4. Os usuarios do sistema

  Os usuarios do sistema


Despois de instalar a Maqueta Abalar Libre en calquera ordenador, podemos comprobar que o equipo arranca por defecto e de xeito automático cun usuario con permisos limitados denominado "usuario" con contrasinal "usuario". 

Este usuario por defecto chamado "usuario" pode traballar perfectamente coas aplicacións instaladas pero non pode instalar novo software no equipo ou realizar cambios importantes na configuración do sistema operativo. 

Para realizar modificacións esenciais no sistema, existe un usuario administrador "root" do que falaremos a continuación.

Este superusuario (administrador) chamado "root" ten como contrasinal "toor". Así pois, calquera actuación que supoña modificacións do sistema como instalación de novo software ou actualización ou eliminación do existente, requirirá ter permisos de superusuario e deberase realizar identificándose no equipo como "root". En moitas ocasións, para realizar tarefas como superusuario en GNU/Linux será preciso abrir un terminal e traballar en modo texto escribindo directamente os comandos a executar. Noutros casos existen ferramentas gráficas que simplificarán o traballo pero que realmente na práctica executan os mesmos comandos en modo texto de forma transparente para o usuario.

      

Identificarse como usuario root do sistema

      

Menú  "Aplicacións --> Emulador de terminal" 

Abrirase unha consola de terminal que devolve a información do sistema e permite introducir comandos. É moi relevante observar a última liña, na que se sitúa o cursor para poder introducir comandos: 

   

 usuario@abalar11:~$ 

   


   

O texto á esquerda da arroba "@" indica o usuario que iniciou sesión no equipo. Neste caso, como xa indicamos anteriormente, o equipo arranca automaticamente co usuario "usuario". 


O texto á dereita da arroba "@" e ata ":" indica o nome da máquina (hostname), é dicir, o nome do equipo, que neste caso é "abalar11". 


O símbolo "~" denominado vírgula indica o cartafol persoal do usuario activo (usuario "usuario"). Este é o único cartafol onde o usuario "usuario" pode crear, actualizar ou eliminar a súa información de carácter persoal. Na práctica correspóndese coa ruta "/home/usuario


O carácter $ indica que o usuario activo é un usuario normal (usuario co nome "usuario"), sen permisos de administración. 


  
Para iniciar unha sesión como usuario administrador, escribiremos o comando "su -": 

   

usuario@abalar7:~$ su -

   

su

   

Despois de premer a tecla "ENTER", o sistema pedirá o contrasinal (password) de administrador: toor

Por razóns de seguridade o sistema non amosa a introdución dos caracteres do contrasinal, é dicir, aparentemente da a impresión de que o teclado non funciona e non está introducindo ningún caracter.

Tras escribir o contrasinal e premer "ENTER" de novo, a liña de comandos (tamén denominada "prompt") convírtese en: 

root@abalar11:~# 

   

root

   

Nota: Fixarse que á esquerda da arroba (@) amósase o nome do usuario activo no terminal, que agora é "root". 

A destacar que: 

  • Antes, co usuario por defecto: a liña de comandos para o usuario "usuario" con permisos estandar remataba en "$".
  • Agora, con permisos de root: a liña de comandos para o usuario "root" con permisos de administración remata en "#". 

   

IMPORTANTE: A partir deste momento calquera comando que executemos pode modificar de xeito significativo o sistema. 

Para pechar a consola de root e volver a ser o usuario sen permisos de administración (usuario "usuario") escribiremos o comando "exit"

   

root@abalar11:~#exit

   

exit

    

    

Cambiar o contrasinal do usuario root

     

Dado que a Maqueta Abalar Libre distribúese sempre coa mesma clave de "root" (toor), e que resulta habitual que se instale en equipos de uso compartido por varios profesores, pode resultar de interese por razóns de seguridade cambiar o contrasinal do usuario administrador. 

Menú "Aplicacións --> Emulador de terminal"  

Abrirase unha ventá onde poderemos escribir comandos do sistema operativo.

Identificámonos como root e escribimos: 

 passwd 

O sistema solicitará a introdución do novo contrasinal que haberá que escribir por duplicado. 

Por seguridade, o sistema non amosa a introdución de caracteres. 

    

new password

     

         

Xestionar os usuarios en modo gráfico

Tamén podemos xestionar os usuarios do sistema en modo gráfico, desde a seguinte pantalla:

  Aplicacións --> Sistema --> Usuarios e grupos 

   

usuarios



       

  Maqueta Abalar Libre      

Última modificación: Xoves, 11 de Abril de 2024, 09:26