Tema 2: As formas da Terra: Relevo e hidrografía

Apuntamentos do tema 2:As formas da Terra: Relevo e hidrografía

5. Outro vocabulario de accidentes xeográficos

Vocabulario do río

  • Outras formas de relevo que non aparecen nos gráficos.

Canón: Paso estreito e profundo entre dúas montañas, por onde soe correr os ríos. (Por exemplo, os canóns do Sil ou o famoso Gran Canón do Colorado)

Duna: Monte de area formado pola acción do vento nos desertos e nas praias. (Por exemplo as dunas de Corrubedo).

Estreito: Paso comprendido entre dúas terras e polo cal un mar se comunica con outro.

Lago: Masa de auga doce rodeada de terra e non comunicada directamente co mar; se é pequena dise lagoa.

Marisma: Terreo inundado pola auga do mar, que se forma cerca da desembocadura dun río.


Curso: Percorrido dun río desde o seu nacemento ata a súa desembocadura.

Caudal: Cantidade de auga dunha corrente de auga.

Estiaxe: Nivel máis baixo do caudal dun río ou dunha corrente de auga

Torrente: Curso de auga en forte pendente, de corrente rápida e caudal variable.

Ría: Entrada do mar no val que forma un río na súa desembocadura. As súas augas gardan unha importante riqueza pesqueira xa que se mesturan a auga doce coa salgada.

Encoro: Acumulación da auga dun río mediante a construción dunha presa co fin de utilizalas para o regadío, o abastecemento de auga ás vilas, ou para a produción de enerxía eléctrica.

Glaciar: Masa de xeo que cobre perpetuamente unha superficie máis ou menos grande da superficie terrestre. Deslízase moi lentamente, como se fose un río de xeo.

Fiorde: Val inundado formado pola entrada do mar no último tramo dun val glaciar. Son típicos da península Escandinava.