A Consellería de Cultura e Educación apoia a excelencia dos investigadores galegos con 900.000 euros en achegas para os participantes no prestixioso programa Starting Grant [1]
Seis investigadores galegos obtiveron axudas deste programa europeo, que se verán complementadas coas axudas da Xunta de Galicia
Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia premia os investigadores máis destacados na captura de fondos públicos de programas nacionais e europeos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria achegará 900.000 euros ás universidades galegas para complementar as axudas concedidas aos líderes galegos seleccionados polo prestixioso programa europeo Starting Grant.
Deste xeito o departamento educativo da Xunta de Galicia premia os investigadores máis destacados na captura de fondos públicos de programas nacionais e europeos Neste sentido cómpre lembrar que a concesión das axudas de Starting Grant a 6 investigadores galegos constitúen un gran logro para o Sistema Universitario de Galicia (SUG), xa que se trata dun programa símbolo da investigación de calidade, e recoñecido internacionalmente.
Con estas axudas, a Consellería de Cultura e Educación recoñece o labor destes investigadores, ao tempo que contribúe ao avance da I+D+i nas universidades do SUG, cos evidentes beneficios de transferencia de coñecemento á sociedade, e o prestixio das nosas universidades.
Destinatarios
Os beneficiarios destas axudas serán Carlos Salgado López, Miguel López Pérez, Rubén Nogueiras Pozo e Francisco Rivadulla Fernández da USC, David Posada González da UVIGO; e Héctor Gómez Díaz, da UDC; investigadores aos que o Consello Europeo de Investigación (ERC) concedeu axudas ao abeiro do Programa Starting Grants.
O Programa Starting Grant está destinado a axudar á creación de grupos de investigación independentes ou a consolidar grupos incipientes cuxa actividade investigadora estea na fronteira do coñecemento en calquera temática e amose unha traxectoria prometedora, polo que se trata dun programa moi competitivo.
Destino da achega
Para contribuír á actividade desenvolvida ao abeiro deste programa, as universidades das que dependen os líderes das Starting Grants recibirán 50.000€ anuais por líder durante 3 anos. As universidades poderán destinalos á contratación de persoal investigador ou auxiliar para o grupo, á compra de pequeno equipamento e material funxible, custos de mantemento derivados de materiais, subministracións, instrumental ou material bibliográfico e adhesión a sociedades científicas.
Ademais as axudas poderán destinarse á formación dos membros do grupo relacionada coa actividade obxecto da axuda, á organización de actividades de difusión e á posta en marcha de ferramentas de xestión do coñecemento e a información, tales como aplicacións informáticas, bases de datos, etc.