Glosario da Unidade 7


Explorar o glosario usando este índice

Especial | A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | Ñ | O | P | Q | R | S | T | U | V | W | X | Y | Z | TODAS

Páxina:  1  2  3  (Seguinte)
  TODAS

C

Cuarta onda feminista

 Momento histórico na loita dos dereitos das mulleres que comeza na segunda década do século XXI. Xurde da man do movemento #MeToo, que denuncia o acoso e a violencia cara ás mulleres.

 


D

Declaración Universal dos Dereitos Humanos

Documento asinado polos países da Organización de Nacións Unidas, en que se recollen os principios e dereitos individuais e colectivos das democracias: dereito á saúde, á educación, á integridade física e moral, principio de non discriminación por razón de sexo, raza, relixión etc.


Dereitos civís e políticos

Dereitos que amparan a participación das persoas na xestión das sociedades democráticas, como por exemplo:

  • liberdade de expresión,
  • liberdade de relixión,
  • protección da intimidade,
  • dereito a votar en eleccións libres (sufraxio activo),
  • dereito a ser elixido para desempeñar cargos políticos (sufraxio pasivo).

Dereitos humanos

Son os dereitos que toda persoa posúe en virtude da súa natureza humana, por exemplo:

  • dereito á non discriminación por razón de sexo, raza, relixión, orientación sexual, etc.
  • dereito a un xuízo xusto.
  • dereito á saúde.
  • dereito á educación.
  • dereito a un traballo digno.

E

Ecofeminismo

É unha corrente do feminismo que trata de acompasar a loita polos dereitos das mulleres coa preservación da natureza e o pacifismo.


F

Feminazi

Termo pexorativo que equipara o feminismo co nazismo. Emprégano decote colectivos antifeministas para trasladar a falsa de idea de que o feminismo é un movemento violento, que pretende a superioridade das mulleres sobre os varóns.

 


Feminismo liberal

Corrente dentro da teoría feminista cuxa figura máis representativa é Betty Friedan. Baséase na idea de que a desigualdade entre homes e mulleres débese á dicotomía entre espazo público e espazo privado, sendo este reservado ás mulleres. Avoga por conseguir a igualdade a través dunha reforma legal e política.

 


Feminismo materialista

Corrente dentro da teoría feminista tamén coñecida como feminismo marxista. Considera que as mulleres son unha clase social máis - de sexo- creada polo patriarcado: o patriarcado emprega ás mulleres como bens de produción ao servizo do capitalismo. Avogan por erradicar o capitalismo, sistema que oprime e explota ás mulleres, e instaurar o socialismo.

 


Feminismo racial

Corrente dentro da teoría feminista que ten como máxima representante a Angela Davis. Afirma que a opresión de clase, de xénero e a racial están unidas e producen unha triple discriminacións: como muller, pobre e negra. O feminismo ha de ser interseccional e atender ademais á desigualdade por razón de raza, etnia, relixión...

 


Feminismo radical

 Corrente dentro da teoría feminista cuxa principal representante é Kate Millet. Chámase feminismo radical porque se propón buscar a raíz - a orixe última- da situación de opresión que viven as mulleres en todo o mundo. Sostén que a desigualdade é algo estrutural, que comeza no ámbito privado e esténdese ao público. Introduce termos fundamentais como patriarcado e xénero.

 


H

Hembrismo

Termo pexorativo que equipara o feminismo co machismo. Emprégano decote colectivos antifeministas para trasladar a falsa de idea de que o feminismo é o contrario do machismo, é dicir, a supremacía das mulleres sobre os homes. 


I

Igualdade formal

Tamén coñecida como igualdade formal. É a presenza da igualdade entre homes e mulleres na normativa, o que non asegura a igualdade real.


Igualdade real

Realización na práctica do principio de igualdade entre homes e mulleres.


Interseccionalidade

 Enfoque que entende que todas as identidades sociais - xénero, etnia, clase...- son construídas e están interrelacionadas. Polo tanto, á hora de analizar a discriminación ou opresión á que está sometida unha persoa habería que analizalas todas elas.

 


M

Machismo

Conxunto de ideas e comportamentos que sosteñen que os homes son superiores ás mulleres. O machismo é típico das sociedades patriarcais.

 


Misoxinia

Desprezo e odio cara as mulleres, no que se xustifican as actitudes machistas. 


P

Patriarcado

 É unha forma de organización social na que os homes ostentan o poder político, social, económico, relixioso...

 


Precursoras do feminismo

Etiqueta que agrupa ás persoas que expresaron opinións positivas cara as mulleres antes da Revolución Francesa, cando se inicia a primeira onda feminista. Fundamentalmente referíanse a aspectos como a capacidade intelectual das mulleres e a necesidade de proporcionarlles unha educación de calidade.

Entre as mulleres precursoras do feminismo merece citarse a Safo de Lesbos ou Cristina de Pizán. Entre os homes, aos sacerdotes François Poullain de la Barre ou Benito Feijóo.

 


Primeira onda feminista

Etiqueta que agrupa ás persoas que cara a mediados do século XIX e ata despois da I Guerra Mundial, se agruparon para defender o dereito das mulleres a exercer o voto. Foron popularmente coñecidas como sufragistas.

 


R

Roles de xénero

As características que a sociedade nos asigna en función de se somos mulleres ou homes.

O rol asignado tradicionalmente ás mulleres na nosa sociedade é o de coidadora, mentres que o rol dos homes é o de "cabeza de familia".


S

Segunda onda feminista

 Etiqueta que agrupa ás persoas que, trala II Guerra Mundial, influídas pola lectura de O segundo sexo de Simone de Beauvoir en 1949, agrúpanse para defender os dereitos das mulleres.

 


Sociedade occidental

 O conxunto de estados de Europa, en especial os de Europa occidental

 


Sufraxio

Dereito a votar nunhas eleccións democráticas.
Se se entende como o dereito a ser escollido en eleccións para un cargo público, fálase de sufraxio pasivo.



Sufraxio universal

Cando todas as persoas maiores de idade teñen dereito a votar nunhas eleccións libres para escolleren os cargos políticos.
Se só poden votar os homes maiores de idade, falamos de sufraxio universal masculino.


T

Terceira onda feminista

Etiqueta que agrupa a todas as persoas que a partir dos anos 60 e 70 do século XX defenden os dereitos das mulleres a través de dúas correntes principais: o feminismo liberal e o feminismo radical.


Transfeminismo

 Corrente do feminismo que afirma que o xénero é unha contrución social que é empregado como un elemento de opresion polo patriarcado. Defenden a idea de que a discriminación non afecta só ás mulleres cisxénero.

 



Páxina:  1  2  3  (Seguinte)
  TODAS