A Consellería de Cultura e Educación propón unha viaxe pola historia da banda deseñada galega a través da exposicón ‘Orixes do cómic en Galicia’ [1]
O secretario xeral de Cultura presentou esta mañá a mostra instalada no Cidade da Cultura, que recolle por vez primeira o traballo de 50 ilustradores galegos de finais do século XIX e comezos do XX
A mostra, comisariada por Rosario Crespo, inclúe desde a primeira tira cómica en galego ata ilustracións de Camilo Díaz Baliño, viñetas de Maside, manuscritos de Risco ou historietas de Castelao guionizadas por Ramón Cabanillas
De xeito paralelo á exposición, a Consellería pon en marcha un concurso de banda deseñada que terá como escenario do traballo o complexo do Gaiás
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria propón unha viaxe polos precursores da banda deseñada galega a través da exposición Orixes do cómic en Galicia, que se pode visitar desde hoxe e ata o 10 de xuño no Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura.
O secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; a directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, Beatriz González Loroño; e a comisaria da exposición, Rosario Crespo, presentaron esta mañá en rolda de prensa a mostra, que pretende achegarlle ao público obras orixinais e inéditas de creadores galegos de finais do século XIX a comezos do XX, moitos dos cales forman parte dos fondos da Biblioteca de Galicia. De feito, esta exposición é posible grazas ao labor de investigación en hemerotecas, arquivos, museos, bibliotecas e coleccións particulares levado a cabo pola comisaria da mostra e técnica da Biblioteca de Galicia, Rosario Crespo, coa colaboración de Daniel Buján, director da Biblioteca de Galicia.
As bases da banda deseñada galega
Nun percorrido cronolóxico desde a década de 1880 ata 1960, Orixes do cómic en Galicia recolle por primeira vez o traballo de 50 ilustradores galegos que sentaron as bases da banda deseñada. Desde a primeira tira cómica en galego –publicada en 1888 na revista pontevedresa O Galiciano– ata o primeiro personaxe protagonista dunha viñeta nun xornal –Don Fermín, creado por Enrique Pardo, e que aparecería por primeira vez en 1933 en Faro de Vigo–, a exposición está formada por unha recompilación de pezas en papel que se complementa con documentos únicos en formato dixital como a primeira viñeta publicada en galego nun xornal madrileño, autoría de Manuel Torres.
Grandes descoñecidos como Gerardo Castaño ou Lino González Rubido comparten protagonismo nesta mostra con destacadas figuras da ilustración como José María Cao, Manuel Bujados, Manuel Torres, Federico Ribas, Máximo Ramos, Camilo Díaz Baliño, Castelao ou Maside e con Eduardo Blanco Amor e Ramón Cabanillas como guionistas. “Trátase dun percorrido –segundo explicou Anxo Lorenzo– pola historia do cómic, pero tamén pola traxectoria creativa de todos eses autores que contribuíron a que a banda deseñada sexa hoxe un dos piares das industrias culturais galegas”.
O secretario xeral participará tamén esta tarde na inauguración da exposición, que terá lugar a partir das 19:30 horas no Arquivo de Galicia da Cidade da Cultura.
Libros para ver: tres exposicións ao redor do libro
Orixes do cómic en Galicia forma parte dun ciclo de exposicións que acolle o Arquivo de Galicia e que xira ao redor dun denominador común: o libro. Libros para ver é o título común a estas tres mostras que inclúe a exposición de Caxigueiro e Baldo Ramos, Os ollos das palabras, inaugurada o pasado venres 9 de marzo.
Ademais da exposición do cómic que se abre hoxe ao público, o Arquivo presentará a final de mes Do it yoursef! Incunables contemporáneos dun impresor particular, que xira ao redor da figura de Francisco Barros Cascalhar, máis coñecido como Chankechán, zapateiro de profesión e escritor de vocación que, ante a imposibilidade de publicar as súas obras, decidiu autoeditarse a través dunha imprenta caseira fabricada por el mesmo e doar os seus exemplares a bibliotecas como a Vaticana ou as nacionais de España, Francia e Portugal.
Concurso de banda deseñada
De forma paralela á exposición Orixes do cómic en Galicia, a Cidade da Cultura pon en marcha o concurso Crea a túa propia banda deseñada, no que os participantes poderán demostrar a súa destreza como ilustradores. Organizado en tres categorías (infantil: ata 12 anos; xuvenil: de 13 a 17; e adulto: a partir de 18 anos), as historias, escritas en lingua galega, deberán ter como escenario o complexo do Gaiás. Os traballos non excederán as dez páxinas ademais da portada e poden ser en branco e negro ou en cor.
Os cómics deberán enviarse antes do 14 de maio á dirección de correo electrónico online@cidadedacultura.org [2], cun peso de arquivo máximo de 10 MB. Cada peza levará o nome de autor, idade, enderezo postal, enderezo electrónico e documento de identidade escaneado. O gañador de cada categoría recibirá unha tableta gráfica, coa que poderá introducir gráficos ou debuxos a man.
O xurado decidirá os gañadores o 11 de xuño, un día despois da clausura da exposición Orixes do cómic en Galicia, e os nomes dos premiados daranse a coñecer na páxina web da Cidade da Coruña.