O conselleiro de Cultura e Educación salienta o valor do traballo do profesorado de Tecnoloxía para pór de manifesto as dotes innovadoras do alumnado galego [1]
Xesús Vázquez Abad participou hoxe na inauguración das XII Xornadas de Tecnoloxía
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, salientou hoxe o valor do traballo do profesorado da materia de tecnoloxía para pór de manifesto as dotes innovadoras do alumnado galego. Durante a súa participación na inauguración das XII Xornadas de Tecnoloxía, organizadas pola Asociación do Profesorado de Tecnoloxía en Galicia (APETEGA) no IES a Guía (Vigo), o conselleiro sinalou ademais a necesidade de artellar proxectos colectivos para acadar o obxectivo de que Galicia participe nun desenvolvemento tecnolóxico de calidade, propio e baseado no intercambio en igualdade co exterior.
Neste sentido, e referíndose a presenza como conferenciante inaugural de Javier Méndez Zunzunegui, sinalou que o sistema educativo galego xa conta cunha boa base, como demostra a presenza de dúas alumnas do CPI Plurilingüe de Os Dices (Rois) na fase final do certame ‘YouTube Space Lab’, unha competición internacional convocado pola Axencia Espacial Europea (ESA), a NASA e a Axencia de Exploración Espacial de Xapón (JAXA), cun proxecto do que Zunzunegui foi supervisor. Así mesmo, este docente asesorou neste mesmo centro de Rois o proxecto desenvolvido por alumnado de 3º de ESO, que deseñou un robot TRT de trasporte para desprazar mercancías, e que con este traballo - que se presenta nas xornadas- acaban de quedar finalistas do concurso europeo de robótica que organiza a Axencia Espacial Europea.
O conselleiro felicitou aos organizadores e participantes polo seu interese e traballo “en prol da sociedade do futuro”, e desexou o maior dos éxitos para estas xornadas, que expresan “o devezo de renovar a gran rede que sementa a tecnoloxía no ensino galego, a apertura a enriquecer as perspectivas e a compartir as descubertas ou as vías de transformación”.
As Xornadas, que reúnen hoxe e mañá a un cento de docentes de Tecnoloxía, teñen como obxectivo o intercambio e divulgación de experiencias didácticas, material de aula e proxectos relacionados con esta área, así como unha reflexión sobre a materia, de tal modo que os participantes poidan mellorar a súa intercomunicación a prol dunha mellora da calidade do ensino público. Así mesmo ofrécese ao profesorado un afondamento práctico nos distintos ámbitos desta parte do currículo escolar – electrónica, informática...-, facendo especial fincapé nas experiencias innovadoras e nas novas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) como recurso educativo.
Obradoiros prácticos
A duodécima edición deste encontro arrincou hoxe coa conferencia inaugural de Javier Méndez Zunzunegui. O encontro está centrado, na súa maior parte, en obradoiros, a través dos que o profesorado asistente poderá afondar en ferramentas como Google Apps ou Google Inventor, o uso do software libre no ámbito do ensino en xeral e da Tecnoloxía en particular, o moldeo de modelos tridimensionais en parafina, ou diferentes prácticas de fundición, entre outros temas. Ademais, exporanse proxectos, como os elaborados polo alumnado sobre planos reais e a escala 1:10 de instalacións eléctricas.
O programa das xornadas complétase con visitas didácticas para os asistentes, á Escola de Artes e Oficio de Vigo ou ao Citexvi (Cidade Tecnolóxica de Vigo) e mais ao Centro de Interpretación das Illas Atlánticas.