Glosario da Unidade 4


Glosario da unidade

Explorar o glosario usando este índice

Especial | A | B | C | D | E | F | G | H | I | J | K | L | M | N | Ñ | O | P | Q | R | S | T | U | V | W | X | Y | Z | TODAS

Páxina:  1  2  (Seguinte)
  TODAS

A

Afecto

É un sentimento durareiro que experimentamos cara a unha persoa, animal ou obxecto no contexto dunha relación.


Axente socializador

A socialización é o proceso polo cal os seres humanos constrúen a súa personalidade (gustos, sentimentos, condutas...). Os axentes socializadores son as persoas e grupos que determinan a socialización: a familia, a escola, as amizades...


B

Bos tratos

Son un conxunto de prácticas e comportamentos baseados en valores de repecto, tolerancia, comprensión... cara a un mesmo/a e aos demais.


C

Conflito

Enténdese como unha diferencia de intereses entre dúas ou máis persoas, que de non resolverse satisfactoriamente pode desencadear nun enfrontamento.


D

Dominación sexual

É unha situación mediante a cal unha persoa ou grupo de persoas utiliza ameazas, coaccións, a persuasión ou incluso a forza física para impoñer as súas ideas, gustos ou regras no ámbito sexual.


E

Emoción

Sentimento moi intenso e de curta duración que se produce como resposta a unha situación, unha idea, un recordo... Considéranse emocións básicas as seguintes: tristeza, felicidade, medo, asco, sorpresa e ira.


Empatía

É a capacidade de poñerse no lugar doutra persoa e ser quen de comprender as súas emocións ou sentimentos.


Escoita activa

É unha habilidade que implica escoitar ao noso interlocutor con conciencia plena, centrándonos na mensaxe que nos transmite e facéndolle ver que entendemos o que nos explica.


Estilo asertivo

É un estilo de comunicación que consiste en expresar unha petición, queixa, opinión... de xeito claro e concreto pero ao mesmo tempo sen resultar agresiva/o ou ameazante. Implica unha serie de habilidades como o control emocional e o manexo da comunicación non verbal.


N

Negociación

É un proceso no que dúas ou máis persoas con diferentes intereses intercambian información e adoptan compromisos co fin de chegar a un acordo que satisfaga a todas as partes.


Novos modelos de familia

A familia tradicional na sociedade occidental é a nuclear, composta polo pai, a nai e as/os fillas/os. Este tipo de familia é fortemente patriarcal. Polo xeral o xefe da familia é o pai, de quen dependen o resto das/dos membros da familia.

Os novos modelos de familia comezan a gañar forza desde os anos oitenta. Entre eles, os máis destacábeis son:

  • Familia reconstituída, composta por persoas adultas e fillas/fillos de anteriores relacións.
  • Familia monoparental, composta polo pai ou a nai e as/os fillas/os.
  • Familia homoparental, composta por adultas/os do mesmo sexo e as/os fillas/os.

P

Patriarcado

É unha forma de organización social na que os homes ostentan o poder político, social, económico, relixioso...


R

Relación tóxica

É unha relación laboral, amorosa ou de amizade na que ambos membros ou un deles sofren máis do que desfrutan polo feito de estaren xuntos.


Resolución pacífica de conflitos

É a práctica que permite resolver unha difereza de interses de xeito non violento. Na resolución pacífica de conflitos xogan un papael moi importante habilidades como a escoita activa, a empatía e a asertividade.


Roles afectivos de xénero

Enténdense como a forma desigual de expresar os afectos que adoptan mulleres en homes dentro da parella patriarcal tradicional e que ven determinado pola sociedade e a cultura na que vivimos. O rol afectivo asignado tradicionalmete ás mulleres na nosa sociedade pasa por ser coidadora, cariñosa, temperamental...dentro da parella, mentres que o rol dos homes é o de forte, seguro de si mesmo, frío...


Roles de xénero

Enténdense como o papel que debemos cumprir na sociedade polo feito de ser mulleres ou homes e polo tanto ter asignadas unhas características concretas (estereotipos) en función do noso xénero.

O rol asignado tradicionalmete ás mulleres na nosa sociedade é o de coidadora, mentres que o rol dos homes é o de "cabeza de familia".



Páxina:  1  2  (Seguinte)
  TODAS