4.3. Restaurar / clonar un equipo EDIXGAL

EDIXGAL

 Restaurar/clonar un equipo EDIXGAL


En que consiste a clonación?

Consiste en gravar una imaxe ou maqueta sobre o disco duro completo dun equipo EDIXGAL (Abalar) en poucos minutos e de xeito sinxelo. Desta maneira o equipo queda configurado tal e como se elaborou a imaxe ou maqueta orixinal. Con este procedemento bórranse todos os documentos, ficheiros, e cartafoles dos usuarios.

Este procedemento utilízase principalmente nos seguintes casos:

  • Para o despregue dunha nova versión completa da maqueta nos equipos EDIXGAL (Abalar)
  • Para recuperar o estado inicial dun equipo EDIXGAL (Abalar) que deixou de funcionar correctamente por modificacións na súa configuración ou pola perda ou corrupción de ficheiros.

   

Cal é o procedemento de clonación (restauración)?

Para clonar un equipo, en primeiro lugar debemos situarnos con ese equipo no armario rack principal onde está situado o switch principal e localizaremos o cable de cor amarela que deberá estar conectado ao porto nº 7 do propio switch.

Normalmente os portos dos switchs están numerados por pares verticais, polo que a numeración dos portos será similar á que se mostra no seguinte esquema:

  

1 3 5 7 9 11 13 15 17 19 21 23
2 4 6 8 10 12 14 16 18 20 22 24

   

Podemos comprobar que o cable de cor amarela está conectado por un extremo ao porto nº 7 do switch e o outro extremo do cable está libre, sen conexión a ningún sitio.

   

Cable de clonación

    

No seguinte exemplo imos realizar a clonación (restauración) dun equipo de alumnado. Co equipo apagado conectaremos o extremo libre do cable amarelo ao conector de rede do propio equipo que está situado no lateral dereito.

   

Cable clonación equipo alumno

     

Arrancamos o equipo e durante este arranque pulsamos a tecla F12 (en repetidas ocasións) para forzar o inicio por rede e provocar que o equipo mostre o seguinte menú de arranque:

  

 Utilizando as teclas de cursor seleccionamos a opción de CLONACIÓN da versión que desexamos clonar no equipo.   

   

Clonación de equipos

 

O proceso de restauración é totalmente automatizado e desatendido, polo que só teremos que agardar a que remate. Cando a pantalla mostre o aviso de finalización pulsaremos o botón de aceptar (OK), desconectamos o cable amarelo e xa podemos iniciar normalmente o equipo. 

   


EDIXGAL
Última modificación: Xoves, 21 de Setembro de 2023, 11:23