Un cambio necesario

É incuestionable que os avances tecnolóxicos experimentados nas últimas décadas son moitos e vertixinosos; que na sociedade do coñecemento que nos tocou vivir, a información que xeramos e á que podemos acceder é case inimaxinable e aumenta exponencialmente; que as destrezas dixitais e creativas con linguaxe multimedia dos nosos rapaces e adolescentes son xa practicamente innatas...Se cadra cegados pola novidade, o noso interese e preocupación centrouse case exclusivamente no elemento tecnolóxico: tiñamos que dominar canta ferramenta informática nova aparecese, empregar o último aparato electrónico do mercado, crear un perfil na rede social de moda e compartir os nosos gustos, opinións... É así como as TIC, as Tecnoloxías da Información e da Comunicación, pasaron a ocupar un papel protagonista. No ámbito educativo, as aulas comezaron a encherse de dispositivos tecnolóxicos: portátiles, taboleiros dixitais, tabletas, módems, servidores...




Integrar dun xeito racional toda esa tecnoloxía para poñela ao servizo do proceso de ensino-aprendizaxe, entendéndoa como un elemento máis pero non o fundamental, e combinándoa con metodoloxías máis activas e participativas por parte do alumnado, é o sentido último das TAC, das Tecnoloxías da Aprendizaxe e do Coñecemento.Se combinamos o enorme potencial da tecnoloxía coa destreza e competencia dixital do alumnado conseguiremos unha aprendizaxe máis rica e signifcativa; as TIC son unicamente a ferramenta que facilita a creación do coñecemento, un coñecemento máis profundo en canto que é construído polo propio alumnado. O importante non é a tecnoloxía en si, senón o uso que fagamos dela. Alumnado e metodoloxía, e non o elemento tecnolóxico, deben ser os verdadeiros protagonistas de todo o proceso de aprendizaxe.

obradoiros

8 obradoiros simultáneos de diversas temáticas liderados por profesorado de infantil e primaria.

participantes

240 docentes de toda Galicia aprendendo a facer, facendo para aprender.

tecnoloxía

Robótica, impresión 3D, aprendizaxe móbil, realidade aumentada…

metodoloxía

ABP, CBL, aprendizaxe móbil, ludificación, aprendizaxe por desafíos…