullés e publicado en Hércules Edicións. A historia comeza cando o narrador decide abrir o vello baúl do bisavó e atopa unha morea de poemas escritos sobre cortizas de bidueiro. A partir de aí, cada páxina contén un deses poemas, acompañado de cadansúa ilustración.

A pel do mundo de Berta Dávila, ilustrado por Alba Cid e publicado na Colección Árbore, de Galaxia. O poemario está deseñado como unha viaxe a diferentes lugares do planeta. Canda o poema temos unha pequena explicación do lugar que se visita.




Anatomía da lingua (Lingua de amar, lingua de amor) de Antón Cortizas Amado, con ilustracións de Leandro Lamas e publicado pola AS-PG. Na súa presentación editorial di que nos fala en 31 poemas saídos "dun impo tan profundo como a noite", da lingua, da nosa lingua. Como obxecto para amar, como obxecto de amor, como palabra de futuro. Oficios de lingua, paisaxes de lingua, beixos de lingua todo está presente neste poemario.





20/3/19

O 21 de marzo, espallamos poesía

Porque a poesía non traba, enchemos as nosas bibliotecas de poemas. 

Entre as propostas, destacamos "Para facer o retrato dun paxaro" publicado en Kalandraka, porque como dín na presentación editorial "Un lenzo, unha paleta de cores e un pincel bastan para trazar as liñas da gaiola na que se acabe pousando o noso paxaro. Unha espera paciente, que pode ter a súa recompensa se a ave nos agasalla co seu canto."

Para un lectorado xuvenil propoñemos o último premio Jules Verne de literatura xuvenil  2018 Aplicación instantánea de Carlos Negro e publicado por Xerais.
Os diferentes avatares responden á pregunta Que é para ti un poema?. Eis unha das respostas:

Que é para ti un poema?

Unha motoserra do sentido completo.
Un des-corrector ortográfico.
Unha sílaba alucinada.
Un disturbio semántico.
Unha oración atea.
Unha bomba fonética.
Un punto de non retorno.

               
E, por último, recomendamos unha pequena alfaia: Poesía mínima/ Minimal Poetry de Helena Villar Janeiro, publicado en Alvarellos Editora.
Este poemario componse de 50 fotopoemas (en edición trilingüe), cousas sinxelas que constrúen o universo.

8/4/15

Finalistas dos premios da AELG




Será na Gala das Letras, que se celebrará o día 9 de maio no Circulo das Artes de Lugo cando coñezamos os ganadores. Ata daquela, iremos vendo os finalistas das oito modalidades: poesía, narrativa, tradución, teatro, blog literario, literatura infanto-xuvenil e traxectoria xornalística.
Blog literario
Versos e aloumiños, de Antonio García Teijeiro e Antón García Fernández 
Ensaio
Literatura Infanto-Xuvenil
Xornalismo Cultural
Narrativa
Poesía
Teatro
Tradución
- A Divina Comedia, de Dante Alighieri, en tradución de Darío Xohán Cabana (Edicións da Curuxa)
Jude o escuro, de Thomas Hardy, en tradución de María Fe González (Editorial Hugin e Munin)
Tempo de exilio, de Joseba Sarrionandia, en tradución de Isaac Xubín (Faktoría K de Libros)
Un matrimonio provinciano, da Marquesa Colombi, en tradución de Isabel Soto (Editorial Hugin e Munin) 
Que a sorte acompañe ás mellores obras e aos mellores autores e autoras. Estámola necesitando!


23/7/14

Libros de teatro e poesía. Teatro e poesía infantil.









 






  
 
O teatro é un xénero en desvantaxe e o teatro infantil está na marxinalidade da marxinalidade. Aínda así, conta co apoio decidido da Fundación Neira Vilas que continúa a convocar o seu premio Estornela para textos teatrais que está a publicar a editorial ferrolán Embora, seguindo a estela que comezara edicións do Castro na época -sempre lembrada- de Isaac Díaz Pardo.
Embora publica a obra premiada, e moitas veces tamén as finalistas (ou que obteñen unha mención especial do xurado). Así está a ser, tamén, cos premios Arume de poesía, convocados pola mesma fundación e dos que acaba de ser publicada a obra Versos e bicos ou O libro dos bicos de Xosé Luna.
Á última das pezas distinguidas co Premio Estornela, Arlequino Viceversa, é unha obra de Diana Varela Puñal que "dispón toda a loxística escénica de xeito tal que resulta doada a súa adaptación ás táboas sen necesidade de grandes esforzos". E tamén, "ofrece unha lectura en valores, con marcado acento para cuestións como a defensa das tradicións propias, a convivencia interxeracional, a esperanza e a ilusión por vivir, a capacidade para soñar e emocionarse e a importancia da solidariedade a a amizade", en palabras da crítica.

17/2/17

2017: CENTENARIO DE GLORIA FUERTES


Neste ano 2017 conmemórase o centenario do nacemento de Gloria Fuertes (1917-1998).

A escritora madrileña destacou pola súa produción poética infantil e xuvenil, sendo menos coñecida a súa poesía para adultos.
En torno á sua persoa e obra vanse desenvolver múltiples actividades como nos informan desde o Observatorio del libro y la lectura. Podemos consultar tamén a páxina da Fundación Gloria Fuertes ou do Instituto Cervantes para achegarnos á biografía e á obra da poeta.
As bibliotecas escolares galegas non deberiamos pasar por alto esta efeméride xa que Gloria Fuertes achega unha mirada pedagóxica e feminista á literatura. Podemos celebralo a través de exposicións, na conmemoración do Día da Poesía ou do Libro...lendo a súa poesía.

Non atopamos moitos recursos en galego en torno á poeta, porén a editorial Hercules de Ediciones ten publicada unha biografía na súa colección As amizades de Hércules, titulada Hércules pasea con Gloria Fuertes.