A Xunta remite ao Concello de Cambados o convenio asinado para a construción do novo comedor do CEIP San Tomé [1]
O documento xa foi asinado polo conselleiro, Román Rodríguez, demostrando o compromiso do seu departamento coa execución desta infraestrutura
Os traballos contarán un orzamento de 120.000 euros dos que se farán cargo ao 50% cada administración
A Consellería de Cultura, Educación e Universidade achégalle hoxe ao Concello de Cambados o convenio –xa asinado polo conselleiro, Román Rodríguez– para a construción do novo comedor do CEIP San Tomé, nesta localidade pontevedresa.
Con este acordo o Goberno galego amosa o se compromiso coa execución desta infraestrutura, que agora deberá ratificar o Concello de Cambados. Non en balde, o convenio establece que o orzamento da execución do novo comedor será de 120.000 euros que será sufragado ao 50% por ambas administracións.
Segundo o establecido no convenio, a Consellería achegará 60.000 euros e ocuparase da licitación, dirección, execución e recepción das obras. A maiores de achegar o restante orzamento, o Concello de Cambados deberá conceder as autorizacións precisas para realizar os traballos, así como proporcionar as subministracións básicas necesarias (abastecemento de auga, saneamento e electricidade) para a prestación do servizo de comedor.
A obra consistirá na reorganización interior dunha parte do centro, para dotalo dun comedor e dunha aula de atención educativa. A intervención terá lugar nunha zona na que, actualmente, se atopa unha vivenda que non ten uso, e no entorno dos aseos xerais. Tamén se ampliará o espazo ocupando parte do patio cuberto existente.
O novo espazo contará con case 210 metros cadrados para o comedor e a aula de atención educativa. Disporanse, así mesmo, aseos accesibles para persoas con discapacidade e reservarase un espazo para a Anpa do centro.