8.1. Que son e para que serven as insignias (distincións)

  Que son e para que serven as insignias (distincións)

EDIXGAL

Importante Resulta moi importante coñecer e entender o funcionamento das "distincións" antes de usalas cos nosos alumnos, de maneira que poidamos utilizalas cun criterio estritamente pedagóxico e sempre enfocado a apoiar ou potenciar a nosa acción educativa e formativa.

Que son as distincións

As distincións son premios ou medallas dixitais que lles podemos conceder ao noso alumnado cando cumpre unha serie de requisitos, condicións ou metas relacionadas coa súa actividade e progreso na materia.

Poden utilizarse como elementos motivadores cara ao alumnado e como recoñecemento ao seu traballo e os logros acadados por cada estudante en particular na materia.

Debemos enmarcar o uso das distincións dentro das metodoloxías de aprendizaxe coñecidas como GAMIFICACIÓN, que buscan a implicación do alumnado no seu propio aprendizaxe utilizando estratexias similares ás que se poñen en práctica nos xogos.

Desde un punto de vista estético as distincións móstranse como representacións gráficas, xeralmente atractivas, que xustifican que un ou varios dos nosos estudantes acadaron satisfactoriamente unha serie de obxectivos dentro da materia.

En resumo, podemos utilizar as insignias dixitais (distincións) para recoñecer dun modo visual determinadas competencias, coñecementos ou logros acadados polos noso alumnado.

Unicamente a modo de exemplo, indicamos a continuación algúns posibles usos das distincións.

Por logros académicos:

  • Distinción polo esforzo
  • Distinción por realización de tarefas optativas
  • Distinción por entrega de tarefas no prazo establecido
  • Distinción por realización de traballos adicionais non solicitados
  • Distinción por colaboración en traballos de grupo
  • ... etc

Por actitude e comportamento:

  • Distinción por respecto aos dereitos dos outros
  • Distinción por compañeirismo
  • Distinción por trato correcto e respectuoso
  • Distinción por empatía 
  • ... etc

Os exemplos anteriores deben entenderse unicamente como posibles exemplos de utilización das distincións, pero en ningún caso deben entenderse como a única opción posible do seu uso.

 

Onde se mostran as distincións

As distincións móstranse no perfil de cada usuario, a medida que o(s) profesore(s) van concedendo estas distincións a cada un dos seus alumnos/as ou, tamén de forma automática, cada vez que o alumno acada unha determinada meta configurada na plataforma EVA.

 

Insignias concedidas ao alumnado, que aparecen no seu perfil.

 

 



EDIXGAL
Última modificación: Sábado, 9 de Setembro de 2023, 15:26