A xestión eficiente da masa forestal desempeña un papel esencial na prevención de incendios, mellora a sustentabilidade ambiental e permite un aproveitamento óptimo da madeira, promovendo un equilibrio entre a conservación e a utilización sostible dos recursos forestais.

Este reto consiste en deseñar un dispositivo para a súa instalación en zonas forestais, coa capacidade de transmitir datos en tempo real sobre humidade ambiental, temperatura e velocidade do vento, factores esenciais para avaliar o risco de incendio na zona. Ademais, este sistema debe ofrecer a funcionalidade de monitorizar e rexistrar o crecemento dun ou varias árbores próximas. É esencial que este dispositivo teña un custo reducido, permitindo a implementación de múltiples unidades nunha área determinada, co obxectivo de fortalecer a xestión forestal e a prevención de incendios de maneira efectiva.


Tanto nos centros para persoas maiores como nos domicilios nos que se coida a persoas maiores existe unha preocupación constante polas caídas e as deambulacións ou localizacións errantes. Esta preocupación encádrase ademais nun contexto de redución das contencións nas persoas maiores para preservar o seu benestar. No mercado hai solucións tecnolóxicas pero, ás veces son complexas e, noutras, teñen un excesivo control sobre a persoa, limitando o seu dereito a decidir en cada momento.

O reto consiste en deseñar e desenvolver solucións tecnolóxicas para prestar apoio ao coidado das persoas maiores en casos de caídas ou deambulacións que sexan, minimamente invasivas, adaptables ás necesidades de cada persoa e nas que a última esta poida ter un papel activo. Para iso, considérase necesario que xunto á visión tecnolóxica as propostas se realicen desde a perspectiva social e sanitaria.


Os consumos non facturados que xorden na distribución de enerxía eléctrica, ademais dos posibles riscos para as persoas, supoñen un importante problema económico e medioambiental.

O reto consiste na creación de novas ferramentas que posibiliten a detección de perdas de enerxía eléctrica co propósito de garantir que toda a enerxía consumida sexa adecuadamente facturada, contribuíndo así á diminución das perdas non técnicas. A información proporcionada polos contadores intelixentes, instalados en practicamente o 100 % dos puntos de subministración, posibilita o desenvolvemento de ferramentas de Big Data para estimar que puntos son propensos a sufrir perdas.