2. Os repositorios

  Os repositorios


En liñas xerais, os usuarios de Windows anteriores á versión 10 cando necesitan instalar novo software no seu sistema teñen que acceder co navegador a Internet, localizar o programa que precisan, descargalo e unha vez descargado executar un arquivo .exe para proceder á súa instalación. Trátase dun procedemento relativamente simple, pero con graves inconvenientes asociados, como por exemplo a frecuente instalación de software adicional intrusivo que pode supoñer a ralentización do equipo.

Para a descarga de software en Linux existe unha alternativa moi segura e eficiente, que elimina os problemas descritos con anterioridade: os repositorios.

A grandes rasgos, un repositorio é un servidor en internet onde se atopan os programas específicos para unha determinada distribución dun sistema operativo Linux. (Así pois, cada distribución Linux ten a súa propia lista de repositorios).
A vantaxe radica en que os programas que se atopan nestes repositorios están verificados polos programadores encargados do desenvolvemento e administración da distribución polo que poderemos instalar estes programas con total confianza.

Ademais,  se algún software instalado mediante este método é actualizado nos repositorios seremos automaticamente avisados da actualización dispoñible.

Por outra banda, as compañías que xeran os programas tamén teñen os seus propios repositorios polo que é posible agregalos á nosa lista e así facilitarnos a descarga directa dos seus servidores, evitando deste xeito a tarefa de buscalos e descargalos de páxinas onde xeralmente veñen acompañados de malware e/ou spyware.

O listado dos repositorios activos no noso sistema atópase na ruta:  /etc/apt/sources.list


      

  Maqueta Abalar Libre      

Última modificación: Mércores, 30 de Xuño de 2021, 12:15