A Xunta centra o III Concurso de Podcasts para escolares na figura de Xela Arias co gallo do Día das Letras [1]
Os centros educativos presentan proxectos realizados a través do programa Radio na biblio
Tamén no ámbito das bibliotecas escolares convócase a sétima edición do Concurso Traballos por Proxectos, con prazo de solicitude ata o 10 de xullo
A Xunta de Galicia, coa colaboración da Radio galega, convoca o III Concurso de Podcasts-Radio na biblio, a través do que o alumnado participante realizará traballos arredor da figura de Xela Arias, co gallo do Día das Letras 2021. O obxectivo do certame é estimular a elaboración de produtos radiofónicos por parte dos estudantes, enfocados a salientar a riqueza do patrimonio lingüístico galego, especialmente vinculados á lectura de poesía galega ou ao mundo do libro, da edición e da tradución.
Poderán participar neste concurso os 109 centros públicos participantes no co programa Radio na Biblio, da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, así como outros centros que traballan xa co laboratorio de radio como ferramenta pedagóxica. Na segunda edición do certame participaron 21 centros educativos que enviaron un total de 29 traballos.
O certame consta de catro modalidades, segundo o nivel do ensino (Infantil e primeiro ciclo de Primaria; resto de Primaria; ESO e Bacharelato; ensinanzas de Persoas Adultas ou Ciclos Formativos), e seleccionaranse dous podcasts por modalidade. Cada centro educativo pode presentar un máximo de tres traballos, todos eles en lingua galega. O arquivo sonoro, que deberán enviar en formato mp3 ou wav, pode ser unha entrevista, unha cuña publicitaria, un noticieiro, un faladoiro, un debate ou un programa monográfico, entre outros.
O prazo para a presentación de solicitude de participación e do resto da documentación rematará o 26 de abril de 2021. Os detalles da convocatoria poderán consultarse no portal educativo da Xunta de Galicia [2].
Difusión na Radio Galega
Os centros gañadores nas distintas modalidades recibirán unha asignación extraordinaria de 1.000€ para melloras no laboratorio de radio ou para actividades relacionadas co funcionamento do mesmo, sempre vinculado á biblioteca do centro. Así mesmo, poderán visitar as instalacións da Radio Galega en Santiago de Compostela. Os podcasts premiados serán emitidos por esta emisora; á súa vez, serán difundidos a través da súa páxina web e da canle dixital do Diario Cultural.
Traballos por proxectos
Tamén no ámbito das bibliotecas escolares, a Xunta de Galicia convoca a sétima edición do Concurso Traballos por Proxectos, cuxo obxectivo é estimular o impulso de iniciativas de carácter interdisciplinario e de investigación desde estes espazos, contribuíndo á adquisición de competencias-clave, e premiar as boas prácticas dos centros a este respecto. Poderán participar no certame os centros públicos dependentes da Consellería de Cultura, Educación e Universidade que desenvolveran este tipo de proxectos ao longo do pasado curso ou que o fagan no actual.
A convocatoria contempla catro modalidades de participación, unha delas de nova incorporación este curso. A primeira delas céntrase nos proxectos de carácter interdisciplinario (ou Proxectos Documentais Integrados) coordinados desde a biblioteca escolar e que conten coa participación dun mínimo do 40% dos grupos-aula do centro.
A segunda vai dirixida a iniciativas de investigación coordinadas por profesorado dun grupo, nivel, ciclo ou departamento, incluídos os que se realicen na materia de libre configuración de 1º e 2 de ESO Investigación e Tratamento da Información; mentres que a terceira está centrada nos proxectos de investigación intercentros promovidos desde as bibliotecas. A temática escollida nestas tres modalidades pode ser de calquera ámbito de coñecemento.
Nova modalidade científica
A cuarta modalidade, novidade este ano, xira arredor dos proxectos realizados con metodoloxía científica, co fin de estimular a curiosidade por distintos fenómenos das ciencias experimentais ou sociais e reforzar o desenvolvemento do pensamento científico.
Os proxectos deben responder a temas de interese do alumnado ou pertinencia educativa, desenvolver contidos curriculares e contribuír á adquisición de competencias clave.
O prazo de presentación de solicitudes estará aberto ata o vindeiro 10 de xullo, a través do web de Bibliotecas Escolares.