Tema 9. As civilizacións urbanas. Mesopotamia e Exipto.

Apuntamentos do tema 9.

2. Os cambios das primeiras civilizacións.


Tanto as civilizacións mesopotámicas como a exipcia teñen en común unha serie de factores que supoñen unha novidade con respecto ás formas de vida anteriores:

· Cambios socioeconómicos: O aumento da produción agrícola deu lugar á aparición de excedentes, polo que xurdiron novos oficios (alfareiros, ourives) e, en consecuencia, novos grupos sociais. Por outra banda, os excedentes agrarios favoreceron o comercio e o establecemento de sistemas de transporte.

Parellamente, estas civilizacións contaron cunha abundante man de obra escrava, de tal xeito que tamén se coñecen como sociedades escravistas.

· Cambios políticos: Os poboados convertéronse gradualmente en cidades que precisaban novas formas de administración, co que se configurou unha estrutura de goberno de carácter teocrático, na que o rei/faraón era identificado coa divinidade e na que os sacerdotes detentaban os cargos de poder.

Para o funcionamento deste sistema administrativo foi preciso contar cunha forza militar e cun corpo de traballadores do Estado, así como cun sistema impositivo que posibilitase facer fronte aos grandes gastos destas estruturas administrativas.

· Cambios culturais: En parte polas necesidades administrativas destas civilizacións, xorde neste período a escritura (en Mesopotamia, a finais do IV milenio a. C.), un dos feitos máis revolucionarios da historia. Ademais de satisfacer as necesidades contables dos Estados, a escritura serviu para o desenvolvemento da cultura e da ciencia, e deu lugar á aparición das primeiras bibliotecas.







escritura cuneiforme