A Consellería Cultura e Educación impulsa o galego no ámbito socioeconómico, da man da Confederación de Empresarios de Galicia [1]
A Consellería dirixida por Vázquez Abad apoia a incorporación da lingua galega no tecido empresarial por medio dun convenio de colaboración coa CEG
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e mais a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) colaboran para levar a cabo o programa 2012 para a potenciación e desenvolvemento de accións de dinamización lingüística no eido socioeconómico, a través das iniciativas derivadas das entidades empresariais e asociativas vinculadas á CEG.
Plataforma web
Por medio dun convenio de colaboración coa Consellería dirixida por Vázquez Abad, a CEG estalle a prestar asesoramento lingüístico ás empresas e desenvolve, asemade, un proxecto de dinamización lingüística baseado na promoción do uso do galego a través das Tecnoloxías da Información e da Comunicación (TIC), co fin de adaptar a comunicación empresarial e darlle maior proxección e visibilidade á lingua propia de Galicia.
Isto estao a facer a CEG, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, por medio do portal web www.normalizacion.ceg.es [2]. Dito enlace ofrece, en aberto, outras posibilidades, nomeadamente por medio da súa biblioteca virtual e dunha sección de recursos normativos arredor da lingua e dos dereitos lingüísticos da cidadanía.
Servizo de normalización lingüística
Outra das liñas de actuación derivadas da colaboración entre as dúas entidades baséase na asesoramento lingüístico, corrección e tradución de textos ao galego, que a CEG ofrece desde o seu servizo de normalización lingüística, co apoio da Consellería. O obxectivo é que os empresarios poidan mellorar a súa competencia comunicativa en lingua galega e activar o seu uso como lingua vehicular das empresas.
Dentro das tarefas do servizo de normalización lingüística da CEG atópase a creación de recursos e materiais destinados a estas empresas interesadas en incorporar o galego á súa actividade. Para isto os empresarios contan con técnicas e ferramentas específicas destinadas a mellorar as súas habilidades de atención ao público, e a prestación de produtos e servizos en galego, tanto por vía telefónica como por internet.
Máis de 1.000 consultas atendidas en 2011
O servizo lingüístico da CEG atendeu o pasado ano máis de 1.000 consultas, entre asesoramento lingüístico, solicitude de traducións e/ou correccións e descarga de modelos de documentación de xestión empresarial.
O número crecente de usuarios destes servizos (concretamente, 300 solicitudes máis que en 2010) revela un maior interese polo uso do galego, así como pola progresiva sensibilización, por parte do tecido empresarial, polo valor da lingua de Galicia e polos beneficios de promovela desde o marco do plurilingüismo emerxente, como símbolo de modernidade, innovación, proximidade e, sobre todo, como vantaxe competitiva.
Plan xeral de normalización da lingua galega
Por medio desta colaboración coa CEG, a Consellería de Cultura e Educación apoia e promove a lingua propia de Galicia e, ao tempo, o tecido empresarial que emprega o galego ou quere incorporalo como lingua vehicular da súa actividade socioeconómica, de acordo cos obxectivos emanados do Plan xeral de normalización da lingua galega.