Tema 2: As formas da Terra: Relevo e hidrografía

Apuntamentos do tema 2:As formas da Terra: Relevo e hidrografía

3. A formación do relevo

3.1. Axentes internos

Son os que se producen no interior da Terra, onde o magma provoca que as placas tectónicas se movan lentamente provocando a formación do relevo:

  • Relevo encartado ou pregamentos son ondulacións da superficie terrestre orixinadas pola forza dos movementos tectónicos sobre rocas brandas.

  • Relevo fallado ou fallas son fracturas da superficie terrestre orixinadas pola forza dos movementos tectónicos sobre rocas duras. Ao romper o chan, os bloques resultantes desprázanse e forman un relevo de desniveis.

Pregamento
Falla

O desprazamento das placas tectónicas pode orixinar:

  • Terremotos, provocados polo choque de placas que xeran unha vibración ou tremor en todas direccións en forma de ondas sísmicas. Onde se orixina o terremoto chámase hipocentro, e o lugar da superficie terrestre máis próximo ao hipocentro denomínase epicentro. Cando o epicentro se atopa no fondo do mar prodúcense grandes ondas, que nalgunhas ocasións alcanzan gran altura e chámanse maremotos ou tsunamis.

Esquema dun terremoto
  • Volcáns. Son aberturas na superficie terrestre a través das cales se expulsa materia incandescente, gases e cinzas procedentes do magma do interior da Terra. O magma sobe a través da cheminea até o cráter e de aí ao exterior. En función da súa actividade os volcáns poden atoparse en tres estados: activos (manifestan actividade volcánica), en repouso (sen actividade, pero con posibilidade de espertarse), e extinguidos (xa non poden volver ter actividade volcánica).

Estrutura dun volcán