UNIDADE 2: A MÚSICA E OUTRAS ARTES

Nesta unidade veremos a relación entre a música e outras artes como a literatura, o cine ou a danza.

A Música e outras artes escénicas

Ópera e Zarzuela

A ópera é un xénero dramático no que a historia se canta na súa maior parte. Para a súa elaboración precísase dun compositor/a así coma dun escritor/a, que recolle a historia no libreto, polo que se chama tamén libretista. L'Orfeo (1607) de Claudio Monteverdi, está considerada coma a primeira ópera da historia.

ópera

Para a súa representación precísase de cantantes para interpretar os personaxes e dunha orquestra, así coma todo o persoal necesario para calquera produción escénica, liderado polo director/a de escena.

Adoita comezar por unha abertura e estrutúrase en arias, recitativos, coros, dúos, tríos, cuartetos, fragmentos orquestrais...

Vexamos unha escena operística, O ouro do Rin de Richard Wagner


Hai quen di que Tolkien se inspirou nesta ópera para crear o seu famoso libro O señor dos aneis.

Existen unhas variantes con similitudes á ópera pero nas que a temática é -a maioría das veces- relixiosa, son os Oratorios. Porén hai unha diferenza notable entre ambos ademais da temática, os Oratorios non se representan.

A zarzuela é unha forma de música teatral xurdida en diversos territorios de España con partes instrumentais, partes vocais (sós, dúos, coros...) e partes faladas. Unha zarzuela moi famosa é La verbena de la paloma:


O seu nome procede do Palacio da Zarzuela, nome do pavillón de caza próximo a Madrid onde se achaba o teatro que albergou as primeiras representacións do xénero e que hoxe é residencia dos monarcas españois.

Teatro da Zarzuela

Teatro da Zarzuela

Fontes: Wikipedia e Wikimedia commons