A lingua apréndese non para falar, ler ou escribir sobre a lingua, senón para falar, ler e escribir sobre emocións, afectos e aventuras, sobre o mundo, como medio das relacións interpersoais e recoñecemento da alteridade, motor do noso pensamento e das nosas reflexións, e porta de acceso ao coñecemento. Neste marco, a formación lingüística no contexto escolar é un instrumento para a equidade, xa que debe facilitar os medios necesarios para comunicar no ámbito educativo e na vida profesional e social, nomeadamente en contextos formais e educativos, ademais de sensibilizar cara a usos creativos e lúdicos das linguas, e achegar ao patrimonio literario e cultural que estas propician.